Uso de cookies nas páxinas web do Concello de A Coruña

Nas páxinas web municipais utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos mediante o análise dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información, ou coñecer como cambiar a configuración, na nosa páxina de "Normas de uso"..

Concello da Coruña

Cando:

25 de novembro de 2016

O Concello abre un novo proceso participativo en Monte Alto para mellorar a mobilidade do barrio coa recuperación do 'Camiño do Vixía'

Mapa de Monte Alto do ano 1907

Mapa de Monte Alto do ano 1907

Os concelleiros de Rexeneración Urbana e Mobilidade Sostible participan esta tarde, no CEIP Sanjurjo de Carricarte, no acto de presentación, que pretende abrir “unha reflexión colectiva sobre o espazo público do barrio”

O Concello abre esta tarde un novo proceso participativo coa veciñanza de Monte Alto, co obxectivo de abordar a recuperación do chamado Camiño do Vixía, un itinerario que conecta o Campo de Marte coa Rolda de Monte Alto  ata o depósito de augas -o chamado Vixía de Monte Alto- baseado na mellora da accesibilidade peonil, de cara a equilibrar a convivencia entre peóns e automóbil no barrio e establecer unha conexión cómoda entre unha parte importante dos seus equipamentos, como son o CEIP Curros Enríquez, o centro cívico e biblioteca municipais de Monte Alto ou a escola infantil Luís Seoane. Os concelleiros de Rexeneración Urbana e Dereito a Vivenda, Xiao Varela, e Mobilidade Sostible, Daniel Díaz Grandío, participarán hoxe (19.00 horas) na primeira sesión do proceso, que se inicia  no CEIP Sanjurjo de Carricarte cun foro de presentación aberto ás asociacións, colectivos e entidades do barrio, ademais de toda a veciñanza que queira participar, e que será a primeira dunha serie de actividades -foros, obradoiros e accións de rúa, así como outras máis lúdicas e colectivas- que se desenvolverán ata principios do ano que vén. A iniciativa, segundo o salienta o responsable de Rexeneración Urbana, pretende ser "unha reflexión acerca do estado do espazo público en Monte Alto para recabar de forma colaborativa propostas sobre a reformulación e mellora da mobilidade e a habitabilidade das rúas e prazas".

Este novo proceso aberto á participación da cidadanía ábrese tamén, tal e como fai notar o responsable municipal, para dar a coñecer polo miúdo e someter a análise a proposta do Goberno municipal para a mellora do espazo público do barrio; un proxecto, o do Camiño do Vixía, que propón a creación dun eixe de preferencia peonil que busca recuperar a centralidade do peón no espazo público, nun itinerario que vai desde a Rúa da Torre, polo Campo de Marte, avenida de Hércules, Verea do Polvorín, continuando pola rúa Marola, Suevia e Vía Ártabra, ata atravesar a rolda de Monte Alto e coller a rúa Pedro Galán Calvete e o Parque de Carlos Casares, con punto final na traseira do antigo cárcere. Para iso, prevé unha serie de intervencións, que definirán o tipo de convivencia do coche con otras mobilidades, con solucións distintas dependendo do treito do percorrido.    

O trazado desta intervención defínese, segundo pon de relevo o concelleiro, "seguindo un criterio de beneficio social desde múltiples perspectivas, desde a conectividade da maior parte dos centros escolares do barrio e a seguridade e comodidade do traxecto, que permite facer del unha ruta escolar, pero tamén como reivindicación dun patrimonio do barrio case esquecido polo que transcorre o Camiño -como é o percorrido entre os antigos muíños de vento do barrio, que durante séculos foron o seu perfil máis característico-, que invita a realizar actividades, mesmo escolares, relacionadas coa memoria do barrio".

O programa do proceso participativo ábrese esta tarde co primerio foro de presentación e continúa mañá, sábado, a partir das 11.00 horas, cun roteiro polas rúas que forman parte do Camiño do Vixía, que ten como finalidade facer un mapeo dos lugares de interese e os puntos febles do percorrido, e seguirá cunha decena de accións que se desenvolverán nos meses de decembro, xaneiro e febreiro. Entre os obxectivos deste novo espazo de participación coa veciñanza, o concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda salienta o interese por promover o intercambio de información e ideas sobre o estado do espazo público en Monte Alto, traballar coa memoria colectiva sobre as rúas do barrio, fomentando a interacción, e concienciar ás e os veciños sobre o potencial de mellora da calidade de vida en relación cos hábitos de mobilidade máis saudables e un uso máis equitativo do espazo público.

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Safari e Microsoft Internet Explorer 10 ou superior. Instalar agora un navegador compatible

?