Uso de cookies nas páxinas web do Concello de A Coruña

Nas páxinas web municipais utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos mediante o análise dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información, ou coñecer como cambiar a configuración, na nosa páxina de "Normas de uso"..

Concello da Coruña

Cando:

23 de xaneiro de 2018

O goberno local habilita os paneis de mensaxes variables de información ao tráfico "para ofrecer, en tempo real, datos do estado da circulación na cidade"

O edil Daniel Díaz Grandío avanza que a medida, posta en marcha desde esta mañá, “mellorará a xestión e control do tráfico”, á vez que facilitará ás e aos condutores “opcións e criterios á hora de escoller os percorridos que máis lles conveñan en función da fluidez do tránsito”

O concelleiro de Mobilidade Sostible, Daniel Díaz Grandío, deu a coñecer esta mañá nunha rolda de prensa o novo proxecto de mellora do goberno local para a xestión do tráfico na cidade. A través da posta en marcha dun programa de control da circulación e a instalación de novos dispositivos de medición en diferentes vías da cidade, desde esta mañá os paneis de mensaxe variable de información ao tráfico que se atopan instalados no termo municipal incorporarán datos, en tempo real, do estado de circulación e achegarán propostas dos diferentes itinerarios que se poden seguir até outros puntos da localidade e os tempos de percorrido estimados para os mesmos. "O goberno local está a traballar, desde o primeiro día, na mellora da tecnoloxía de xestión e control do tráfico. Hoxe presentamos os resultados dun arduo traballo de mellora, realizado polos servizos municipais de Mobilidade e da Policía Local, de dous proxectos indepententes, e que a veciñanza poderá advertir deste esta mesma xornada", sinalou o edil.

Tal e como expuxo Díaz Grandío, ao longo do pasado exercicio o goberno local instalou, en distintos puntos das principais estruturas viarias do termo municipal, 23 dispositivos de tecnoloxía bluetooth que, a diferencia dos antigos sistemas de control do tráfico como as espiras, "e que van enterradas no pavimento e contean vehículos grazas ós elementos metálicos destos", identifican aos vehículos que dispoñen deste sistema e permiten establecer tendencias do estado da mobilidade rodada da cidade. "Ademais de contar vehículos, esta nova rede de dispositivos lectores, de fácil instalación, predice e identifica os tempos e os percorridos de cada un dos vehículos". Deste xeito, achega nova información sobre rutas escollidas ou tempos de percorrido en tempo real aos xestores de tráfico, "o que permite trazar ou achegar os mellores itinerarios a seguir por parte das e dos condutores".

A esta medida incorpórase, segundo apuntou Díaz Grandío, á integración dos 12 paneis de mensaxes variables de última tecnoloxía dispostos por diferentes puntos da localidade,  "sempre vencellados ás principais vías de tráfico da cidade" --e que se atopan en Alfonso Molina, Linares Rivas, avenida de Fisterra, rolda de Nelle, rolda de Outeiro, estrada Baños de Arteixo, praza de Pontevedra, Paseo Marítimo e rúa da Torre--, nun novo programa de xestión que axiliza o seu control por parte das e dos operadores da Policía Local na Sala de Pantallas, que se atopa na Estación de Autobuses.

Así, desde as doce desta mañá, os paneis ofrecen ás persoas usuarias dos vehículos información, en tempo real, extraída desta rede de dispositivos bluetooth, datos de itinerarios e tempos de percorrido --minutos de traslado desde o punto de lectura do panel, até o punto de destino--, que estarán acompañados dun código de cores " que informarán do estado da fluidez do tránsito e que se axustan aos traballos de cálculo e medición realizados nas últimas semanas polo Concello", subliñou o titular da área de Mobilidade Sostible. Esta información actualizarase, de xeito automático, cada minuto, "polo que non interferirá no desenvolvemento do traballo do persoal da Sala de Pantallas, á vez que permitirá que as e os condutores tomen decisións dos percorridos desde a inmediatez do coñecemento da información". Os itinerarios que aparezan en cor verde, sinalarán que o tráfico no percorrido proposto é fluído, "que o tempo en tránsito é menor que a media calculada"; en cor amarela "axústanse ás previsións"; se están acompañados da cor vermella "é que o tempo en tránsito é maior que a media".

O concelleiro sinalou que cada panel, en función da súa localización, ofrecerá información personalizada sobre os diferentes puntos de tránsito, e exemplificou a medida no punto que se atopa na avenida de Alfonso Molina. "No panel da Vedra poderase consultar, entre outras cuestións, o tempo de percorrido a Monte Alto así como as diferentes alternativas e tempos estimados para chegar ao barrio, como poden ser, a través do túnel de Juana de Vega e o Paseo Marítimo, ou polo túnel de María Pita. O que se ofrecerá, pois, serán diferentes opcións e criterios "para que as persoas condutoras poidan adoptar, con información actualizaca ao minuto, o percorrido que máis lles conveña", aseverou o concelleiro, quen avanzou que, ante calquera problema de tráfico que se poida producir,  o sistema comunicará, de xeito inmediato, a incidencia, que se traducirá no código de cores dos paneis, pasando a ter unha cor vermella e aumentando o tempo de percorrido previsto, "para que as usuarias e usuarios poidan discernir se lle convén escoller esa vía, ou prefire outra alternativa".

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Safari e Microsoft Internet Explorer 10 ou superior. Instalar agora un navegador compatible

?