Uso de cookies nas páxinas web do Concello de A Coruña

Nas páxinas web municipais utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos mediante o análise dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información, ou coñecer como cambiar a configuración, na nosa páxina de "Normas de uso"..

Concello da Coruña

  • Compartir
  • Engadir ao meu móbil | 
  • Imprimir

Cando:

15 de maio de 2019

A Coruña amplía o percorrido de liñas de bus urbano que darán cobertura á veciñanza de Oleiros, Arteixo e Culleredo dentro da “aposta real do Concello por unha mobilidade metropolitana”

Mediante a firma de dous convenios, a liña 24 do transporte público urbano da Coruña chegará até a contorna das urbanizacións Olivos, Vallesur e Montegolf, mentres que a 1A penetrará até Santa Cristina durante o período estival

O Concello da Coruña, dentro da súa vocación metropolitana, dará servizo á veciñanza dos concellos veciños de Oleiros, Culleredo e Arteixo, ademais da propia cidadanía coruñesa, mediante a ampliación de varias liñas do transporte público urbano. Esta mesma xornada, o goberno local asinou un convenio no que tamén participan tanto a Xunta de Galicia, como ente coas competencias do transporte interurbano, como Culleredo e Arteixo, que estipula que a liña 24 do bus ampliará o seu percorrido traspasando os límites municipais, para dar servizo á veciñanza das urbanizacións do ámbito da Zapateira como os Olivos, Vallesur e Montegolf. No caso de Arteixo, esta será a segunda liña de bus urbano que circula polo seu municipio, logo da penetración da liña 6 até Meicende.

O convenio, cunha vixencia de catro anos, destaca que as urbanizacións de Culleredo e Arteixo teñen unha notable carga de poboación que, maioritariamente por motivos laborais ou formativos, acode diariamente á Coruña. "Esa necesidade de mobilidade non estaba cuberta até o de agora por ningún servizo público de transporte interurbano, sendo a única alternativa ao vehículo privado", indica o alcalde, Xulio Ferreiro, que sinala que "esta situación xeraba non só maior contaminación, senón máis atascos". "Coa ampliación da liña 24 volvemos amosar a vontade metropolitana do Concello da Coruña e a aposta pola cooperación e a mellora dos servizos públicos e da calidade de vida da cidadanía", salienta.

O pasado setembro, tanto o alcalde da Coruña como o seu homólogo cullerdense, José Ramón Riobóo, chegaron a un acordo político para impulsar a ampliación da liña 24. O citado acordo foi trasladado posteriormente, tanto ao concello de Arteixo como á Xunta de Galicia --como administración encargada de autorizar a modificación de trazado-- co obxecto de asinar un convenio a catro bandas, que hoxe se ratifica.

Xa o pasado mes de abril, o primeiro edil asinou outro convenio de similares características, tamén cunha vixencia de catro anos, polo que, entre o 15 de xuño e o 15 de setembro a liña de transporte urbano 1A penetrará en Oleiros para chegar até a praia de Santa Cristina. O convenio, asinado, neste caso, entre Concello da Coruña, Xunta de Galicia e Oleiros, pon de relevo que durante os meses estivais este areal constitúe un importante punto de destino de viaxes que debe ser atendida entre as administracións competentes.

En ambos casos, conformaranse unhas comisións técnicas e de seguimento que analizarán a viabilidade desta ampliación de servizos. Igualmente, os convenios especifican que tanto Oleiros como Arteixo e Culleredo compensarán economicamente ao Concello da Coruña.

  • Concello da Coruña
    • Ayuntamiento de A Coruña | Concello da Coruña
    • Praza de María Pita, 1. 15001 A Coruña
    • 981 184 200 ou desde dentro do termo municipal ao teléfono de atención 010
Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Safari e Microsoft Internet Explorer 10 ou superior. Instalar agora un navegador compatible

?