Uso de cookies nas páxinas web do Concello de A Coruña

Nas páxinas web municipais utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos mediante o análise dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información, ou coñecer como cambiar a configuración, na nosa páxina de "Normas de uso"..

Concello da Coruña

Cando:

28 de setembro de 2018

O Concello abre á veciñanza para o seu uso gratuíto o Faro de Oza, “un equipamento público cun modelo de xestión accesible, ubicado nun espazo que a cidade reclama”

A concelleira de Participación, Claudia Delso, indicou que se trata do primeiro dos novos espazo TEUs, á disposición da cidadanía, organizada ou non. A inauguración terá lugar a fin de semana do 6 e 7 de outubro con distintas actividades, entre contacontos, roteiros, debates e concertos

O Concello da Coruña abrirá para o uso gratuíto de toda a cidadanía, a partir do próximo 6 de outubro, un equipamento público tan simbólico como é o Faro de Oza, "espazo que forma parte dese territorio do bordo litoral que a veciñanza reclama". Así o anunciou esta xornada a concelleira de Participación e Innovación Democrática, Claudia Delso, quen informou que o Faro é o primeiro TEU, Espazo Aberto de Uso Cidadán da Coruña, posto en marcha por este goberno local. "Iremos abrindo outros, coa xente e para a xente. Esta apertura é especialmente significativa polo seu emprazamento, nun barrio que, nos vindeiros anos, ten que recuperar o espazo social que lle foi arrebatado coas políticas do urbanismo atroz reproducidas nos últimos 25 anos", dixo.

Delso comentou que os TEUs "teñen como obxectivo promover o mellor aproveitamento dos espazos públicos municipais, favorecendo usos compartidos dos mesmos, tanto por parte das entidades do tecido veciñal e social como para toda a cidadanía". "A idea é que máis persoas se vexan beneficiadas dos recursos públicos", sinalou a responsable municipal, que explicou ademais que outra das características innovadoras  destes novos espazos é que apostan "por un modelo de xestión diferencial, facilitador, accesible e simple". A concelleira quixo facer un chamado a toda a cidadanía para que participe, os días 6 e 7 de outubro, dos actos de celebración e de portas abertas que se deseñaron en colaboración con diversas entidades e colectivos do barrio. "Esa fin de semana producirase a apertura institucional do Faro de Oza, nun acto no que, ademais de contar con actividades para todos os públicos, teremos a todas as entidades da zona coas que estivemos en contacto en todo o momento para enfocar o modelo de espazo", salientou.

Como explicou a titular de Participación, a partir de agora, calquera veciña da Coruña, maior de idade e censada na cidade, así como entidade sen ánimo de lucro e colectivo informal, poderá solicitar facer uso do espazo do Faro de Oza. Estas persoas e organismos poderán celebrar reunións, xuntanzas, actividades sociais e culturais, cursos de formación, reunións de ámbito privado... Toda a información ao respecto quedará colgada na web municipal unha vez que o espazo abra á cidadanía.

A responsable municipal insistiu en que, se ben o uso do espazo é gratuíto, as persoas que o usen deberán ser responsables do seu coidado. O Faro conta con dúas salas de 30 e 40 metros cadrados respectivamente, equipadas con mesas e cadeiras pregables. O uso puntual do espazo poderá solicitarse por un máximo de dous días, salvo excepcións puntuais. O horario de apertura está marcado de 09.00 a 22.00 horas.

Tanto o caso do Faro de Oza como os futuros espazos TEUs que se vaian poñendo a disposición da cidadanía poderán solicitarse a través do rexistro municipal de forma presencial, ou a través da Sede Electrónica. "O espazo adxudicarase por orde de entrada das solicitudes no rexistro", apuntou Delso. As chaves entregarase á persoa que asinou a solicitude de uso e recolleranse no propio Faro de Oza, ao inicio e ao finalizar cada actividade. Para facilitar aínda máis o fluxo de información, a partir da súa apertura, o Faro contará cun espazo web no que a veciñanza poderá ver se está ou non ocupado no período no que querería facer uso del. En todo caso, as solicitudes deberán ser entregadas sempre sete días naturais antes do evento.

Programa de Reapertura

A programación dos actos de reapertura do espazo, o 6 e 7 de outubro, ten como finalidade atraer aos e ás veciñas da cidade ao espazo e conta cunha serie de actividades que xiran en torno á memoria e o mar. Dentro do faro, e no espazo que o rodea, disporanse unha serie de instalacións para acompañar a xornada de portas abertas e visita libre, combinadas con actividades que poñen o foco na versatilidade do espazo e no que representa histórica e sentimentalmente para o barrio dos Castros e para a cidade.

Así, a programación do sábado 6 de outubro contará con actividades entre as 13.00 e as 21.00 horas. Á primeira hora terá lugar o acto de apertura institucional, no que estará presente o alcalde, Xulio Ferreiro, así como diversas entidades do barrio. A actriz Isabel Risco interpretará o monólogo Se o Faro falase. Posteriormente, ás 17.00, celebrase o xogo de enigmas Seica... unha vez en Oza, para maiores de 14 anos. Tamén a esa hora terá lugar un obradoiro de papiroflexia, neste caso para todas as idades, chamado Mi Madriña Querida!. Entre as 18.00 e as 19.00 horas está programado o coloquio veciñal Memorias de area e salitre, mentres que entre 20.00 e 21.00 horas está previsto o recital de Aldaolado dende a terraza do faro.

O día seguinte, domingo 7 de outubro, o Faro estará aberto entre as 12.00 e as 20.00 horas. Entre 11.00 e 12.30 está prevista unha Andaina entre nasas pola Oza mariñeira, unha actividades que conta coa colaboración da Confraría de Pescadores da Coruña. Entre as 13.00 e as 13.45 terá lugar o concerto do grupo Soplo na capela de Oza, mentres que entre as 14.00 e as 17.00 está previsto un xantar popular no entorno do faro. Entre as 17.00 e as 18.00 terá lugar, de novo, o xogo de enigmas Seica... unha vez en Oza. A edil Delso salientou tamén a actividade prevista entre 18.00 e 19.00 e que levará a cabo a Unión de radioaficionados de Coruña, que farán unha experiencia real de conexión a través da rede de persoas radioaficionadas, poñendo en valor a función dos faros para enviar sinais e mensaxes. Será unha experiencia piloto do uso do faro para actividades de colectivos da cidade. Ademais, o domingo haberá, durante todo do día, un encontro con debuxantes e debuxantas urbanas. A oferta complétase cunhas actividades permanentes, con mostras e safari fotográfico (para descubrir o entorno do Faro con fotos antigas), así como proxeccións audiovisuais.

Documentos:

Espazos TEU (243 KB)

Programación reapertura do Faro de Oza - 6 e 7 de outubro (1 MB)

  • Concello da Coruña
    • Ayuntamiento de A Coruña | Concello da Coruña
    • Praza de María Pita, 1. 15001 A Coruña
    • 981 184 200 ou desde dentro do termo municipal ao teléfono de atención 010
Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Safari e Microsoft Internet Explorer 10 ou superior. Instalar agora un navegador compatible

?