Uso de cookies nas páxinas web do Concello de A Coruña

Nas páxinas web municipais utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos mediante o análise dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información, ou coñecer como cambiar a configuración, na nosa páxina de "Normas de uso"..

Concello da Coruña

Cando:

19 de outubro de 2018

O alcalde recorda ao persoal de Alcoa que “ten a toda unha cidade detrás” e evidencia “a unidade que está a amosar o Pleno á hora de loitar contra o peche da planta”

A Corporación Municipal aprobou hoxe unha declaración institucional que insta a Xunta e o Estado a artellar unha fronte común na defensa dos postos de traballo e que explicita o apoio do Concello a todas as mobilizacións convocadas na defensa dos postos de traballo, como a que partirá mañá, ás 11.00 horas, da Praza da Palloza

A Corporación Municipal aprobou este venres en Pleno unha declaración institucional de apoio aos e ás traballadoras de Alcoa e de rexeitamento ao anuncio unilateral por parte da multinacional do peche das factorías da Coruña e de Avilés. Nunha sesión extraordinaria á que acudiron representantes do cadro de persoal da planta coruñesa, o alcalde, Xulio Ferreiro, quixo enviar unha mensaxe a todas as persoas que, de xeito directo ou indirecto, están afectadas polo anuncio de peche: "Non estades soas. Tendes a toda unha cidade detrás". "A Corporación municipal estará aí en todo momento. Como alcalde, participarei en todos os foros aos que se me convoque e traballarei para poder armar esa necesaria fronte institucional para tratar de reverter esta situación", dixo, á vez que recordou que espera estar en breve coa ministra de Industria, co alcaldesa de Avilés e cos presidente de ambas comunidades.

Tal e como se adiantou onte, a declaración institucional, aprobada por unanimidade e pactada na Xunta de portavoces, insta á Xunta de Galicia e ao goberno do Estado a conformar, xunto co Concello da Coruña, "unha fronte institucional común en defensa do emprego, do mantemento da actividade industrial de Alcoa e, en consecuencia, da retirada do ERE presentado pola empresa", e manifesta o apoio da Corporación municipal "ás mobilizacións que convoquen os e as traballadoras da planta", como a prevista para este sábado. A este respecto, o alcalde incidiu en que tanto o grupo de goberno como o resto de formacións con representación na cámara municipal estarán mañá na mobilización convocada que partirá ás 11.00 horas da praza da Palloza.

Tras a celebración da sesión plenaria, o rexedor mantivo un breve encontro cos representantes do cadro de persoal, cos que xa estivo en contacto ao longo dos últimos días, unha vez se coñeceu o anuncio da multinacional estadounidense. En declaracións posteriores aos medios, o primeiro edil salientou a importancia da "unidade" entre actores sociais, traballadores e administracións á hora de loitar a prol do mantemento dos postos de traballo. "Como alcalde tócame empurrar para non deixar que esta reivindicación esmoreza e para levar a voz dos e das traballadoras a onde corresponda, para que todas as administracións se involucren no que está a suceder", dixo, á vez que agradeceu "a unidade de todos os grupos con representación municipal" evidenciada no Pleno. "Isto debe referendarse mañá na rúa, nunha manifestación que deixe claro que Alcoa ten que continuar", dixo.

Pola súa banda, o presidente do comité de empresa, Juan Carlos López Corbacho, agradeceu os apoios que están a recibir e salientou que nesta mesma mañá, ademais de acudir ao Concello da Coruña, tamén se reuniron co delegado do goberno en Galicia, Javier Losada, e co presidente autonómico, Alberto Núñez Feijóo. "Sentimos a cidade con nós, toda a xente está a darnos ánimos e folgos, mañá estaremos na praza da Palloza, cunha manifestación na que queremos demostrar que non estamos débiles. Temos raiba polo que está pasando, pero as forzas intactas", dixo.

  • Concello da Coruña
    • Ayuntamiento de A Coruña | Concello da Coruña
    • Praza de María Pita, 1. 15001 A Coruña
    • 981 184 200 ou desde dentro do termo municipal ao teléfono de atención 010
Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Safari e Microsoft Internet Explorer 10 ou superior. Instalar agora un navegador compatible

?