Uso de cookies nas páxinas web do Concello de A Coruña

Nas páxinas web municipais utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos mediante o análise dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información, ou coñecer como cambiar a configuración, na nosa páxina de "Normas de uso"..

Concello da Coruña

Cando:

17 de xaneiro de 2017

O Concello presenta o plan 'Cultura de barrio', convocatoria dirixida a asociacións e colectivos "para favorecer a descentralización da programación e contribuír á creación"

José Manuel Sande presentou o plan municipal "Cultura de barrio"

José Manuel Sande presentou o plan municipal "Cultura de barrio"

O edil José Manuel Sande avanza que este programa, ao que o Goberno local destinará 100.000 euros, será o primeiro dunha serie de convocatorias “que reforzan o aspecto da concorrencia competitiva fronte á subxectividade” destinadas a entidades do eido cultural que se presentarán no primeiro trimestre deste ano

O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, presentou este martes no Pazo de María Pita o plan municipal Cultura de barrio, unha convocatoria pública dirixida a asociacións e colectivos de carácter cultural para deseñar e desenvolver a programación do mundo do espectáculo e da cultura nos distintos barrios da cidade para este ano 2017. A medida, tal e como sinalou o edil na presentación, continúa a liña doutra proposta da área, o plan Activa o deporte, que "reforza o aspecto da concorrencia competitiva fronte a subxectividade na selección dos proxectos", e permitirá que as entidades "dispoñan de convocatorias nas que podan presentar as súas propostas". "O 2017 supón un punto de inflexión fronte a certas inercias históricas que algúns grupos teñen interese en favorecer, como aconteceu soas subvencións vinculadas a festas de barrios. Este Goberno avoga, fronte a anterior subxectividade, pola concorrencia competitiva como unha defensa dos procesos xustos e igualitarios, establecidos sobre unha base de criterios de valoración obxectivos, e que permite que as propostas sexan analizadas e valoradas dun xeito profesional", afirmou.

Así, Cultura de Barrio é a primeira dunha serie de convocatorias de axudas vencelladas especificamente ao ámbito cultural que se presentarán ao longo do primeiro trimestre do ano, "destinadas a dinamizar e apoiar desde a administración local aos diversos axentes locais, neste caso culturais e asociativos, no lugar de promover paternalismos", expuxo Sande. O plan cumpre así, segundo o responsable municipal, cun dobre obxectivo, como é "recoñecer o traballo, a autonomía e a innovación dos axentes e das entidades culturais da cidade, moitas delas históricas" e, por outra banda, "mellorar, en ambas direccións, a orde na relación entre o Concello e os axentes, no sentido administrativo e económico".  "Cando se avoga desde o Goberno local polo desexo e proxección da Coruña como unha cidade viva, que nutre de actividade deportiva e cultural á cidadanía, inclúese a defensa do servizo dunha comunidade sociocultural artística e asociativa importante, que debe ter marxe de autonomía e decisión sobre os seus propios proxectos", aseverou o concelleiro.  

Neste proxecto, o Goberno local investirá 100.000 euros para facilitar e acompañar ás asociacións ou colectivos informais locais na posta en marcha de proxectos ou iniciativas relacionadas coa exhibición, creación ou difusión cultural en calquera ámbito artístico, cuxas actividades serán de carácter aberto e gratuítas para o público xeral, así como terán que ser realizadas en espazos accesibles e públicos, que axuden á descentralización da oferta cultural "e apoien o desenvolvemento comunitario nos diferentes barrios", especificou Sande. Neste sentido, na convocatoria poderán presentarse propostas de accións culturais diversas, desde festivais ou até conxuntos de charlas ou accións singulares, que reporten prestacións para a cidadanía. A contía máxima que o executivo coruñés achegará a cada proxecto será de 8.000 euros, IVE incluído, que se aboarán unha vez sexa acreditada a súa realización e finalización, e tras a presentación das correspondentes facturas.

A convocatoria ábrese hoxe, martes 17, e o prazo de presentación manterase até o próximo 14 de febreiro. Poderán concorrer asociacións culturais sen ánimo de lucro que teñan o seu domicilio na cidade da Coruña e estean rexistradas no REMAC. Tamén poderán participar aqueles colectivos informais que, aínda que non estean formalizados, conten cunha traxectoria contrastada e estable no tempo, e que poidan demostrar unha actividade regular no eido da cultura, "co obxectivo de favorecer a creación de novos colectivos cidadás ou asociacións que desenvolvan accións para o beneficio da comunidade", asegurou o responsable municipal.  

Unha mesa composta polo concelleiro de Culturas ou en quen delegue --con voz pero sen voto--, unha persoa do funcionariado desta área --que será responsable da secretaría do comité--, tres representantes do tecido asociativo da cidade e dous de institucións culturais, serán as persoas responsables de avaliar os proxectos, nos que se terán en conta, ademais da calidade e interese do proxecto desde o punto de vista cultural e a opción de inclusión e interacción con outras entidades na proposta,  outros criterios "obxectivos", segundo cualificou Sande, como son a orixinalidade, a viabilidade económica, o emprego do galego "como reforzo na labor da normalización que se está a levar a cabo desde o Goberno", ou o desenvolvemento de accións que promovan a igualdade de xénero, así como daquelas que fomenten valores como a tolerancia ou o recoñecemento da pluralidade cultural da cidade.

Cada asociación ou colectivo só poderá presentar, unicamente, un único proxecto. En caso contrario, a entidade será excluída do procedemento. Neste sentido, o titular da área de Culturas lembrou que esta convocatoria, que foi presentada onte a distintos colectivos no centro cívico da Cidade Vella "e que contou cunha resposta entusiasta pola súa banda", será a primeira dunha serie de propostas para entidades deste eido que se presentarán nas vindeiras semanas.

 



 

 

Documentos:

Dossier Cultura de barrio (PDF)

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Safari e Microsoft Internet Explorer 10 ou superior. Instalar agora un navegador compatible

?