Uso de cookies nas páxinas web do Concello de A Coruña

Nas páxinas web municipais utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos mediante o análise dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información, ou coñecer como cambiar a configuración, na nosa páxina de "Normas de uso"..

Concello da Coruña

Cando:

20 de marzo de 2017

O Goberno local presenta un modelo urbano “baseado no concepto da Coruña Próxima, dunha cidade cercana”, e que e propón tres pactos: pola Mobilidade, a Área Metropolitana e a fachada marítima

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, acompañado dos concelleiros e concelleiras do Goberno local, no acto celebrado no Teatro Rosalía de Castro

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, acompañado dos concelleiros e concelleiras do Goberno local, no acto celebrado no Teatro Rosalía de Castro

Nun acto no teatro municipal Rosalía de Castro, o alcalde, Xulio Ferreiro, e os e as integrantes do grupo de Goberno destacaron as liñas de actuación para 2017, con medidas tales como o incremento da programación educativa pública na cidade e a rebaixa das tarifas das escolas infantís, así como o plan A Pé de Barrio para a mellora da calidade do espazo público, a apertura de espazos abertos á cidadanía e o impulso da Área Metropolitana

O alcalde, Xulio Ferreiro, e os e as concelleiras que conforman o grupo de Goberno do Concello da Coruña presentaron esta tarde, nun acto no teatro municipal Rosalía de Castro, as liñas básicas do proxecto de goberno marcado para este 2017, toda vez que os orzamentos municipais para este exercicio xa están aprobados en fase inicial. Este proxecto baséase nun modelo de cidade, segundo indicou o rexedor, que parte da visión da Coruña como "unha cidade de proximidade". "Coruña Próxima é unha aposta de futuro que comeza a ser xa unha realidade. O Goberno que presido leva dous anos dándolle forma a unha cidade de proximidade, en tanto que coida das persoas con medidas como por exemplo a Renda Social Municipal e impedindo que a ninguén sen recursos se lle corte a auga e a luz", comentou. "É unha cidade onde as listas de espera de seis meses en servizos sociais deron paso a unha unidade de atención inmediata. Unha cidade para vivir, sen verteduras contaminantes, sen herbicidas tóxicos e sen pelotazos urbanísticos. Unha cidade onde os impostos se reparten de forma máis xusta, e onde os contratos públicos teñen en conta a igualdade e a calidade do emprego. Unha cidade participativa, onde a veciñanza decide, é transparente, onde o goberno dá a cara e responde. Onde se loita contra as violencias machistas e se respecta a diversidade", manifestou o primeiro edil, que, acompañado dos e das concelleiras, presentou as liñas básicas de actuación de cara a construción da "Coruña Próxima". "Nestes case dous anos á fronte do Concello aprendemos a importancia da cercanía dos coidados, a necesidade de articular o barrio como a referencia inmediata de todas as persoas ou de dotar o espazo público de calidade", indicou Ferreiro. "Descubrimos, por tanto, o poder da proximidade, de contar con todas as mans e todas as intelixencias, algo que serve, por exemplo, para multiplicar as capacidades na Área Metropolitana, e para desenvolver políticas escoitando de forma activa á xente, garantindo por tanto as súas necesidades básicas", engadiu. "O noso obxectivo, cando falamos de modelo de cidade, é acadar o dificilísimo equilibrio entre saber escoitar á xente e ser capaz de interpretala, e interpretar as potencias do espazo e do tempo no que esa xente quere vivir e ter o valor de escoller", comentou. "Cando me preguntan polo modelo de cidade, sempre pensaba que é evidente, pero que lle facía falla un nome. Xa o ten: Coruña Próxima", dixo.

Entre as principais medidas a poñer en marcha destaca, no eido das políticas sociais, a aposta decidida do Executivo pola potenciación das Escolas Infantís Municipais, incrementando o orzamento destinado a elas nun 13,23%, para aumentar a programación educativa e baixar as tarifas, en especial  daquelas familias con menos recursos. A calidade do espazo público tamén mellorará ostensiblemente co plan A Pé de Barrio, con reforzos na recollida do lixo, melloras no mantemento dos parques dos parques e xardíns e a plantación de 1.500 novas árbores. En materia de mobilidade este será o ano no que se habilitarán 11 novas estacións de BiciCoruña, de cara a favorecer a mobilidade sostible. Ademais, proporanse tres grandes pactos, tanto coa Corporación municipal como coa propia cidadanía, de cara a sentar as bases da cidade do futuro, relacionadas coa conformación da Área Metropolitana, coa Mobilidade Sostible e co futuro do bordo litoral.

