Uso de cookies nas páxinas web do Concello de A Coruña

Nas páxinas web municipais utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos mediante o análise dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información, ou coñecer como cambiar a configuración, na nosa páxina de "Normas de uso"..

Concello da Coruña

  • Compartir
  • Engadir ao meu móbil | 
  • Imprimir

Cando:

20 de setembro de 2018

O alcalde destaca “o potencial innovador que irradia A Coruña”, primeira cidade do Estado que acollerá a Mobile Week

O evento, que terá lugar entre os días 21 e 28 de novembro, propón unha programación gratuíta que se desenvolverá en máis de 20 espazos na cidade e na Área Metropolitana

A cidade acollerá entre os días 21 e 28 de novembro a primeira edición da Mobile Week Coruña, organizada por Mobile World Capital Barcelona, que organiza a prestixiosa Mobile World Congress. Na súa presentación, este xoves na Fundación Luís Seoane, o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, salientou que a celebración deste evento "é unha moi boa noticia" que sitúa tanto á cidade como a súa Área Metropolitana no lugar que lle corresponde "como motor social e de desenvolvemento de Galicia". "Temos un gran potencial no que atinxe a innovación e, como cidade, temos a obriga de irradiar e conectar con outras cidades da contorna, da comunidade e do Estado", indicou, á vez que manifestou que o Concello colaborará na organización deste evento xunto a outras entidades como a Deputación da Coruña, a Axencia de Modernización Tecnolóxica e o Club Financeiro Atlántico da Coruña.

Segundo os seus promotores, a iniciativa fusiona arte, ciencia e tecnoloxía para crear espazos de reflexión sobre a transformación dixital e o seu impacto na sociedade actual. A programación inclúe distintos actos de carácter transversal, para todos os públicos, e que se desenvolverán en máis de 20 espazos distintos entre o termo municipal, a Área Metropolitana e a propia Compostela, na Cidade da Cultura. "Cando se nos presentou a posibilidade de poder acoller este evento, non o dubidamos, xa que encaixa perfectamente co modelo de cidade que estamos a construír", comentou o rexedor. "Nestes últimos anos levamos a cabo moitos proxectos que teñen como obxectivo crear ferramentas que faciliten e melloren a calidade de vida da cidadanía a través da innovación, uns principios nos que tamén se basea a Mobile Week", apuntou, á vez que recordou todo o traballo iniciado e liderado polo Concello para a constitución da Área Metropolitana. "Esta Mobile Week representa, en parte, A Coruña que queremos ser. Unha Coruña innovadora e transformadora. Unha Coruña de oportunidades. Unha Coruña Próxima, conectada. Unha Coruña na que todos os barrios son centro e que pensa e actúa con perspectiva metropolitana", manifestou. "É necesario que tanto dende as institucións públicas como dende as privadas aproveitemos as evolucións tecnolóxicas para facer desta unha sociedade mellor", insistiu, a vez que salientou a importancia da gratuidade das actividades que oferta esta cita tecnolóxica. "Un evento deste tipo non ten sentido senón o facemos de forma participada, involucrando á cidadanía, tal e como facemos dende o goberno local", incidiu.

O primeiro edil convidou a toda a cidadanía a participar nesta primeira edición descentralizada da Week Mobile "para poder darlle a nosa perspectiva atlántica a un acto que nos sitúa, unha vez máis, no centro das novas políticas transformadoras". Esta "vocación de atlanticidade" tamén foi destacada por Mariano Gómez Ulla, presidente do Club Financeiro Atlántico, entidade que participa de forma activa na celebración deste evento innovador.

Por outro lado, no marco da presentación, Carlos Grau, o CEO da Mobile Word Capital Barcelona, salientou que A Coruña está dentro da liga das "cidades do futuro" e salientou "a oportunidade que supón o seu porto como laboratorio activo" de retos de futuro. O acto contou tamén coa participación de Bernardo Fernández, deputado provincial e alcalde de Pontedeume, e Mar Pereira, directa xeral da Axencia de Modernización Tecnolóxica da Xunta.

  • Concello da Coruña
    • Ayuntamiento de A Coruña | Concello da Coruña
    • Praza de María Pita, 1. 15001 A Coruña
    • 981 184 200 ou desde dentro do termo municipal ao teléfono de atención 010
Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Safari e Microsoft Internet Explorer 10 ou superior. Instalar agora un navegador compatible

?