Uso de cookies nas páxinas web do Concello de A Coruña

Nas páxinas web municipais utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos mediante o análise dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información, ou coñecer como cambiar a configuración, na nosa páxina de "Normas de uso"..

Concello da Coruña

Cando:

29 de marzo de 2017

O Concello mellorará a conexión entre os barrios da Falperra e Catro Camiños a través dun percorrido accesible desde Maestro Clavé ata Alfonso Molina

O concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela

O proxecto inclúe a execución dunha rampla e unhas escaleiras para salvar a diferencia de nivel que separa Juan Flórez e Federico Tapia, ademais de varios pasos peonís, e outras intervencións para potenciar o tránsito a pé na contorna

A Concellería de Rexeneración Urbana e Dereito a Vivenda proxecta a creación dun percorrido accesible para o tránsito peonil entre as rúas Maestro Clavé e Alfonso Molina, co obxectivo de mellorar a conectividade entre o barrio da Falperra e Catro Camiños facilitando o itinerario a pé a través da rúa Juan Flórez, Federico Tapia e José Cornide. A ese fin, o proxecto contempla a implantación dun paso peonil e a execución dunha escaleira e unha rampla que comuniquen as dúas primeiras rúas, que se atopan a distinto nivel, e dean continuidade ás escaleiras de Maestro Clavé. A obra, tal e como expón o concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, prevé tamén unha intervención na beirarrúa de José Cornide -que une Federico Tapia con Alfonso Molina- para a ampliación da mesma, así como cambios nun dos pasos peonís de Federico Tapia e a creación dun segundo, que dean continuidade ao percorrido desde a nova rampla e a nova escaleira.

A actuación, que conta cun orzamento de 149.933,28 euros, finánciase a través dun convenio entre o Concello e a Deputación e servirá, en palabras do concelleiro, para "dar sentido á intervención desenvolvida ao final do pasado mandato na rúa Maestro Clavé polo anterior Goberno local, unha obra moi custosa e de dubidosa xustificación que non soluciona a accesibilidade para a contorna". A intención, avanza, é poder seguir ampliando ese itinerario accesible para comunicalo con Fernández Latorre. "Fronte a proxectos de alto custo e que non ofrecen accesibilidade universal, ou outros como o proxectado para a praza de José Tenreiro, cun enfoque meramente estético, este Goberno aposta pola recuperación do espazo público para a xente e pola funcionalidade, con intervencións que, coma esta, teñen un maior impacto na vida das persoas dos barrios onde se realizan, ao facilitar e facer máis cómodo o tránsito a pé a través dunha ruta máis directa e máis segura, que ademais recupera un dos itinerarios tradicionais da baixada a Santa Lucía, para unir a Falperra coa Palloza", salienta, para destacar que o proxecto servirá ademais para "dotar de funcionalidade obras como a das escaleiras mecánicas de Maestro Clavé, con investimentos máis axustados".

Con este obxectivo, o proxecto contempla, en primeiro lugar, a colocación dun paso de peóns en Juan Flórez, á altura da confluencia con Maestro Clavé, e a reforma e ampliación da beirarrúa para facilitar o tránsito ata José Cornide, salvando a diferencia de nivel entre a parte superior da vía (Juan Flórez) e a inferior (Federico Tapia). Para xerar a conexión, executarase un muro en paralelo ao xa existente sobre a beirarrúa de Federico Tapia, que permitirá colocar na parte superior unha plataforma central, desde a que partirán, dun lado, unhas escaleiras en dous tramos e do outro, unha rampla, tamén en dous tramos. No extremo de cada un deles habilitarase un novo paso peonil, para o cal se moverá o xa existente á altura do centro de saúde de Federico Tapia e crearase un novo.  Na plataforma superior está previsto que se coloque unha árbore "de porte importante", segundo indica o responsable municipal de Rexeneración Urbana. A reforma supón ademais o estreitamento da calzada en Federico Tapia en favor da beirarrúa e a accesibilidade peonil, de xeito que dea cabida a un único carril con espazo para o paso dos autobuses. A intervención inclúe ademais pequenas melloras na contorna, como é o caso da beirarrúa do último treito da rúa Juan Flórez, na conexión coa rúa Santa Lucía, para dar espazo ao viandante na parte máis estreita, así como a mellora dos dous pasos peonís existentes neste punto.

Labaca

As melloras na accesibilidade na contorna complétanse, tal e como indica o concelleiro, cunha segunda intervención máis puntual diante do colexio Labaca, uns traballos dirixidos á mellora do espazo peonil na entrada do centro e da seguridade no cruce máis próximo, creando un pequeno espazo de estancia diante do centro escolar, para facilitar a entrada e saída dos e das escolares. Os traballos, que responden a unha demanda da ANPA do centro, comezarán no prazo de poucas semanas, unha vez o proxecto sexa validado coa asociación, para que o deseño sexa resultado dun proceso de consulta. Deste xeito, a Concellería de Rexeneración Urbana procederá á ampliación da beirarrúa e colocará neste espazo un aparcamento de bicicletas, así coma un banco, "que servirá ao tempo como barreira que separe esa zona que empregan tanto persoas adultas como cativas do tránsito rodado", advirte Varela. Como salienta, esta actuación vai na liña dos traballos que xa se desenvolveron no centro escolar de Monte das Moas, e que se estenderán a outros centros con beirarrúas estreitas ou pegados á calzada, con intervencións dirixidas a ampliar e dignificar no posible o espazo de estancia contigua aos colexios e, ao tempo, facela máis segura e cómoda para as persoas que acoden a levar ou recoller aos e ás nenas.

Plano Proxecto Maestro Clavé

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Safari e Microsoft Internet Explorer 10 ou superior. Instalar agora un navegador compatible

?

Necesitamos a túa axuda

Tes dous minutos para darnos a túa opinión sobre a web municipal e así axudarnos a mellorala? Agradecémoscho

Ir á enquisa

Tes dous minutos para darnos a túa opinión sobre a web municipal e así axudarnos a mellorala? Agradecémoscho

Ir á enquisa