Uso de cookies en las páginas web del Ayuntamiento de A Coruña

En las páginas web municipales utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios mediante el análisis de sus hábitos de navegación. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información, o conocer como cambiar la configuración, en nuestra página de "Normas de uso".

Ayuntamiento de A Coruña

  • Compartir
  • Añadir a mi móvil | 
  • Imprimir

Cuándo:

26 de febrero de 2019

O Concello perfila a súa folla de ruta para iniciar a migración de máis do 50% dos seus equipos a software libre, "que mellora a xestión dos recursos públicos e apoia ao tecido tecnolóxico local que traballa neste eido"

A edil Claudia Delso informou de que esta semana o goberno local iniciou o primeiro procedemento de contratación a través da sede electrónica

A concelleira de Participación e Innovación Democrática, Claudia Delso, presentou esta mañá a folla de ruta do goberno local para iniciar a introdución e migración a software libre do Concello da Coruña. "O uso de tecnoloxías propietarias supón un alto custo para as administracións, que durante anos abusaron delas, tanto en termos de custos das licenzas como na propia capacidade de innovación locais. Fomentar e adoptar o software libre supón un importante aforro para as arcas públicas e, polo tanto, mellora da xestión dos recursos municipais, á vez que se apoia ao ecosistema local que desenvolve o seu traballo neste sector e, por suposto, toda a creatividade e a ética colaborativa que hai detrás deste tipo de iniciativas", expuxo Delso.

A proposta chega despois da realización, coa colaboración da Axencia Galega de Software Libre (Agasol), dunha diagnose sobre a situación tecnolóxica da administración local, e que sitúa como viable a implantación inmediata da migración cara a este sistema no 50,40% dos 996 equipos municipais. O traballo, realizado a través dun convenio de colaboración, recadou información sobre o tipo de tecnoloxías que se están a empregar na actualidade no Concello. Os obxectivos do mesmo foron empregar estándares abertos que permitan a conexión con outras tecnoloxías, facilitar a apertura de datos para a reutilización da información ou a capacidade de transmisión de coñecemento, de cara á formar ás traballadoras e traballadores municipais para que poidan empregar ditas ferramentas. Así, segundo o presidente de Agasol, Carlos Rodríguez, o 50,44% dos equipos do Concello poderían substituír o software que presentan na actualidade, con licenza, por outro libre de xeito inmediato, mentres que no 32,83% habería que realizar unha actuación a medio prazo. Finalmente, o 16,77% dos equipos presentan unha viabilidade máis baixa "polo tipo de programas específicos que empregan", explicou Rodríguez.  "Segundo as nosas estimacións, a implantación de software libre suporía un aforro anual de 276.460 euros para a administración local", apuntou.

"É moi relevante que máis da metade dos equipos do Concello poidan migrar cara a tecnoloxías libres sen presentar problemas. Desde Agasol estamos convencidos que esta modernización suporá un importante aforro para o Concello, que lle permitirá destinar recursos que actualmente destina a tecnoloxías propietarias para outras partidas pero, ademais, esta implementación tecnolóxica traducirase en beneficios sociais e de mellora da calidade do emprego que o software libre sempre leva a todas as economías nas que se instala e consolida", aseverou Carlos Rodríguez. Así, salientou que o impulso ás tecnoloxías libres favorecerá a posta a disposición da veciñanza de ferramentas "máis transparentes e accesibles que poderán ser modificadas e melloradas grazas ao uso cidadán". Neste sentido, o presidente de Agasol puxo en valor a "capacidade de empoderamento cidadán do software libre, "que fai tamén máis forte o tecido produtivo da contorna, no que participa persoal galego con perfís altamente cualificados". "Esta aposta do Concello é necesaria para seguir fornecendo o sector TIC na economía do país", apuntou Rodríguez, quen lembrou, ao fío, que o proceso que está a emprender o Concello "xa se levou con éxito a nivel internacional".

Implantación

A intención do goberno local é, segundo explicou a concelleira Claudia Delso, avanzar no desenvolvemento deste plan coa posta en marcha dun Proxecto piloto no posto de empregado público, "que se podería facer nun servizo en concreto ou en varios á vez".  Durante a realización instalaríase unha maquinaria específica e crearíase o software do sistema operativo que se modificará en función das adaptacións necesarias que se detecten durante a implantación, ademais de ofrecer soporte tanto in situ como en remoto para atallar as incidencias e modificacións que poidan xurdir. "Tanto o executivo como os servizos técnicos temos a vontade de poñer en marcha esta migración por fases, que é factible aínda que non de xeito inmediato debido á prórroga orzamentaria. Temos disposición e forma parte da nosa folla de ruta a medio prazo", aseverou a edil.

