Uso de cookies nas páxinas web do Concello de A Coruña

Nas páxinas web municipais utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos mediante o análise dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información, ou coñecer como cambiar a configuración, na nosa páxina de "Normas de uso"..

Concello da Coruña

Cando:

14 de setembro de 2018

O Día sen Coches estenderase entre o 20 e o 23 de setembro na rúa Compostela, que se pechará á circulación do tráfico, coincidindo coa apertura do primeiro tramo do carril bici metropolitano na zona

O Concello celebra do 16 ao 22 de setembro a Semana da Mobilidade Europea con actividades que promoven o uso combinado de distintos medios de transporte sustentable para o desprazamento da veciñanza

O edil Daniel Díaz Grandío presentou a programación de ‘Combina e móvete’, que inclúe o III Ciclo de Monólogos en Movemento ou unha Feira da Bicicleta, ademais de visitas á sala de pantallas da Policía Local e a gratuidade do transporte público nocturno en dúas fins de semana

A Coruña celebrará, baixo o lema Combina e móvete, unha nova edición da Semana Europea de Mobilidade. Desde esta fin de semana e até o 23 de setembro, o goberno local programa unha serie de actividades co obxectivo de poñer en valor os servizos públicos de transporte así como de fomentar a mobilidade sustentable no termo municipal, a través de intervencións no espazo urbano de carácter educativo ou que ofrezan elementos de reflexión para a cidadanía.

O responsable da Concellería de Mobilidade Sostible, Daniel Díaz Grandío, deu a coñecer esta mañá o programa municipal, "que aposta pola multimodalidade e o fomento de solucións de mobilidade combinada na cidade, para promover a idea de poder escoller e empregar distintas opcións de transporte". "Existen unha multitude de posibles combinacións factibles nos desprazamentos da veciñanza, tanto no propio termo municipal como na área metropolitana. A pé, ir en bicicleta, o transporte público urbano, ou variacións que abranguen desde as bicicletas, coches compartidos ou taxis... Todas elas son opcións que se poden visibilizar para favorecer o desenvolvemento dunha mobilidade máis sustentable na nosa cidade", expuxo o edil.

A celebración da Semana Europea da Mobilidade dará comezo esta mesma noite, co inicio da gratuidade do transporte público nocturno, que será de balde tanto na madrugada de hoxe, venres 14, como na de mañá. Tamén o sábado e o domingo terán lugar os primeiros roteiros en bici e patíns abertos á cidadanía e, a partires do luns 17, a actividade incrementarase coa realización de xornadas de portas abertas na sala de pantallas de control do tráfico da Policía Local e das cocheiras, ademais de concursos e iniciativas dirixidas aos centros educativos, ou a intervención directa no espazo público co PARKing Day, que este ano se establecerán na rúa Juan Flórez, á altura do número 72, e no cruzamento da Avenida de Fisterra coa rúa Barcelona. "Estamos a falar de actividades gratuítas e abertas a públicos de todas as idades e condicións, co obxectivo de impulsar ese coñecemento de modalidades alternativas de desprazamento", aseverou o concelleiro, quen avanzou que membros do goberno local participarán o vindeiro martes 18 na II Carreira de Medios de Transporte, unha iniciativa que pon en relación os custos, impactos ambientais e tempos de viaxe que invisten os distintos medios de transporte existentes na cidade. Este ano a proba, non competitiva, partirá ás 10.30 horas da praza de María Pita, para chegar até a Concellería de Medio Ambiente, situada no edificio da Casa da Auga.

Visibilización do transporte público

Deste xeito, e para visibilizar as posibilidades do servizo de transporte público, a liña nocturna de autobús, dispoñible entre as 00.30 e as 04.00, será gratuíta nas madrugadas dos días 15, 16, 22 e 23 de setembro e, como é habitual desde este verán, incorporará o servizo de Paradas Libres. Ademais, entre os días 17 e 21 celebrarase, por segundo ano consecutivo, unha serie de xornadas de portas abertas nas cocheiras da Compañía de Tranvías. Para poder participar na actividade, na que haberá un límite de 25 prazas por día, será necesario inscribirse no teléfono 981.184.263, entre as 12.00 e as 14.00 horas, de luns a venres. Finalmente, entre os días 18 e 21, terá lugar o III Ciclo Monólogos En Movemento, unha proposta que busca sorprender ás persoas usuarias do transporte público durante as súas viaxes. Nesta ocasión, participarán Pedro Brandariz, Akina Valero, Marta Iglesias, Daniel Blanco, Lucía Veiga, Tito Rober, Víctor Grande e Noemí Miranda. As actuacións terán lugar nas tardes dos días 18 e 19, e nas mañás dos días 20 e 21, en distintas liñas do bus urbano.

