Uso de cookies nas páxinas web do Concello de A Coruña

Nas páxinas web municipais utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos mediante o análise dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información, ou coñecer como cambiar a configuración, na nosa páxina de "Normas de uso"..

Concello da Coruña

Cando:

12 de xaneiro de 2017

O edil Alberto Lema afirma que Alvedro "ten posibilidade de seguir medrando", tras valorar os datos de tráfico de 2016, "o quinto mellor ano para o aeroporto"

O titular de Turismo avanza que o Goberno local manterá unha reunión cos responsables da compañía Iberia durante a celebración de FITUR

O concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, vén de valorar esta mañá no Pazo de María Pita os datos provisionais do balance anual de tráfico de persoas viaxeiras, operacións e mercancías do aeroporto de Alvedro, cuxos resultados arroxan, nos tres bloques, un incremento respecto ao ano anterior. Así, máis dun millón de persoas, 1.063.291, voaron desde as instalacións coruñesas, o que representa un aumento no tráfico dun 3,7% sobre o 2015, e sitúa este 2016 como "o quinto mellor resultado do seu histórico", sinalou Lema, quen lembrou que, no mes de decembro, con 84.223 usuarias, "foi o segundo decembro con maior número de pasaxeiras rexistrado ata agora". "O Goberno local valora positivamente esta subida. Os datos son bos e medramos en case todas as rutas agás na de Bilbao, que non cumpría os obxectivos", explicou o concelleiro. "Subimos a ocupación en Madrid e Barcelona, e mantivemos o nivel de Londres. Esto demostra, sen dúbida, que estamos ante os mellores datos do histórico da rendibilidade do investimento municipal no aeroporto en canto á relación custo retorno e beneficio", aseverou Lema, ao lembrar que o executivo coruñés investiu o ano pasado 1.400.000 euros en convenios con aeroliñas, "o que supón que, tendo en conta que este 2016 superamos o millón de pasaxes, o investimento por cada unha é de pouco máis dun euro, fronte aos catro de media que mantiñan anteriores corporacións". "Este resultado demostra que o modelo de inversión racional promovido polo Goberno local é sustentable", dixo.

O responsable municipal incidiu en que as estimacións do Goberno local, de cara o ano que vén , é que este balance tamén sexa positivo, "co aumento do número de pasaxes e a aposta pola terceira frecuencia diaria a Barcelona", polo que os datos de tráfico do aeroporto "aínda teñen marxe de mellora". "AENA sitúa a Alvedro, nas súas estimacións, con capacidade para case un millón e medio de pasaxeiros. Aínda lle queda marxe para mellorar, a pesares das restricións que teñen as súas instalacións actuais, como contar cunha única terminal, que non opere en horario nocturno ou o problema da cabeceira sur", afirmou.

A este respecto, o edil confirmou que, como efecto da alta taxa de desvíos do ano pasado provocados polas condicións climatolóxicas adversas, "non se puido sumar case medio punto de pasaxe, un 0,4%". "A imposibilidade de aterrar en Alvedro tamén está vinculada a que non se poida despegar, polo que este 2016 non se sumou prácticamente un 0,8% de pasaxes", sinalou. Neste sentido, Lema defendeu a necesidade o Goberno central adopte medidas para permitir as aterraxes pola cabeceira 03. "Non dispoñemos de sistema ILS polo Monte Xalo, que forma parte dun espazo natural protexido, nin de balizas. Os meses pasan e os desvíos seguen a ser a tarefa pendente máis urxente do aeroporto. É unha realidade que nos volve menos competitivos, polo que seguiremos solicitando a Enaire que facilite ferramentas para habilitar a aterraxe pola cabeceira sur, para que, cando menos, non suframos esta sangría de desvíos. Detrás de Alvedro non está o Himalaia, polo que a xestora de navegación debería atopar unha solución", aseverou.

En canto á reordenación da grella de voos fixada pola compañía Iberia na súa tempada de inverno, que provoca cambios operativos nos primeiros meses de 2017 que reducen a frecuencia á vez que se aumenta o número de prazas dispoñibles, o titular da área de Emprego e Economía Social lembrou que a compañía "non percibe subvención municipal algunha" e que "está manexando unha ocupación media dun 80%", polo que "non se xustifica" a baixada de frecuencias, "non tanto de volume como si de operatividade". "Aínda que, a partir do mes de abril, a aeroliña manteña a mesma operativa que no 2016, este executivo non concorda coa decisión que se suprima estes meses algúns dos voos, en particular o de última hora de Madrid, xa que, ademais de contar cunha elevada ocupación, supón un inconveniente para o perfil de negocios", expuxo o concelleiro, quen asegurou que o Goberno local xa lle trasladou a súa opinión á compañía, coa que manterá unha xuntanza durante a celebración da Feira Internacional de Turismo (FITUR) coa finalidade de "explorar novas vías e ver que capacidade teñen para recuperar ese voo".

  • Concello da Coruña
    • Ayuntamiento de A Coruña | Concello da Coruña
    • Praza de María Pita, 1. 15001 A Coruña
    • 981 184 200 ou desde dentro do termo municipal ao teléfono de atención 010
Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Safari e Microsoft Internet Explorer 10 ou superior. Instalar agora un navegador compatible

?