Uso de cookies nas páxinas web do Concello de A Coruña

Nas páxinas web municipais utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos mediante o análise dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información, ou coñecer como cambiar a configuración, na nosa páxina de "Normas de uso"..

Concello da Coruña

Cando:

2 de agosto de 2017

O alcalde reitera ao comité de empresa de Cespa Ferrovial "a garantía de que os postos de traballo e as condicións salariais e laborais do persoal de limpeza viaria e recollida de residuos están e estarán asegurados"

O goberno local constituirá hoxe mesmo unha comisión para a resolución do conflito que, presidida pola edil de Medio Ambiente, convocará “á máxima urxencia” ao comité de folga para procurar vías de diálogo

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, trasladou este mércores ao comité de empresa de Cespa Ferrovial, empresa que presta os servizos municipais de limpeza viaria e recollida de residuos sólidos urbanos, a garantía de que os postos de traballo e as condicións salariais e laborais dos e das traballadoras, tanto no contrato de recollida de lixo como no de limpeza viaria, están e van a estar garantidos nos futuros pregos, actualmente en redacción. "Para este goberno local, tanto os postos de traballo como as condicións salariais e laborais son unha prioridade, algo que debe quedar ben claro e que responde a unha prioridade en todos e cada un dos procedementos de contratación pública, sen que este vaia ser unha excepción", salientou o rexedor ao remate da xuntanza "frustrada" co comité de empresa, que hoxe se declarou "interlocutor non válido para negociar" e abandonou o breve encontro mantido co propio alcalde e a concelleira de Medio Ambiente, María García, celebrado en resposta á solicitude que o propio presidente do órgano de representación do cadro de persoal deste servizo trasladou ao Concello a semana pasada, e concedido tamén antes do preaviso de folga.

Ferreiro reiterou que o compromiso do goberno coruñés cos postos de traballo e coas condicións laborais "non é, en calquera caso, unha novidade, senón que xa se lle transmitiu tanto ao propio comité de empresa como ao sindicato STL, maioritario dentro do comité e convocante da folga, ao longo dos diversos contactos mantidos, e nos que se lles trasladou que son unha precondición, o que nos leva a entender e reiterar que no existen condicións obxectivas para unha folga". Do mesmo xeito, lamentou que o comité se declarase hoxe "non facultado" para a interlocución co Concello. "O comité de empresa é a representación legal de todos e todas as traballadoras, é necesario que o comité poida exercitar debidamente as súas funcións, porque isto é o que garante que o corpo xeral de traballadores teña toda a información e os seus dereitos garantidos", observou.

"O que pasou hoxe fai máis difícil o diálogo, xa que este podía ter comezado nesta mesma reunión. O diálogo e o ánimo de dialogar esixen que as dúas partes queiran e o fagan cando teñen oportunidade. En todo caso, o Concello vai seguir intentando as vías de diálogo e este obstáculo formal non vai ser impedimento, senón que seguiremos buscando as vías que sexan necesarias", sinalou o primeiro edil que, neste sentido, avanzou que hoxe mesmo constituirá formalmente unha comisión para a resolución do conflito por parte do Concello da Coruña, presidida pola responsable municipal de Medio Ambiente, e que convocará "á máxima urxencia" ao comité de folga -que segundo a comunicación do preaviso de folga é un comité unipersoal, constituído unicamente polo secretario xeral do STL-, tal e como se está a requirir dende o comité de empresa.

Redacción dos pregos

Na intervención, o alcalde volveu pedir que se aclaren "tanto os motivos reais da convocatoria de folga como as medidas que se quere que tome o goberno local para que sexa desconvocada", e lembrou que esta foi convocada antes de terse producido unha xuntanza coa representación dos traballadores para dar a coñecer as súas reivindicacións. "Podo intuír que estas teñen que  ver coa garantía da continuidade dos postos de traballo e das condicións laborais e por iso reafírmome en que non vexo ningún motivo para a folga, porque os traballadores poden ter por seguro que as condicións laborais e a totalidade dos postos, tal e como figuran no seu convenio colectivo, van ser respectados", incidiu. Tamén, Ferreiro lembrou a intención do Concello de convocar un procedemento de exposición pública dos pregos para que as persoas interesadas, tamén o comité de empresa e tamén os sindicatos, poidan facer as súas achegas, de xeito que poidan ser partícipes da redacción dos pregos, "un procedemento novidoso que está previsto legalmente pero que non é práctica habitual en case ningún concello de Galicia". "A concelleira xa informou hai semanas aos representantes dos traballadores de que poderán ter a oportunidade de comprobar que o que hoxe estou dicindo vai estar no papel, polo que entendo que os traballadores de Cespa deberían estar tranquilos, porque as súas opinións van ser tidas en conta", subliñou. Ao fío, advertiu de que a convocatoria dunha folga non pode basearse, en ningún caso, en demandas alleas aos intereses lexítimos dos traballadores, e así se lle transmitirá ao comité de folga. "O que non podemos é entrar a negociar reivindicacións que non sexan exclusivamente laborais ou que vaian en contra da normativa da contratación pública", adiantou.

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Safari e Microsoft Internet Explorer 10 ou superior. Instalar agora un navegador compatible

?