Uso de cookies nas páxinas web do Concello de A Coruña

Nas páxinas web municipais utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos mediante o análise dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información, ou coñecer como cambiar a configuración, na nosa páxina de "Normas de uso"..

Concello da Coruña

Cando:

28 de decembro de 2017

O goberno local dá luz verde á contratación de obras de impacto no espazo público como a renovación do firme dos Rosais, a montaxe de bocas de rego e a mellora da iluminación

O executivo municipal completa así a tramitación inicial de todas as actuacións previstas no paquete de investimentos financeiramente sostibles de 5 millóns de euros, que quedan listas para seren adxudicadas e executadas ao longo do ano vindeiro

A Xunta de Goberno Local dará mañá luz verde á contratación de distintas obras de gran impacto no espazo público que suman, en total, un investimento de máis de tres millóns de euros. Estas actuacións forman parte do paquete de medidas comprendidas nos investimentos financeiramente sostibles aprobados o pasado 21 de novembro en Pleno e que se financian con cargo ao remanente líquido de tesourería de 2016. As actuacións que recibirán o visto e prace do executivo mañá, venres, pasan pola renovación do firme no polígono dos Rosais, para o que dispón dun orzamento de 1,15 millóns de euros; a modernización e mellora da iluminación pública tanto neste ámbito como na Ronda de Outeiro, Manuel Murguía e Avenida de Labañou, por un importe de 1,5 millóns; e a colocación de bocas de rego en toda a cidade, para o que se reserva un presuposto de 395.945 euros. O concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, indicou que estas actuacións "non só mellorarán considerablemente a situación do espazo público, común e de toda a veciñanza, senón que tamén servirán para xerar emprego na cidade". O edil salientou, ademais, que, co trámite de mañá "o goberno local completa a aprobación inicial de todos os proxectos comprendidos dentro dos investimentos financeiramente sostibles que foron aprobados pola Cámara municipal por un importe conxunto de 5 millóns de euros".

O responsable municipal sinalou que "tanto coa renovación do firme como coa mellora da efiencia enerxética resolvemos desigualdades históricas entre barrios da cidade". Por outro lado, salientou os beneficios da execución da rede de bocas de rego na cidade xa que "influirá de forma decisiva na mellora da limpeza viaria co uso de auga".

Intervencións no espazo público

Como recordou o edil, "coa luz verde a estes contratos completamos a aprobación das actuacións previstas polo Pleno dentro da partida referente a investimentos financeiramente sostibles, que ascendeu a 5 millóns de euros, que quedan listas para seren adxudicadas e executadas durante o ano vindeiro". Así, lembrou outros proxectos ligados a esta partida que se acometerán ao longo do próximo ano, como a renovación e rehabilitación de calzadas na Rolda de Outeiro, en concreto no denominado tramo II por un valor de 240.892 euros, o proxecto de mellora da iluminación do Parque Europa por 186.064 euros, ou subministración e instalación de luminarias viarias de alta eficiencia na Grela Bens (250.000 euros). Tamén se contemplan investimentos de máis de 353.263 euros para afrontar actuacións de mellora e ampliación da iluminación pública en Matogrande, 35.879 euros para o mesmo concepto no Iglesario de Agrela e 298.871 euros, que serán empregados en instalar sistemas de telexestión e de protección de última xeración en centros de mando de iluminación pública.

Por outro lado, entre estas actuacións figura un investimento de 266.771 euros para a substitución de dúas electrobombas de augas fecais na EBAR de San Roque. En canto aos mercados, dos 234.194 euros precisos para a culminación do proxecto de acondicionamento para dotar ao mercado de Elviña de obradoiros de traballo, os investimentos financeiramente sostibles reservan unha partida de 134.194 euros. O Concello tamén prevé destinar 209.330 euros á adquisición de licenzas de software aplicadas ao programa municipal de axuda a domicilio.

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Safari e Microsoft Internet Explorer 10 ou superior. Instalar agora un navegador compatible

?