Uso de cookies nas páxinas web do Concello de A Coruña

Nas páxinas web municipais utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos mediante o análise dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información, ou coñecer como cambiar a configuración, na nosa páxina de "Normas de uso"..

Ayuntamiento de A Coruña/Concello da Coruña

Cando:

8 de abril de 2017

O Goberno local levará a Pleno unha moción en apoio e defensa pública da liberdade de expresión, "así como do carácter irreverente do entroido coruñés"

O grupo de Goberno, á entrada do Pleno

O grupo de Goberno, á entrada do Pleno

Tamén presentará unha iniciativa para rexeitar o proxecto de Orzamentos Xerais do Estado e incrementar as dotacións para a cidade, que considera "insuficientes para levar a cabo proxectos vitais"

O grupo de Goberno levará dúas mocións ao próximo Pleno municipal ordinario, que se celebrará este luns, 10 de abril, no Pazo de María Pita, a partir das 17.00 horas. Na primeira delas, proporá á Corporación o apoio á liberdade de expresión e a defensa pública do carácter lúdico e irreverente do entroido coruñés, mentres que, na segunda, solicitará o rexeitamento ao Proxecto de Lei de Orzamentos Xerais do Estado para 2017.  

A primeira moción que presentará o grupo que sustenta o Goberno local instará ao Pleno a apoiar, publicamente, a todas aquelas persoas ou entidades que estean a ser cuestionadas no seu dereito á liberdade de expresión e de reunión pacífica. O texto explica que "nos últimos tempos se veñen detectando no Estado Español numerosos acontecementos que deixan patente as eivas no que atinxe ao respecto da liberdade de expresión en todas as súas variantes", e lembra que unha entidade como Amnistía Internacional xa recordou ás autoridades do mesmo, "en particular ao Goberno central", que deben revisar a lexislación "coa finalidade de garantir e facilitar o exercicio efectivo do dereito á liberdade de expresión e reunión pacífica". Ao fío, o texto que presentará o executivo municipal apela tamén á liberdade de expresión artística, en relación ao deseño dun dos carteis cos que se publicitaron as festas de Entroido 2017 --obra do creador local Alberto Guitián--, polo que o concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, deberá comparecer o próximo día 17 de abril en calidade de investigado por "unha denuncia que considera que este ofende sentimentos relixioso". "O citado cartel", segundo a moción, "non ten vontade de ofensa, xa que simplemente reproduce un disfrace habitual do Entroido coruñés, dentro do carácter irreverente e lúdico que caracteriza esta festa". Así, o Goberno municipal solicita o apoio público do Pleno "a prol do dereito popular á irreverencia, en particular ás entidades, asociacións e comparsas que, durante décadas, fixeron posible esta festa na Coruña", así como ao edil de Culturas, "ante a investigación da que é obxecto a causa da promoción dun cartel que amosa a un home ataviado cun disfrace propio das características satíricas que tivo o Entroido da Coruña". "Os poderes públicos deben aceptar o dereito a crítica, sempre desde o respecto, habitual na festa do Carnaval, unha manifestación cidadá que tratou de ser invisibilizada e perseguida durante décadas no Estado", sinala o texto.

Por outro lado, o grupo de Goberno tamén presentará ante a Cámara outra moción para que se inste ao Goberno central a retirar o Proxecto de Lei de Orzamentos Xerais do Estado para 2017, ao considerar "insuficientes" as dotacións consignadas para investimentos na cidade da Coruña, "cantidades irrisorias para afrontar proxectos millonarios, como son os 31.620€ consignados para o enlace ferroviario co Porto Exterior". "As dotacións para a Coruña neste Proxecto revelan cantidades insuficientes e demoras inxustificadas en proxectos vitais para a cidade, como son a ampliación de Alfonso Molina, a estación Intermodal e o ferrocarril de proximidade, o acceso terrestre ao Porto Exterior ou o desenvolvemento dos Plans Estais de Vivenda", lembra a moción.

"Este Proxecto, que consolida os recortes en políticas sociais de exercicios anteriores mentres aumenta o investimento en Defensa nun 323%, mostra a total falla de compromiso do Goberno de Mariano Rajoy cos concellos, pois reduce nun 1,8% os recursos totais asignados ao sistema de financiamento das Entidades Locais", sinala o texto asinado polo grupo que sustenta o Goberno coruñés, que considera que a proposta do executivo central "non dá unha resposta axeitada ás demandas dos concellos de levantar as limitacións á contratación de persoal que pesan sobre as Administracións locais saneadas e que impiden a correcta prestación dos servizos públicos". "O Goberno central ten a intención, con esta proposta orzamentaria,  de inviabilizar calquera proceso de remunicipalización de servizos públicos externalizados, impedindo a incorporación do persoal que viña prestando estes servizos", indica.  A proposta da moción é que o Pleno tamén solicite que os grupos parlamentares do Congreso e Senado recollan nas súas emendar parciais propostas de incremento das dotacións previstas para investimentos na cidade da Coruña, e que o alcalde, Xulio Ferreiro, dea traslado dos acordos que se aproben neste sentido tanto o ao Presidente do Goberno do Estado, os grupos parlamentares e, para o seu coñecemento, ao Presidente da Xunta de Galicia.

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Safari e Microsoft Internet Explorer 10 ou superior. Instalar agora un navegador compatible

?