Día sen coches

O 22 de setembro conmemórase o Día Europeo Sen Coches. Por este motivo, e no marco da Semana Europea da Mobilidade, o Concello estenderá a celebración durante tres xornadas seguidas, nas que se recuperará, simbolicamente, o espazo de vehículos privados para a mobilidade peonil. Se no ano 2017 esta acción levouse a cabo na zona do Obelisco, nesta ocasión trasladarase até a rúa Compostela, "que se situará como punto neurálxico das actividades que teñan lugar entre os días 21 e 23, coincidindo coa apertura do primeiro tramo do carril bici metropolitano, ao longo da semana, entre a praza de Mina e a praza de Ourense", explicou Grandío. O concelleiro destacou que a vía, que permanecerá pechada ao tráfico até o domingo 23, acollerá un axardinamento parcial da rúa "e a creación de espazos lúdicos", ademais da instalación dun posto de información e inscrición de Bicicoruña.

Así, a rúa pecharase á circulación a partires do día 20, de cara a preparación das actividades. O día 21, Stop Accidentes organizará, pola mañá, Dálle vida á rúa, na que 50 alumnas e alumnos da cidade farán xogos infantís, obradoiros de deseño urbano ou circuítos de habilidade de bicicleta. Pola tarde a entidade levará a cabo Móvete con seguridade, unha campaña de concienciación que se celebrará nos pasos peonís entre a praza de Mina e a praza de Lugo, para ofrecer consellos de seguridade viaria á veciñanza. Tamén ao longo da tarde terá lugar a iniciativa Ponte no meu lugar, no que o Grupo Accesibilidade Coruña realizará unha acción de sensibilización e visibilización das mobilidades invisibles.

O día 22 a rúa Compostela acollerá, tanto en horario de mañá como de tarde, a Feira da Bicicleta, unha proposta que se desenvolve coa colaboración de Mobi-Liza, e que ofrece obradoiros de autorreparación, e ergonomía, ademais dunha Escola da Bici. De cero a dez en catro horas, unha actividade sen límite de idade e que ofrece un circuíto deseñado para aprender a pedalear, así como información para todas aquelas persoas que desexen aprender a usar a bicicleta nos seus desprazamentos diarios. Finalmente, tamén na xornada do sábado 22 celebrarase, entre as 17.00 e as 20.00 horas, unha Gymkana en patíns, promovida por Galicia Rollers.

Educación viaria

Entre os días 17 e 21, a Concellería de Mobilidade Sostible ofrecerá a posibilidade de visitar a sala de pantallas e de control do tráfico da Policía Local da Coruña, a través dunhas xornadas de portas abertas. Estableceranse dúas quendas de visitas, ás 17.00 e ás 18.30 horas. Para acceder á sala non será necesaria a inscrición previa. As persoas interesadas deberanse presentar no acceso da Concellería de Mobilidade Sostible, no lateral da Estación de Autobuses, cinco minutos antes de cada quenda.  

Ademais das actividades promovidas por Stop Accidente na rúa Compostela, celebraranse distintas propostas nos centros educativos da cidade, como o Concurso de Cartas e Debuxos Agora imos ao cole andando, unha exposición dos traballos que participaron na anterior edición --que acollerá o Fórum Metropolitano o día 20, a partires das 10.00 horas-- e a proxección da película De camiño á escola --tamén durante a mañá do día 20--, á que asistirá o alumnado de dous colexios.

Roteiros

Ao igual que na pasada edición, o Concello, en colaboración co tecido asociativo, promove unha serie de roteiros abertos e gratuítos ao longo da semana. Así, da man do Club Ciclista Riazor, poderase participar até en 3 rutas en bicicleta. A primeira delas terá lugar mañá, sábado 15, a partires das 11.30 horas. O punto de saída será a praza de María Pita. A segunda cita terá lugar o día 19 na Casa da Auga, desde as 21.00 horas, e a terceira o día 22 desde a rúa Compostela. Toda a información sobre estas actividades, así como o proceso de inscrición, pódese consultar no web www.ccriazor.es Ademais, Galicia Rollers organiza outra ruta o domingo 16, a partires das 12.00 horas. A inscrición previa para participar nesta iniciativa pódese facer a través da páxina web da entidade, www.galiciarollers.com

Festa da Bicicleta

A programación de Combina e móvete pecharase cunha Festa da Bicicleta, que terá lugar o día 30 de setembro. Tal e como lembrou o concelleiro, a iniciativa, que partirá ás 12.00 horas da Praza de María Pita, levarase a cabo da man de Decathlon Coruña. As inscricións poderanse formalizar a través do portal https://www.decathlon.es/eventos-tienda.html.

Toda a programación da Semana Europea da Mobilidade estará dispoñible no web municipal www.coruna.gal, así como no folleto que se atopará en equipamentos públicos e establecementos ao longo das vindeiras xornadas.

Documentos:

Folleto Programación 'Combina e móvete' (3 MB)

  • Concello da Coruña
    • Ayuntamiento de A Coruña | Concello da Coruña
    • Praza de María Pita, 1. 15001 A Coruña
    • 981 184 200 ou desde dentro do termo municipal ao teléfono de atención 010
Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Safari e Microsoft Internet Explorer 10 ou superior. Instalar agora un navegador compatible

?