Uso de cookies nas páxinas web do Concello de A Coruña

Nas páxinas web municipais utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos mediante o análise dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información, ou coñecer como cambiar a configuración, na nosa páxina de "Normas de uso"..

Concello da Coruña

Cando:

12 de xullo de 2018

O Concello presenta a 32ª edición do Festival Noroeste Estrella Galicia, "un fervedoiro de propostas que aposta polas mulleres creadoras e converte a cidade e o seu talento nunha cabeza máis do cartel"

Xulio Ferreiro, acompañado por José Manuel Sande, presentou o cartel desta edición, na que participarán máis de 80 bandas e artistas. The Pretenders, Temples e Viva Suecia, entre outras propostas, incorpóranse á programación e acompañarán a Belle & Sebastian no escenario da praia de Riazor

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, e o concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, presentaron esta mañá o cartel da 32ª edición do Festival Noroeste Estrella Galicia, que se celebrará entre o 7 e o 12 de agosto na Coruña. O rexedor destacou "a renovación continúa" nos últimos anos da iniciativa musical, "que sitúa á Coruña como unha das capitais culturais do Estado e ao propio festival como unha cita imprescindible do verán". "Nestes últimos tres anos dotamos ao Noroeste dunha identidade propia, na que se mistura a música e a súa experiencia coa propia cidade. A grandeza do festival é que é realmente urbano: a cidade é unha parte máis do mesmo, un actor vivo ao longo dos seis días que dura. Convértese nunha das súas cabezas de cartel",  salientou Xulio Ferreiro.

O alcalde tamén destacou a "vocación integradora" dunha edición que aposta pola creación feminina. "Este ano queremos dotar ás mulleres creadoras do lugar que lle corresponde, é que moitas veces é invisibilizado. É un cartel repleto de forma maioritaria por músicas e creadoras que encabeza unha das máis recoñecidas artistas do pop europeo das últimas décadas, como é Chrissie Hynde", expuxo Ferreiro. Precisamente Pretenders é unha das novas incorporacións ao cartel do Festival, ao que tamén se unen Temples, Viva Suecia, Maika Makovski, Mad Martin Trío, Esteban y Manuel, FAB ou Les Filles de Illighadad.Así, durante seis días, máis de 80 artistas e bandas ofrecerán concertos en 14 localizacións por toda a cidade. "O Noroeste é un fervedoiro de propostas, singulares e prestixiosas, na que se dan cita artistas consagradas pero tamén emerxentes en distintos horarios e espazos, para chegar a todos os públicos", apuntou o alcalde. Deste xeito, o festival contará con escenarios como a praia de Riazor, as rúas Troncoso e Torreiro, as prazas José Sellier Loup, Bárbaras, San Nicolás ou Campo da Leña, o boulevard do Papagaio, o parque do Paseo das Pontes --que acollerá o Mercado da Colleita-- e recintos como o Castelo de San Antón, a Fundación Luis Seoane, a Casa Museo Casares Quiroga, o Teatro Rosalía Castro ou o Teatro Colón. Estes últimos, ademais, acollerán os concertos do ciclo Selección Noroeste 2018, do que forman parte James Holden& The Animal Spirits, Maria del Mar Boent e Neneh Cherry.

"O Festival Noroeste Estrella Galicia supón un reclamo económico, cultural e turístico para a nosa cidade, e encaixa perfectamente coa idea que queremos proxectar cara ao exterior da mesma: A Coruña é unha cidade sempre aberta, á música e á xente que nos visite", afirmou o rexedor, quen destacou á vez o a aposta decidida do executivo municipal por contar co tecido creativo local na iniciativa "e dar a coñecer a súa calidade e talento". "O que precisan os grupos e artistas da cidade son oportunidades. O noso deber, como goberno da Coruña, é abrir ás portas ás creadoras e creadores. No sector musical, non hai mellor lugar para se proxectar que este festival", apuntou.

O alcalde tamén valorou positivamente o festival desde o punto ambiental, "que forma parte da liña de traballo de eventos sostibles",  así como da súa relación coa veciñanza, "coa idea de afondar nunha convivencia harmoniosa". Por último, Xulio Ferreiro agradeceu o apoio do patrocinador principal, Estrella Galicia, "fundamental para redimensionar o festival"; así como de Cuac FM. "Para este goberno é moi importante contar cun medio local e comunitario involucrado nesta iniciativa", destacou, á vez que agradeceu tamén a colaboración de Radio 3 e de Desconcierto Cultural, "entidade que nos axuda a programar as sesións matinais do festival".

Pola súa banda, o concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento destacou "o eclecticismo" da proposta, da que destacou nomes como Maria Arnal i Marcel Bagés, María del Mar Bonet, Nathy Peluso, Mordem, Dona Rosa, Christina Rosenvinge, Ana Curra ou Aurora e & The Betrayers; ademais de cualificala como "escaparate da nova escena musical galega". "O Noroeste Estrella Galicia é un referente polas súas características: un festival para todas e todos, con música para toda clase de públicos", afirmou Sande.  

Así, o edil lembrou que a "diversidade" define as distintas liñas de programación dun evento que tomará de novo as prazas, parques e inmobles emblemáticos da cidade a través do Noroeste Expandido ou das súas Sesións matinais, que darán conta da escena independente galega e estatal á hora do aperitivo. Un ano máis, tamén chegará a Selección Noroeste, directos singulares para vivir desde o patio de butacas, e os tradicionais concertos da praia de Riazor, nos que participarán, ademais das bandas gañadoras do concurso de Cuac FM, artistas como Temples e Belle & Sebastian --venres 10-- e Viva Suecia e Pretenders --sábado 11--. "Sen dúbida o Noroeste é un encontro único, que se afianza como festival que xa é patrimonio da música estatal", sinalou José Manuel Sande

Durante a presentación, na que participaron as bandas locais Las Antonias e Los Nortones, Antonio Viejo, director corporativo de Hijos de Rivera, lembrou que, no marco do Festival, celebrarase unha nova edición do Mercado da Colleita, que se ampliará a un total de dúas xornadas --sábado 11 e domingo 12--  coa finalidade "de achegar propostas innovadoras do rural á veciñanza da Coruña nun espazo ateigado de música". Para máis información sobre o Festival Noroeste Estrella Galicia pódese visitar o web www.festivalnoroeste.com

Documentos:

Cartel 32 Festival Noroeste Estrella Galicia (186 KB)

Programación e Mapa de Sons do 32 Festival Noroeste Estrella Galicia (2 MB)

  • Concello da Coruña
    • Ayuntamiento de A Coruña | Concello da Coruña
    • Praza de María Pita, 1. 15001 A Coruña
    • 981 184 200 ou desde dentro do termo municipal ao teléfono de atención 010
Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Safari e Microsoft Internet Explorer 10 ou superior. Instalar agora un navegador compatible

?