Uso de cookies nas páxinas web do Concello de A Coruña

Nas páxinas web municipais utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos mediante o análise dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información, ou coñecer como cambiar a configuración, na nosa páxina de "Normas de uso"..

Concello da Coruña

Cando:

30 de marzo de 2017

O Goberno local organiza o próximo 3 de abril o foro 'Movémonos?' co obxectivo "de abordar en común o cambio de modelo de mobilidade que transforme a cidade"

O edil Daniel Díaz Grandío avoga por “acadar o consenso” entre as distintas forzas “para mellorar a calidade do espazo urbano”. O alcalde, Xulio Ferreiro, pechará a xornada, aberta ao público, coa presentación do Pacto por unha Mobilidade Sostible

O concelleiro de Mobilidade Sostible, Daniel Díaz Grandío, presentou na mañá desde xoves a primeira edición do Foro pola Mobilidade Sostible Movémonos?, unha iniciativa impulsada polo Goberno local e que terá lugar o próximo luns, 3 de abril, no Kiosco Alfonso. A xornada, que se desenvolverá entre as 08.30 e as 14.00 horas, afondará nun dos tres pactos de cidade propostos polo Goberno local dentro do modelo de cidade Coruña Próxima. "Ademais da defensa do bordo litoral ou a constitución da área metropolitana, A Coruña debe acadar un consenso sobre as grandes políticas de mobilidade, as que teñen capacidade de transformación para a nosa cidade", explicou o concelleiro, "polo que esta xornada busca avanzar nesta estratexia e que sexa referendada por todas as forzas políticas". Ao peche da actividade, o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, presentará o Pacto por unha Mobilidade Sostible proposto polo executivo local, "co obxectivo que as grandes medidas neste eido transcendan os catro anos de vixencia dun Goberno municipal", aseverou.

A xornada Móvémonos? ofrecerá unha visión teórica e práctica "das políticas transformadoras que poden ser aplicadas no eido da mobilidade", sinalou o edil. O responsable de abrir o encontro, aberto ao público, será Salvador Rueda, director da Agència d'Ecologia Urbana de Barcelona, "unha entidade referente na implantación de medidas innovadoras á hora de recuperar a calidade do espazo urbano", explicou o responsable municipal, quen avanzou que o Concello traballará nos próximos meses coa entidade "para afondar na elaboración do mapa de redes do transporte público, rede peonil e ciclable da cidade".

A continuación, o concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, moderará unha mesa redonda na que representantes de tres cidades do Estado --Barcelona, Vitoria e Pontevedra--, explicarán "a aplicación con éxito", segundo valorou Grandío, "de políticas transformadoras en canto á acadar unha mobilidade sostible no seu territorio". Así, Mercedes Vidal, concelleira de Mobilidade de Barcelona, exporá o plan de mobilidade urbana da cidade; Juan Carlos Escudero, director do Centro de Estudos Ambientais de Vitoria, como logaron conseguir o pacto político que a grande estratexia de mobilidade fose aplicado por gobernos de diferentes cores. "a participación e os pactos cívicos no cambio de modelo" ; e, por último, César Mosquera, edil de Infraestruturas de Pontevedra, afondará na peonalización como eixo prioritario para abordar o cambio de modelo de cidade, "un modelo estudado internacionalmente e que por vez primeira se exporá na Coruña".

Contra ás 12.00 horas, terá lugar un coloquio sobre os retos da mobilidade, na que participarán representantes de todos os grupos con representación no Concello da Coruña. O encontro, que será moderado pola xornalista Consuelo Bautista, contará coa participación de Díaz Grandío, ademais de Avia Veira (BNG), Yoya Neira (PSOE) e Begoña Freire (PP). Finalmente, o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, será o responsable de pechar a xornada cunha intervención na que presentará a proposta do executivo local para acadar o Pacto pola Mobilidade Sostible da Coruña.

Documentos:

Programa 'Movémonos?' (80 KB)

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Safari e Microsoft Internet Explorer 10 ou superior. Instalar agora un navegador compatible

?