Uso de cookies nas páxinas web do Concello de A Coruña

Nas páxinas web municipais utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos mediante o análise dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información, ou coñecer como cambiar a configuración, na nosa páxina de "Normas de uso"..

Concello da Coruña

Cando:

18 de xullo de 2017

A programación para todos os públicos vése notablemente incrementada esta edición con seis programas específicos para o público infantil

O Concello presenta o programa das Festas María Pita 2017, no que afonda "no eclecticismo, a descentralización de actividades e a coprogramación", coa implicación directa da veciñanza da Coruña

O concelleiro de Culturas, José Manuel Sande, salienta que esta edición o Goberno local afonda no apoio e difusión aos e ás creadoras locais, así como potencia actividades de gran tradición como a Feira do Libro, o Festival Noroeste Estrella Galicia ou Viñetas desde o Atlántico, que celebra os seus 20 anos

O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, presentou esta mañá a programación específica do Concello con motivo das Festas de María Pita 2017, que este ano están marcadas pola ampliación de actividades para todos os públicos, con especial atención ao infantil e o avance na descentralización de actividades, de forma que sexan "realmente festas en todos os barrios en en toda a cidade", ademais da aposta polos procesos de coprogramación, implicando e empoderando á veciñanza, que se converte en protagonista e interlocutor destes festexos. Sande destacou ademais o marcado carácter lúdico, pero tamén cultural e educativo que rodea estas festas, que se desenvolverán dende o martes, 1 de agosto, até o domingo 27, e nas que a ilustración ten tamén un carácter principal, dado que se cumpre a edición número 20 de Viñetas desde o Atlántico. "A Coruña é unha cidade ilustrada e así tamén o son as súas festas nas que, ao longo de case un mes, terán lugar numerosas disciplinas artísticas que van dende a música, as artes escénicas, a lectura, as actividades de arraigo ou  tradicionais e os deportes", explicou o edil, quen anunciou que a persoa encargada de dar o pregón de inicio das festas, o martes 1 de agosto, ás 21.15 horas na Praza de María Pita, será o deportista Fernando Romay. O responsable municipal tamén quixo facer fincapé na aposta pola creación local, que pode observarse tanto no cartel no Noroeste Estrella Galicia, como no propio cartaz das Festas de María Pita 2017, realizado pola creadora coruñesa Xulia Pisón (presente na rolda de prensa de presentación da programación), "muller que acabar de rematar os seus estudos na Pablo Picasso e que representa un dos principais valores da Coruña Gráfica que fomentamos e representamos".

"Este ano o lema das nosas festas é Por Unha Cidade Próxima, un recordo da cidade afortunada que temos en canto a programación deportiva e a cultura, cunha suma ademais de espazos privilexiados que multiplica a actividade nestas festas seguindo ese habitual esquema semanal", comentou. O titular de Culturas explicou que este "é o ano no que consolidamos a oferta pola que apostamos xa no 2015, recén chegados ao Concello, e que logo continuamos en 2016. Apostamos pola multidisciplinariedade, o eclecticismo, a reformulación, ampliación e descentralización dos espazos e a idea de que A Coruña é unha cidade ilustrada, na que conviven tradición e modernidade".

A programación especialmente dedicada ao público infantil cobra este ano unha especial relevancia, ao verse notablemente incrementada con seis programas específicos destinados aos e ás menores e ás súas familias. Trátase dos Obradoiros Ambientais Coruña Viva, desenvolvidos en colaboración coa Concellería de Medio Ambiente; O Xardín dos Libros, como reforzo específico á Feira do Libro; o Festival Manicómicos; o FamiliRúa, que pretende apoiar a descentralización e afortalar a programación nos barrios; a Romaría do Festival Noroeste e a Festa das Utopías, que percorrerá a cidade para rematar cun gran acto no Parrote no que estará o clown Leo Bassi.

