Uso de cookies nas páxinas web do Concello de A Coruña

Nas páxinas web municipais utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos mediante o análise dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información, ou coñecer como cambiar a configuración, na nosa páxina de "Normas de uso"..

Concello da Coruña

Cando:

8 de marzo de 2017

O alcalde reivindica no Día das Mulleres "a loita contra o feminicidio para non permitir unha soa vítima máis das violencias machistas"

Oito de marzo

Xulio Ferreiro e a edil de Igualdade, Rocío Fraga, inauguraron as prazas Oito de marzo e Elvira Bao Maceiras, “para recoñecer e restituír a dignidade de mulleres esquecidas durante anos e que transformaron a sociedade”

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, salientou na mañá do Día Internacional das Mulleres, festividade local, a aposta decidida do Goberno local contra as violencias machistas e que se manifesta no traballo que se está a realizar, en colaboración coa veciñanza, no desenvolvemento do Pacto Social contra as Violencias Machistas. "O noso obxectivo é que A Coruña sexa unha Cidade Libre de Violencias Machistas, como tamén debe ser en todo o Estado", afirmou. A este respecto, o primeiro edil sinalou que "é necesario" que as administracións públicas "destinen todos os fondos que sexan necesarios para acabar co feminicidio". "É fundamental que a súa erradicación sexa tratada como unha cuestión de Estado. Non debemos nin podemos permitir que morra unha soa muller máis vítima das violencias machistas", aseverou. Nesta liña, Ferreiro incidiu na necesaria conmemoración do Oito de marzo como "un día de reivindicacións". "A nosa sociedade encerra grandes desigualdades, empezando por unha inxente e moi inxusta fenda salarial, que resta autonomía a unhas sobre os outros. Cómpre artellar ferramentas que rematen, dunha vez, con esa desigualdade, especialmente desde as institucións con competencias", explicou, antes de lembrar que, neste sentido, o Goberno local introduciu cláusulas sociais nos contratos públicos, "para potenciar o emprego feminino e que se teña en conta a perspectiva de xénero".

O alcalde fixo estas reivindicacións durante a inauguración, esta mañá, das prazas Oito de marzo e Elvira Bao Maceiras na zona da Cubela, acto no que estivo acompañado pola concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, e membros da Corporación, así como por Elvira Varela e Arturo Kress, filla e neto de Elvira Bao. O rexedor cualificou a data, que por primeira vez é festividade local, como "histórica". "Este Goberno non tivo dúbida que o 8 de marzo, debía ser unha festa con maiúsculas, para celebrar que esta cidade chegou a ter a importancia e a grandeza que posúe pola labor de moitas mulleres ao longo da súa historia", afirmou. "Hoxe é día de festa para recordar as mestras da cidade, como a propia Elvira Bao ou María Barbeito, a quen homenaxeamos este Nadal no Belén municipal; e as lavandeiras, as pescantinas, as redeiras, as traballadoras do muro, as cigarreiras e as históricas sindicalistas. A todas as nosas veciñas", sinalou.

O alcalde tamén quixo facer fincapé na conmemoración dunha data "na que restituímos no rueiro da cidade a dignidade de moitas mulleres que foron esquecidas durante anos". "A Coruña ten unha débeda pendente coas mulleres que axudaron a creala tal e como", asegurou Ferreiro. "Hoxe queremos homenaxear non só a Elvira Bao, mestra e membro destacada das Irmandades da Fala na Coruña. Muller que sufriu na súa propia pel a represión, e que tivo que pasar pola cadea precisamente polas ideas de progreso que defendía. Queremos homenaxear con este acto a todas as mulleres que, coma ela, loitaron. E loitan. A todas as mulleres que deron e dan corda ao reloxo que move a nosa sociedade", dixo.

Nesta liña tamén se pronunciou a responsable municipal de Igualdade, que insistiu que este recoñecemento "é unha débeda histórica desta sociedade para con todas as mulleres. É unha cuestión de xustiza social rachar co silencio e facer explícito este agradecemento polas súas contribucións á vida da cidade". Fraga deu lectura ao manifesto que, baixo o lema Mulleres que transforman realidades, o Goberno local mostra o este Oito de marzo "o seu compromiso por traballar activamente durante todo o ano" para avanzar cara unha igualdade "efectiva e facer realidade a consecución dos dereitos das mulleres" así como "coa superación das dinámicas baseadas nas desigualdades" para mellorar "as condicións de vida de todas".

Unha vez rematou o acto, que incluíu unha ofrenda floral, deu comezo na praza Elvira Bao Maceiras o roteiro Traficando con peixe e cigarros: mulleres, traballos e saberes da cidade, no que, desde a praza Elvira Bao Maceiras até a praza da Fábrica de Tabacos, se fixo un percorrido pola historia dos distintos colectivos de mulleres que mudaron a realidade coruñesa. A ruta forma parte da iniciativa Mulleres que transforman realidades, proposta artellada polo Goberno local para a conmemoración do Día Internacional das Mulleres durante todo o mes de marzo, e que inclúe actividades nos centros cívicos e bibliotecas municipais. 

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Safari e Microsoft Internet Explorer 10 ou superior. Instalar agora un navegador compatible

?