Xustiza Social e Coidados

No acto de presentación, a concelleira de Xustiza Social e Coidados, Silvia Cameán, introduciu o primeiro dos bloques de actuación, o que entende A Coruña como "unha cidade que coida das persoas', onde destacou as medidas relativas ao coidado da infancia, como o aumento do orzamento das Bolsas Comedor para escolares, que pasan de 750.000 a 900.000 euros e que tamén modifican os seus criterios, de xeito que poden a optar a ela familias cunha renda per cápita anual de ata 6.000 euros -ata agora, o límite era 4.200 euros-. Como fixo notar, os comedores escolares abrirán en verán e Nadal, grazas a unha achega municipal que pasou dos 2.000 euros no anterior mandato aos 86.000 euros este ano. No ámbito infantil e xuvenil, a concelleira incidiu tamén na ampliación da idade nos campamentos municipais tradicionais ata os 16 anos, o programa extraescolar de reforzo educativo para alumnado con necesidades especiais ou problemas de aprendizaxe, o programa Cóxegas de actividades extraescolares para axudar á conciliación ou Idiomas do Mundo, o programa de inmersión lingüística en capitais europeas, "que este ano afonda nos criterios de progresividade para facilitar o acceso a menores con menos recursos, e que tamén se amplía a estudantes de bacharelato". Ademais, a concelleira subliñou a aposta polas escolas infantís municipais, para as que se eleva o orzamento este ano nun 13,23%, para incrementar a programación educativa e baixar as tarifas, en especial  daquelas familias con menos recursos, unha redución que afectará a 828 familias. Neste ámbito, modificarase o regulamento "para facelo acorde coas necesidades sociais actuais, fomentando a igualdade de xénero e con criterios de admisión máis equitativos, impulsando o carácter equitativo e plurilingüe e contribuíndo á conciliación", indicou, para facer mención tamén aos programas de formación actualizada para as traballadoras. A concelleira tamén aludiu na súa intervención ao estudo que vén de contratar o Goberno local para determinar as diferentes opcións e modalidades posibles para a apertura dos CEIP públicos en horario extraescolar, "co obxectivo de mellorar deste xeito os servizos públicos dos barrios".

Na exposición, Cameán salientou tamén medidas como o incremento dun 16,90% respecto ao do orzamento global destinado ao servizo de axuda a domicilio, que nestes Orzamentos acada os 6,934 millóns de euros e inclúe 60.000 horas de servizo. Como explicou, este reforzo vai permitir cubrir unhas 5.600 horas mensuais, "o que significa que 100 persoas máis poderán ser atendidas". O incremento da achega municipal ao programa de Talón Restaurante nun 40% (ata os 600.000 euros) para as persoas con menos ingresos, a flexibilización dos criterios e simplificación dos trámites para a concesión do Bonotaxi, para que poida chegar a máis persoas -ao elevar o tope económico do 200% do IPREM ao 210%- son outras das acción contempladas para atención de persoas maiores. No ámbito da atención á vulnerabilidade, a responsable municipal de Xustiza Social e Coidados puxo de relevo as 250 expedientes da Renda Social Municipal que se atopan en trámite, salientou a creación dun Consello Local pola inclusión Local que fomente a participación nas políticas sociais municipais e fixo referencia tamén ao Local de Baixa Esixencia que o Concello porá a andar o vindeiro abril, e "que busca acadar a promoción e inclusión social das persoas sen teito, nun espazo seguro, digno e confortable".