A concelleira lembrou, ao fío, que o goberno local deu, neste mandato, algúns pasos para a implantación destas tecnoloxías libres, como foi a posta en marcha dun proxecto piloto de migración nos ordenadores de acceso público das Bibliotecas --froito dunha iniciativa dos Orzamentos Participativos--, "e que está a colleitar moi bos resultados", o desenvolvemento de A Porta Aberta  --baseada na plataforma e-Consul, premiada pola ONU, e que sustenta o proceso de Orzamentos Participativos ou a votación do concurso de ideas do bordo litoral, activa desde esta xornada,-- ademais de iniciativas vinculadas ao Laboratorio Cidadán da Coruña, o Co-Lab, como é, por exemplo, o repositorio aberto A Forxa.  

Promoción da innovación

Esta actuación, tal e como apuntou Delso, enmárcase no traballo do goberno local de promoción da innovación a través do fomento do desenvolvemento das ferramentas dixitais desde a administración e de apoio ao ecosistema tecnolóxico local. Nos últimos anos o Concello puxo en marcha distintas liñas de traballo que forman parte "dun ambicioso programa municipal para pór as tecnoloxías ao servizo da veciñanza, mellorar o propio labor dos servizos municipais e favorecer a inclusión dixital das coruñesas e coruñeses", sinalou Delso.

Así, o goberno da Coruña puxo en marcha medidas dirixidas á mellora da eficiencia administrativa, a través da dixitalización de numerosos procesos administrativos, como é o caso do impulso á licitación electrónica. "Esta mesma semana, logo de moitos meses de traballo, licitouse por primeira vez, e completamente a través da sede electrónica, un prego correspondente, por certo, á Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento", apuntou Delso. Neste mesmo eixo de actuacións, o goberno introduciu quendas electrónicas nos rexistros municipais "para mellorar a atención cidadá", ou está a desenvolver unha diagnose sobre a percepción dos procedementos administrativos por parte da veciñanza no marco dun proxecto piloto co Eixo Atlántico. "Durante este mandato puxemos tamén en marcha un programa de participación e creación dixital de cara a fomentar a interacción entre a administración e a cidadanía, pero tamén as relacións horizontais entre as persoas e o potencial das plataformas creativas", expuxo a concelleira, quen puxo como exemplos iniciativas como Coruña Dixital, ou Laboratorio Cidadán da Coruña.

Delso tamén salientou a relevancia do acceso á tecnoloxía "como clave para a inclusión social". "O Concello da Coruña está comprometido co fomento do acceso a Internet, para favorecer tamén que a cidadanía poida socializar ou acceder a información útil, entre outras cuestións. A tecnoloxía debe estar ao seu servizo", aseverou a edil. Entre as actuacións realizadas neste marco, ademais da programación vinculada á alfabetización dixital dos centros cívicos, UAMI ou da Concellería de Emprego e Economía Social, a edil destacou iniciativas como a creación da APP Coruña Millennium Próxima, actualmente en fase de probas; ou apoio e visibilización do tecido local tecnolóxico a través dos Hackatons e Hackatiños e á Feira OSHWDem; ademais  da colaboración co Congreso Internacional QGIS, que se celebrará na cidade a semana que vén.

Datos abertos

Por outra banda, a concelleira de Participación e Innovación Democrática lembrou que o Concello da Coruña está a traballar en rede con outras administracións locais, como é o caso de Santiago, Zaragoza e Madrid, nun proxecto de colaboración e intercambio de boas prácticas tecnolóxicas a través de Red.es, dotado con 2 millóns de euros. No marco deste proxecto, estase a desenvolver unha plataforma de datos abertos para favorecer a reutilización de datos por parte da cidadanía. Ao fío, Delso lembrou que o Concello puxo en marcha no 2017, en colaboración coa Fundación Civio, o portal Onde van os meus impostos? co obxectivo de achegar á veciñanza dun xeito máis visual e accesible información sobre os orzamentos municipais.   

Buscar más noticias

Webs municipales

Encuentre todas las webs y perfiles oficiales del Ayuntamiento de A Coruña.

  • Ayuntamiento de A Coruña
    • Ayuntamiento de A Coruña | Concello da Coruña.
    • Plaza de María Pita, 1. 15001 A Coruña.
    • 981 184 200 o desde dentro del término municipal al teléfono de atención 010
¡Tienes un navegador demasiado antiguo!

Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Safari y Microsoft Internet Explorer 10 o superior. Instalar ahora un navegador compatible

?