Uso de cookies nas páxinas web do Concello de A Coruña

Nas páxinas web municipais utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos mediante o análise dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información, ou coñecer como cambiar a configuración, na nosa páxina de "Normas de uso"..

Concello da Coruña

Cando:

14 de decembro de 2018

O Concello presenta a programación para unhas festas de Nadal que terán presenza nos barrios e na que se consolida a celebración das badaladas en María Pita

Os concelleiros de Culturas e Emprego deron tamén a coñecer esta mañá a imaxe do Nadal, un cartel baseado na luz destas destas e realizado polo recoñecido ilustrador coruñés Alberto Vázquez. A apertura do Belén municipal celébrase esta tarde, ás 20.00 horas, coa presenta da escritora Luz Pozo Garza, cuxa figura se suma este ano ao nacemento situado na sala de exposicións do Concello.

Os concelleiros de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, e o de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, presentaron esta mañá a programación e a imaxe das festas do Nadal, cuxo cartel reflicte a luz destas festas ante elementos significativos da cidade e realizado polo ilustrador e director de animación, Alberto Vázquez, que tamén participou no acto. Sande salientou a expansión, un ano máis, das actuacións previstas polos barrios "para afondar na idea de descentralización da actividade cultural", e a celebración do Ano Novo, con espectáculos, música e cotillón, que terá lugar na Praza de María Pita.

O edil Alberto Lema deu a coñecer o programa previsto para a celebración da chegada do Ano Novo que, "repite despois da boa acollida que tivo a aposta o pasado ano dun formato arriscado e novidoso". O espectáculo comeza ás 23.30 horas con Isabel Risco e David Perdomo como encargados de amenizar o paso ao novo ano. Tras as badaladas, chegarán as actuacións musicais a cargo de Los Hot Chocolates e Esteban&Manuel e o reparto do cotillón para o público asistente. "Esta celebración de fin de ano contará con difusión por parte do Consorcio de Turismo, xa que tenta asentar A Coruña como unha opción e escolla para pasar o fin de ano e favorecer a chegada de novos públicos que se sumen aos que teñen a tradición", manifestou o responsable municipal. A imaxe do Nadal está realizada este ano polo ilustrador coruñés Alberto Vázquez, "unha figura imprescindible, cunha longa e prestixiosa carreira e gañador de tres premios Goya", indicou Sande, quen resaltou a aposta do Goberno local por primar a idea "dun cartel dun autor que reflicta a efervescencia do sector gráfico da cidade". Vázquez traballou sobre a idea da luz, como representación do Nadal, para o cartel. "Luz artificial, como a das rúas, ou natural, como as das estrelas, que no cartel forman diferentes motivos de Nadal e outras cousas que teñen que ver co noso. Trátase unha escena familiar con cousas típicas da Coruña como o paseo, a torre ou unha gaivota cunha bufanda", explicou.

Na xornada de hoxe terá tamén lugar un dos actos principais das celebracións municipais, como é a inauguración do Belén situado na sala de exposicións do Concello e a presentación da nova figura que se incorpora este ano, que rende homenaxe á escritora Luz Pozo Garza. "Non só se prima así a unha figura histórica das nosas letras, senón que se afonda na heteroxeneidade do Belén, algo que podía ser tradicional pero que se vai encarnando coas figuras de Luz Pozo ou de Marcela e Elisa", apuntou Sande, quen indicou tamén que a cita para a recepción oficial á cidadanía no Pazo de María Pita terá lugar o día 28 ás 13.00 horas. O concelleiro avanzou tamén que a cabalgada de Reis, que este ano sairá do entorno de Riazor cara a María Pita, estará composta por 16 carrozas e acompañada de actuacións destacas. Tanto a cabalgada como a da carreira de San Silvestre contarán cunha presentación específica nos vindeiros días.