Igualdade e Diversidade

Así mesmo, explicouse a importancia de proxectos como o referido ao servizo de Canguraxe, de cara a facilitar "unha verdadeira conciliación e atención da infancia", así como, dentro da loita pola erradicación das violencias machistas, a posta en marcha de programas de apoio e atención psicopedagóxica a menores en situación de violencia de xénero. No apartado de coidados ás diversidades, o Goberno local porá en marcha este exercicio un Plan de Migracións e Xestión da Diversidade, "que pretende poñer no centro das políticas, os conceptos de cidade acolledora e inclusivo, así como o antirracismo como liña prioritaria para solventar problemas de normalización da vida das persoas migrantes". O executivo municipal afondará, ademais, nas políticas que atenden ao respecto ás identidades, especialmente grazas á nova ferramenta que constitúe o Espazo das Diversidades e Identidades de Xénero. O Goberno local "dará continuidade a este servizo reforzando o seu cometido para facer efectivo o principio de igualdade atendendo as diversidades sexuais e de xénero".

Por outro lado, e dentro das políticas para este 2017, destaca o Plan de Emprego dirixido a mulleres, que está enclavado dentro do Programa Coruña Emprega, e que busca o deseño de itinerarios laborais especialmente deseñados para as mulleres, tendo en conta as súas necesidades específicas, así como o feito de que se trata dun "colectivo especialmente vulnerable á hora do acceso á vida laboral".

Cidade para Vivir

Durante o acto de presentación dos proxectos do Goberno local para este exercicio, a concelleira de Medio Ambiente, María García, destacou a posta en marcha do novo programa A Pé de Barrio, que consiste "nun plan intensivo de mellora do espazo público, que se abordará cada mes nun distrito, ao longo de dez meses". A responsable municipal explicou que "este proxecto baséase na aplicación de actuacións integrais", como son a limpeza das praias, a recollida de residuos, o acondicionamento de contedores, a posta a punto de parques e xardíns, a reparación de parques infantís e biosaudables, a limpeza de soares e medianas, o mantemento de semáforos e marquesiñas, a revisión de sinais e pintado de rúas, a posta a punto do alumeado público, a revisión de fontes, túneles, escaleiras mecánicas e ascensores, ademais de actuacións en beirarrúas, firmes e calzadas, e actividades de saneamento. "O plan contará con tres fases en cada barrio no que se actúe. Unha primeira de recollida de información e atención ás suxestións e reclamacións da cidadanía, reuníndonos co tecido asociativo do barrio para contrastar estas demandas sobre terreo. Unha segunda fase na que planificaremos e interviremos de maneira intensiva no barrio e unha terceira fase de comprobación das actuacións", comentou García.

Por outro lado, e na vía de facer da Coruña unha Cidade Saudable, este ano tamén se porá en marcha o programa de reforzo de recollida de residuos en áreas especialmente sensibles da cidade. "Como fixemos até o de agora, durante o verán e o Nadal reforzaremos a recollida en zonas de alta concentración hostaleira, mentres que contra final do ano atenderemos tamén, especialmente, ao reforzo de recollida de papel e cartón na zona centro, Agra do Orzán, os Mallos, e Catro Camiños, zonas especialmente activas en actividade comercial", destacou.

"As actuacións en materia de recuperación van máis alá, xa que tamén promovemos actuacións cos residuos orgánicos de carácter doméstico, como é a colocación de 50 composteiras en vivendas de Eirís, Pedralonga e o Castro de Elviña", comentou a responsable de Medio Ambiente, que tamén destacou as obras previstas na planta de Nostián "para mellorar a porcentaxe de recuperación de envases". A este respecto, a edil fixo fincapé no mantemento e mellora das exitosas campañas nos barrios de recuperación de residuos impulsadas polo actual Goberno local, como é o caso da campaña #NoSeuSitio, para a adecuada separación, e a que se leva a cabo co motivo de San Xoán, #Móllate.

En canto a outras actuacións previstas nesta área, destaca a renovación dos contratos de limpeza viaria e de recollida de residuos. O departamento de Medio Ambiente ten xa en licitación a redacción do prego de condicións do novo servizo de limpeza viaria e de praias. A partir da súa elaboración poderá iniciarse o procedemento público que derivará na elaboración dun novo contrato, rematando a vixencia do actual en xaneiro do próximo ano. García destacou que o Concello tamén traballa no procedemento administrativo para adxudicar un novo contrato de recollida de lixo que teña en conta as novas realidades e dimensións da cidade. A concelleira incidiu en que con ambos contratos se implementarán medidas como "a limpeza periódica con auga en todos os barrios, a renovación do mobiliario dos parques, novos contedores e mellora da súa estética na cidade, así como medidas para fomentar a separación en orixe do lixo". "O obxectivo destes contratos, que prepararemos en 2017 para poñer en marcha e 2018, é conseguir unha cidade con menos residuos sen aproveitar, con máis reciclaxe e con máis compostaxe", explicou.