Dentro da programación lúdica que este ano se expande de forma notable, Sande tamén salientou o Festival Noroeste Estrella Galicia, que celebra a súa edición número 31 entre o 8 e o 13 de agosto e que contará coa celebración de máis de 100 bandas e artistas (sendo máis do 50% do cartel de orixe galega) que actuarán en 15 espazos distintos da cidade. Terán lugar tamén as Festas dos Barrios; que se celebrarán o 14 e 15 de agosto en Oza-Gaiteira-Os Castros; o 16, 17 e 18 de gosto no Castrillón-Urbanización Soto; o 19 de agosto en Pedralonga e Sagrada Familia; o 22 de agosto en Eirís, coincidindo coa Festa da Fresa, e o 25, 26 e 27 de agosto en Novo Mesoiro. Neste caso, o concelleiro salientou o feito de que estes festexos foron deseñados dentro da convocatoria Facemos Comunidade, impulsada polo Goberno local. "Establecemos unha nova fórmula de traballo en común coas entidades veciñais, que tornan en protagonistas, e que ten o seu resultado nesta programación", comentou.

Por outro lado, e como vén sendo habitual, a Praza de María Pita será un punto de encontro nestas festas, celebrándose as denominadas Noites de María Pita que contarán con actuacións que "buscan reforzar o eclecticismo destas festas, dando unha oferta ao alcance de todos os públicos". Xoel López dará o concerto inaugural, o martes 1 de agosto, dentro dunha programación específica na que tamén estarán outros artistas como é o caso de Sés, Miguel Bosé ou Macaco, destacando tamén o espectáculo Chané na Habana, no que participan o músico Alejandro Vargas e a cantante Rosa Cedrón e que recupera e pon en valor unha figura tan tradicional e simbólica en Galicia. Trátase dun macro-espectáculo que levará a case unha vintena de persoas ao escenario e que conta coa colaboración da Deputación da Coruña e o Concello de Compostela.

O concelleiro de Culturas salientou a aposta por seguir recuperando e modernizando actividades e eventos tradicionais "destacando, como levamos facendo estes anos que a tradición non está enfrontada coa modernidade". "Continuamos coa aposta por recuperar a gran Romaría de Santa Margarita, que pechará as festas o domingo 27 de agosto coa actuación de grupos tradicionais e especialmente simbólicos como son Luar na Lubre e Xacarandaina, ademais da Banda Municipal de Música e o grupo emerxente Samarúas", explicou. Tamén e dentro da programación especialmente encamiñada a recuperar e potencial música e eventos tradicionais destacan as actuacións dentro do Festival de Habaneras e o de Arraigo, que por segundo ano consecutivo contan con escenarios descentralizados na Praza da Tolerancia e na Praza de Pablo Iglesias. Por outro lado, e ao longo de todo o mes, a Banda Municipal de Música actuará en distintos escenarios da cidade, incluíndose tamén a Praza de María. O tradicional concerto da Orquestra Sinfónica de Galicia terá lugar, tamén en María Pita, o sábado 19 de agosto, mentres que entre as novidades desta edición tamén destaca a actuación da Orquestra de Cámara Galega, quen renderá homenaxe ao compositor coruñés Rogelio Groba.

O 14 de agosto terá lugar a tradicional Batalla Naval, que se celebrará no Paseo Marítimo, recuperando así o seu emprazamento habitual que o ano pasado foi mudado pola celebración da Tall Ships Races. As zonas de disparo pirotécnico serán as Esclavas e a Finca dos Mariño. Como eventos de especial tradición nas festas coruñesas, o responsable municipal fixo notar a importancia esta edición de Viñetas desde o Atlántico, que cumpre 20 anos, e que esta edición conta cunha ampliación de espazos e un espectáculo audiovisual, entre outras novidades. Esta terá lugar entre o 7 e o 13 de agosto.

O responsable municipal de Culturas tamén fixo fincapé no incremento da presencia de actividades deportivas no contexto das festas, destacando o LXXII Trofeo Teresa Herrera, incluíndo a cada vez máis presente modalidade feminina, e o Campionato do mundo de vela na modalidade Snipe.

Noutra orde de asuntos, Sande salientou que, se ben nesta edición, as Festas de María Pita reforzan especialmente a súa programación en eventos como o Noroeste, a propia Feira do Libro ou Viñetas dende o Atlántico, aumentando ademais de forma exponencial a actividades infantil, o orzamento empregado segue a ser notablemente máis baixo do invertido pola anterior Corporación municipal.

Descarga a programación das Festas de María Pita 2017 aquí.  

Documentos:

Cartel Festas María Pita 2017 (7 MB)

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Safari e Microsoft Internet Explorer 10 ou superior. Instalar agora un navegador compatible

?