Uso de cookies nas páxinas web do Concello de A Coruña

Nas páxinas web municipais utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos mediante o análise dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información, ou coñecer como cambiar a configuración, na nosa páxina de "Normas de uso"..

Ayuntamiento de A Coruña/Concello da Coruña

Cando:

5 de abril de 2017

O Goberno local advirte de que o proxecto orzamentario do Estado “frea as inversións na cidade e impide o desenvolvemento de proxectos demandados historicamente, como o tren a Langosteira”

A concelleira de Facenda, Eugenia Vieito

A concelleira de Facenda, Eugenia Vieito

A concelleira de Facenda, Eugenia Vieito, destaca a falta de proxectos do Goberno central na cidade e a área metropolitana, o compromiso insuficiente co dragado e rexeneración da Ría do Burgo e “a asfixia que, de novo, o ministro Montoro pretende impoñer ás entidades locais”

O Goberno local da Coruña atopa "profundamente decepcionante" o proxecto orzamentario do Estado, presentado no día de onte, e no que se reflexa unha importante caída do investimento do Executivo central tanto na cidade como no conxunto da área metropolitana. "Trátase dunhas contas especialmente lesivas para a cidadanía coruñesa, que reflicten a falta de proxectos do Goberno estatal para a cidade, a falta de resposta ás peticións que se lle fan dende A Coruña e o resto da provincia e o aparente empeño en frear infraestruturas e proxectos demandados historicamente, como é o caso da conexión ferroviaria con Langosteira ou o dragado da Ría do Burgo", comentou este mércores a concelleira de Facenda, Eugenia Vieito, que destacou que a maiores da partida de 2,5 millóns para a ampliación da Avenida de Alfonso Molina, o proxecto orzamentario "abandona o investimento na cidade". Ademais, a responsable municipal fixo especial fincapé en que o proxecto presupostario "segue afondando na asfixia que o ministro Montoro parece empeñado en inflixir ás administracións locais, evitando en todo momento que poidan dispoñer do persoal necesario". "Ademais, hai que facer notar que as dotacións previstas para as entidades locais son un 1,8% inferiores ás do ano 2016, polo que, de novo, continúa o afogamento á administración que está máis cerca da cidadanía", engadiu. "As contas estatais non só son lesivas coa Coruña, senón que son especialmente restritivas con toda a comunidade galega, cunha caída inversora que nos devolve aos anos noventa", censurou Vieito, quen destacou que "é deber é responsabilidade da Xunta articular os mecanismos que sexan necesarios para poder evitar un recorte no investimento na comunidade de máis dun 30%". "Por suposto, é un proxecto que non aposta por Galicia e que non recolle inversións para ela, pero ademais son unhas contas que abandonan o gasto social, así como ás persoas en situación de maior vulnerabilidade", comentou a edil, que salientou a situación das persoas pensionistas. "O Goberno central saca peito por unha suba das pensións do 0,25%, e do 1% para os e as empregadas públicas, que non é real, tendo en conta a suba da inflación, o que vai significar que esa suba non só non se fará efectiva, senón que este colectivo experimentará unha perda de poder adquisitivo", dixo.

Conexión con Langosteira

A responsable de Facenda e Administración insistiu na falla de investimentos do proxecto estatal, "o que se reflicte claramente na irrisoria cifra de 31.260 euros para a conexión co Porto Exterior". "Dende logo non ten sentido insistir en que é necesario que a Autoridade Portuaria alivie a toda costa a súa inxente débeda e logo non darlle as ferramentas necesarias, como a moi demandada conexión ferroviaria a Langosteira", comentou, para destacar que, con todo, a maioría das inversións céntranse no Porto Exterior, reservando unha cantidade de 13,5 millóns, ademais de 3,5 millóns para actuacións nos peiraos interiores. "Na mesma liña, tampouco nos parece suficiente, tendo en conta a débeda histórica que acumula, os 550.000 euros previstos para mellorar a liña ferroviaria entre A Coruña e Ferrol", salientou, recordando as peticións realizadas polo propio Pleno municipal para mellorar esta conexión.

"Está claro que nestes orzamentos se inviste máis ben pouco na cidade, e no que atinxe a infraestruturas vemos déficits enormes, como é o caso da falla de aposta pola terminal de Alvedro", salientou tamén a edil, quen recordou que existen "moitas máis necesidades que a remodelación da terminal". "O investimento previsto para Alvedro non ten en conta unha serie de carencias que é necesario suplir de forma urxente para poder garantir a competitividade da infraestrutura. O ano pasado tivemos unha taxa de desvíos moi importante que evidencia a necesidade de axudas para a aterraxe, algo que o Goberno central, a través de AENA, non obstante, obviou", explicou.

Por outro lado, Vieito tamén chamou a atención sobre "a insuficiente aposta do Goberno central por un proxecto de vital importancia tanto para o medio ambiente como para o impulso económico dunha zona". "Falamos do proxecto de dragado da Ría do Burgo, que reserva para esta anualidade tan só un millón de euros, sete en total nos seguintes anos, o que é unha cantidade claramente insuficiente", advertiu.

Recuperación de servizos públicos

A concelleira de Facenda destacou, por outra banda, que o proxecto orzamentario "non recolle avances no tema das taxas de reposición de persoal que permitan que as administracións locais poidan resolver os problemas aos que se enfrontan, de forma xeral, derivados da falla de recursos". "Ao mesmo tempo, o Goberno central pretende inviabilizar calquera intento de recuperación dos servizos que no pasado foron externalizados, precisamente, por Gobernos que aplicaron políticas neoliberais", salientou. Como fai notar a concelleira, o proxecto de lei orzamentario "tampouco incorpora ningunha novidade, máis alá da prórroga das condicións existentes en 2016, con respecto á utilización do superávit conseguido polas administracións locais, a pesar de ser unha cuestión demandada por Executivos de todas as cores".

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Safari e Microsoft Internet Explorer 10 ou superior. Instalar agora un navegador compatible

?