A programación municipal, organizada polas concellerías de Culturas, Emprego e Xustiza Social, está distribuída de maneira territorial pola cidade, como incidiu Sande. O Praza de María Pita acolle dende o día 5 de decembro actividades lúdicas, dirixidas especialmente cara aos nenos e as nenas, que poderán gozar das atraccións, actuacións de maxia, teatro, circo e conta contos e visitas a Papa Noel e á Casa dos xoguetes, unha iniciativa que fomenta a reutilización dos xoguetes e a economía circular. Ademais, na entrada do Concello terán lugar unha serie de concertos de panxoliñas, dende o día 15 ata o 29, que ofrecerán distintas agrupacións con arraigamento na cidade e que se abre esta tarde coa actuación do Coro Cantábile tras a inauguración do Belén municipal. Tamén haberá programación complementaria nos centros culturais da cidade. O Centro Ágora acolleu o 11 de decembro o XX Encontro de Música de Nadal ás 18.00 horas, mentres que no Pazo da Ópera terá lugar o día 19, ás 20.00 horas, o XI Concerto de Nadal Padre Rubinos. O Teatro Colón acollerá dous eventos destacado, un o día 20 ás 20.30 horas da Orquesta Gaos titulado Musicais polo Nadal, e o Concerto de Reis, o día 4 de xaneiro, ás 19.00 horas, coa Orquestra de Nenos da Orquestra Sinfónica de Galicia, Nenos Cantores e o Coro Xove da Sinfónica de Galicia.

Esta semana comezaron xa as actividades musicais e culturais nos barrios da cidade, que continuarán nos vindeiros días con actuacións musicais e de cantos de taberna. "Todos os anos dámoslle entidade aos grupos de arraigo e de música tradicional da cidade, ese tecido non profesional pero que ten unha relevancia e expansión enorme durante todo o ano", explicou Sande. Hoxe, ás 20.00 horas, o Coro de Cámara Canta Compaña actuará na igrexa de Nosa Señora do Pilar, no barrio do Ventorrillo. O sábado 15, Pandereteiras Sen Fronteiras realizará un pasacalles ás 20.00 horas  no barrio dos Mallos, na rúa Ángel Senra. Xa na semana seguinte, o mércores 19, de novo Cantares Gallegos estará no centro cívico de Palavea ás 20.00 horas, e o xoves 20, a Tuna de Veteranos ofrecerá un concerto na Residencia DomusVi na Cidade Vella ás 18.00 horas. Finalmente, a Asociación Cultural Son D'aquí actuará nas rúas de Monte Alto o 21 a partires das 20.30 horas e a Asociación Cultural Donaire en distintas vías dos Castros o día 22, desde as 12.30 horas.

Toda a actividade nos barrios completarase, ademais, con pasacalles que transcorrerán polas rúas do centro da cidade até chegar á praza de María Pita, e que se desenvolverán os venres e sábados deste mes de decembro, a partires das 20.00 horas. O día 14 e sábado 15 participarán AC Donaire e Son D'Aquí, respectivamente. Na fin de semana seguinte, o día 21 actuará Cantares Gallegos e o día 22 a Asociación de Coros e Danzas Eidos. Finalmente, o venres 28 será a quenda da Asociación Folclórica Aturuxo e o día 29 a Asociación Cultural Donaire pechará a serie de actuacións. A área de Xustiza Social organiza tamén nos barrios campamentos de Nadal, para favorecer a conciliación familiar, que teñen lugar nos centros cívicos e nos centros escolares, dentro do programa Campacoles.

Belén municipal e visitas dos Reis Magos

O Belén municipal poderá visitarse na sala de exposicións do pazo municipal dende hoxe. A instalación será accesible en horario de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 21.00 horas todos os días do mes de decembro, desde o sábado 15 até o domingo 30, agás os días 24 e 25, nos que o pazo permanecerá pechado --ao igual que o luns 31--. No mes de xaneiro de 2019, o nacemento poderase visitar en horario de mañá, de 11.00 a 14.00 horas, os días 2, 3, 4 e 5, mentres que o domingo 6 estará aberto ao público de 17.00 a 21.00 horas. Tamén no mes de xaneiro, do 2 ao 4, os Reis Magos visitarán o Pazo de María Pita para falar coas nenas e nenos da Coruña entre as 17.00 e as 20.00 horas.

Documentos:

Cartel Nadal (638 KB)

  • Concello da Coruña
    • Ayuntamiento de A Coruña | Concello da Coruña
    • Praza de María Pita, 1. 15001 A Coruña
    • 981 184 200 ou desde dentro do termo municipal ao teléfono de atención 010
Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Safari e Microsoft Internet Explorer 10 ou superior. Instalar agora un navegador compatible

?