Uso de cookies nas páxinas web do Concello de A Coruña

Nas páxinas web municipais utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos mediante o análise dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información, ou coñecer como cambiar a configuración, na nosa páxina de "Normas de uso"..

Concello da Coruña

Cando:

3 de marzo de 2017

O Concello celebra o 8 de marzo cun convite aberto á cidadanía para participar durante todo o mes nas actividades do programa ‘Mulleres que transforman realidades’

A concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga

A concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga

Entre as accións previstas para o Día Internacional das Mulleres destaca a inauguración das prazas Oito de Marzo e Elvira Bao Maceiras, ademais da celebración, os días 24 e 25, de xornadas de debate sobre políticas transformadoras e igualdade de xénero, con representantes de concellos de todo o Estado

A concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, presentou esta mañá as distintas actividades dentro do programa Mulleres que Transforman Realidades, que se celebrarán ao longo de todo o mes en distintos puntos da cidade co gallo da celebración do 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, e festivo na Coruña. "Queremos trasladar á cidadanía un convite aberto, para participar en todas as actividades previstas, que teñen unha dupla dimensión, tanto festiva, como vindicativa", indicou a responsable municipal. "Pretendemos facer visible que os dereitos das mulleres forman parte da historia inacabada e incompleta dos dereitos humanos", dixo Fraga, que destacou a diversidade de actividades de carácter participativo previstas para todos os públicos. Se ben os actos dentro do ciclo Mulleres que Transforman Realidades iniciaranse o próximo martes, 7 de marzo, e manteranse até final de mes, a programación especial do 8 de marzo comprende a inauguración, na zona da Cubela, das prazas Oito de Marzo e Elvira Bao Maceiras. "É unha forma de reivindicar as mulleres no rueiro da cidade, onde historicamente existen grandes desigualdades", destacou a concelleira, quen quixo poñer en valor a figura das mulleres no que atinxe á Recuperación da Memoria Histórica. "A mestra Elvira Bao, integrante das Irmandades da Fala, foi apartada do seu traballo e pasou meses na cárcere debido ao seu activismo político" recordou a concelleira. Precisamente, dende a Praza Elvira Bao Maceiras partirá, ás 11.30 horas, logo da inauguración, un roteiro titulado Traficando con peixe e cigarros: mulleres, traballos e saberes da cidade, e no que se irán analizando a través da Cubela, A Gaiteira, o Parque Europa e o Río Monelos, a Praza da Palloza e a Fábrica de Tabacos diversos traballos históricos de colectivos de mulleres da cidade: farmacéuticas, comerciantas, ferreiras, lavandeiras, pescantinas, redeiras, cigarreiras e sindicalistas.

Noutro escenario histórico e especialmente simbólico como é a praza da Fábrica de Tabacos terá lugar tamén, dende ás 12.00 horas, a Feira de Creadoras e Artesás, que estará aberta ao público até as 20.00 horas e na que haberá "tanto postos de venda como unha mostra de proxectos de vida". A feira está amenizada coa actuación do grupo de folk de mulleres Habelas Hainas, así como por unha concentración de mulleres moteiras, e unha acción performativa sobre o ambicioso proxecto que está a desenvolver a Concellería de Igualdade e Diversidade como é o Pacto Social por unha Cidade Libre de Violencias Machistas. As 20.30 horas terá lugar no Teatro Rosalía de Castro, a escenificación da obra Helena, xuízo a una lurpia, da compañía Teatro do Atlántico.

Á marxe, e nos días anteriores e posteriores á celebración do 8 de marzo, tamén haberá diversas actividades e actuacións, nas que se enmarca o concerto de Guadi Galego, o martes 7, no Teatro Rosalía de Castro, así como o o espectáculo Lavandeiras, con Vero Rilo, que se se celebrará o venres, 17 de marzo, ás 19.30 horas no Centro Cívico de Monelos.

Punto de debate en todo o Estado de Políticas Transformadoras

Por outro lado, Fraga destacou que durante os días 24 e 25 de marzo "A Coruña se converterá en punto de debate dentro de todo o Estado sobre as políticas transformadoras de cara á igualdade de xénero". Esa fin de semana terán lugar, na Domus, as xornadas Municipios cara á igualdade: políticas transformativas para a igualdade de xénero. "O que imos acoller é un punto de encontro municipal para o debate, o intercambio de experiencias e o artellamento de alianzas e redes para a promoción de políticas transformativas para acadar a igualdade efectiva no ámbito local". En concreto, está prevista a presenza nestas xornadas --nas que participará tanto Fraga como o propio alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro-- de representantes municipais dos concellos de Barcelona, Madrid, Fuenlabrada, Valencia, Iruña, Santiago de Compostela, Vitoria-Gasteiz e Castellón, ademais de membros de institucións tales como a Universidade da Coruña (UDC).

Ademais, durante todo o mes e en diversos centros cívicos e espazos municipais da cidade terán lugar os encontros abertos coa cidadanía de cara ao desenvolvemento do Pacto Social por unha Cidade Libre de Violencias Machistas, así como diversas actividades relacionadas coa igualdade de xénero e a figura da muller na historia da Coruña, nas bibliotecas municipais do Castrillón, Monte Alto, Rosales, Sagrada Familia e a de Estudos Locais, ademais de nos centros cívicos de Eirís, Castrillón, Cidade Vella, Elviña, Labañou, Mesoiro, Monte Alto, Novoboandanza, Os Mallos, Palavea, Os Rosales e San Diego. Tamén se dará a coñecer, en días próximos, o informe do Observatorio Municipal de Igualdade e Diversidade, en colaboración co Observatorio Urbano e o Observatorio Socio Laboral, denominado A Coruña en Cifras. Mulleres e Homes na cidade.

Premios

A Concellería de Igualdade e Diversidade vén de convocar tamén dous concursos abertos a toda a cidadanía, como é o caso do Premio Elvira Bao Maceiras, concurso "que nace coa vocación de rescatar a historia oculta de traballo e saberes de moitas mulleres, facendo emerxer e poñendo en valor as súas contribucións". A convocatoria para a presentación de traballos tanto de investigación como de índole artística quedará aberta este 8 de marzo, rematando o prazo o 8 de novembro. Por outro lado, a partir do luns 6 de marzo, tamén quedará aberta a convocatoria dun concurso de ideas de arte urbano (grafitti) en torno aos dereitos das mulleres e as súas contribucións á cidade da Coruña. O prazo de presentación de propostas culminará o 17 de marzo. O obxectivo do concurso é seleccionar a intervención gráfica do mural que se realizará no pavillón municipal anexo ao CEIP San Francisco Xavier. As bases de ambas convocatorias poden consultarse na web www.coruna.gal/igualdade .

A concelleira Fraga recordou que, se ben a xornada do 8 de marzo é festivo local na Coruña "dado o fondo compromiso do Goberno local e a cidadanía da Coruña coa igualdade", está convocado un Paro Internacional de Mulleres en distintos países do mundo. "Apoiamos o mesmo, así como a manifestación unitaria do feminismo galego convocada en Compostela para este domingo, 5 de marzo".

Documentos:

Programa Actividades 8 de marzo

Programa accións en Bibliotecas

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Safari e Microsoft Internet Explorer 10 ou superior. Instalar agora un navegador compatible

?