Dentro das actuacións pioneiras para este ano, tanto o alcalde como a concelleira fixeron especial fincapé no Plan de Expansión de Arborado, que rematará coa plantación na cidade de 1.500 novos exemplares, aumentando nun 10% o número de exemplares no paso de dous anos. "Imos levar a cabo plantacións de carácter inmediato en zonas especialmente demandadas como Monte Alto, Novo Mesoiro, Eirís e Barrio das Flores", destacou a concelleira. Ademais, entre os proxectos para incidir na "naturalización da cidade" están o da restauración dos ríos Quintas en Feáns, así como o avance nos proxectos xa encamiñados para que tanto as Illas de San Pedro como o entorno de Punta Herminia consigan a declaración de ENIL (Espazos Naturais de Interese Local), ou a posta en marcha de Ecohortas. "Algunhas xa están en funcionamento e outras en proceso", dixo a concelleira, que salientou as ubicacións no Parque Carlos Casares, en Eirís, Novo Mesoiro, Agra do Orzán, San Pedro de Visma e Os Rosais.

Este 2017 tamén continúa o ambicioso plan para lograr o obxectivo de Vertido Cero, de cara a que dende este concello non se produza ningunha emisión contaminante incontrolada á ría. "En 2016 mapeamos os puntos de vertedura existentes e comezamos a intervir, xa solucionamos o 80%, e este ano continuaremos", destacou García.  Neste momento, atópanse xa solucionados os puntos de vertedura localizados no Barrio do Campanario, María Pita, Parrote, Parque Europa, estrada de Eirís, As Xubias, Palavea, Mesoiro, rúa Fonte e Camiño de Conxes, cunha situación de solución inminente os detectados na rúa Brasil e Universidade, e traballándose nos localizados en Rego dos Xudeus, Peirao de San Diego e Peirao de Oza/ Marinaseca, ademais de na rúa José María Hernansáez e na Pasaxe.

Rexeneración Urbana

Pola súa banda, o concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela presentou algunha das principais medidas da súa área, na que destacou o incremento dun 30% ás áxudas á rehabilitación de edificios e para a instalación de ascensores. Tamén presentou o concurso de compra de vivenda que desenvolverá o Concello, "para aumentar o exiguo parque de vivenda municipal -apenas 407 vivendas das 105.584 que compoñen o parque da cidade- e poder rexenerar zonas sensibles da cidade, especialmente a zona PEPRI", unha convocatoria para a que o Presuposto municipal de 2017 recolle unha partida total de 2,2 millóns de euros.

Varela debullou igualmente as medidas encamiñadas a "apostar por un urbanismo respectuoso coas persoas e coa memoria, así como coas necesidades e demandas históricas da nosa cidade". Deste xeito, aludiu á modificación urbanística do polígono da Sardiñeira, "motivado pola mellora dos accesos dos autobuses á estación Intermodal", da que salientou que servirá tamén para crear "un espazo público de calidade", tendo en conta os tránsitos peonís e a relación entre os distintos equipamentos da zona. Varela referiuse tamén a modificacións urbanísticas previstas, como a que atinxe ao parque do Observatorio, "para responder a unha demanda histórica do barrio máis denso da cidade, como é a necesidade dunha zona verde".

En cando ás obras previstas polo Concello neste exercicio, o concelleiro de Rexeneración Urbana puxo en valor os criterios para acometer obras de "alto impacto, que a través dunha intervención axustada poidan mellorar a calidade do espazo, confort e accesibilidade universal". Entre as previsións de execución para este ano, citou a reurbanización da rúa Montiño, no Castrillón, as actuacións previstas na ronda de Monte Alto e rúa Marola, melloras nas rúas Páramo e Meira, na Agra, intervencións na praza da Tolerancia e Maestro Clavé e a mellora do Camiño do Correlo, en Feáns.

Neste bloque, o responsable municipal destacou tamén as actuacións para os mercados municipais, "equipamentos esenciais do noso proxecto de goberno, como espazos de  relación da veciñanza e polo seu potencial para a rexeneración dos barrios e a súa transformación, a través da posta en valor do comercio de proximidade e a economía circular". A este respecto, salientou o proxecto en marcha para a rehabilitación do mercado e a praza de Monte Alto, que ten un investimento plurianual de 3,8 millóns e que, segundo as previsións, comezará as obras no 2018. En relación á rehabilitación de Santa Lucía, Varela incidiu en que a reforma -para a que hai previsto un investimento de 5,6 millóns e cuxo proxecto se atopa en fase de licitación- busca revitalizar o mercado e dotar ao barrio doutros equipamentos sociais e comunitarios.

Unha cidade en movemento

O concelleiro de Mobilidade Sostible, Daniel Díaz Grandío, foi o encargado de presentar o bloque 'Unha cidade en movemento', no que destacou o proxecto para a ampliación da rede ciclable, a través da execución de carrís bici entre Matogrande e A Palloza, entre a Ponte da Pasaxe e a Mariña e entre Catro Camiños e Salgado Torres, así como a mellora da sinalización das zonas de convivencia de bicicletas e peóns no Paseo Marítimo ou a instalación de 60 aparcadoiros. Ademais, o servizo de Bicicoruña ampliarase con 11 novas paradas -en Someso, Pocomaco (2), Agrela, Elviña, O Ventorrillo, Oza, Parque de Eirís, Campus de Elviña, Marineda City  e Adormideras-, consonte ao resultado do proceso de Orzamentos Participativos. O responsable municipal referiuse tamén aos proxectos para a prioridade peonil do acceso ao Colexio Labaca e Maestro Clavé, e as melloras de accesibilidade xa iniciadas no Barrio das Flores e Elviña ou o proxecto do Camiño do Vixía, en Monte Alto. Tamén neste apartado, Díaz Grandío fixo alusión ao proxecto de humanización da avenida da Vedra, que permitiu reformular o proxecto inicial de Fomento para integrar numerosas melloras e un investimento de 2,5 millóns para melloras de humanización da vía.

Unha cidade con decisión

Durante o acto de presentación de Coruña Próxima, o alcalde, Xulio Ferreiro, quixo destacar as políticas participativas postas en marcha polo Goberno local. "A nosa forma de traballar é coas persoas, a través da creación de dereitos que teñen como finalidade o empoderamento da veciñanza para avanzar noutros modelos de gobernanza entre institucións e cidadanía", dixo o primeiro edil, que insistiu en que "a participación é un dereito de todos e de todas". Tanto Ferreiro como a titular de Participación e Innovación Democrática, Claudia Delso, fixeron fincapé nos encontros participativos entre Goberno e cidadanía que se levan a cabo nos barrios da cidade unha vez o mes, denominados Dillo Ti. Até o de agora, e tras pasar por San Diego, Palavea, Os Mallos, Monte Alto, Ágora, Novo Mesoiro, Monelos, Cidade Vella, Os Rosais e Castrillón, participaron unhas 1.220 persoas, estando prevista unha nova edición dos encontros o próximo sábado, 25 de abril, na Sagrada Familia. Na alocución ante o auditorio, Delso tamén salientou a posta en marcha do proceso de Orzamentos Participativos, que se repetirá este ano, e polo que a cidadanía puido decidir de xeito directo o destino de máis dun millón de euros do presuposto para este 2017. "No mes de abril volveremos a iniciar o programa, implicando a máis organizacións da cidade como entidades mediadoras e facendo un maior esforzo para traballar a diversidade da participación", comentaron.

Por outro lado, en menos de dous anos tamén se levaron a cabo seis procesos participativos en toda a cidade nos que participaron máis de 3.000 persoas. "Estes, derivarán en decisións políticas e intervencións na cidade co-deseñadas coa xente", destacou a edil de Participación, en referencia aos procesos desenvolvidos en torno á división da cidade en distritos, os usos do Parque de Bens, a ubicación das EcoHortas, os usos culturais en Novo Mesoiro, o Camiño do Vixía, os Participadoiros e O Noso Patio, relativo ao deseño do patio do centro de educación Sanjurjo de Carricarte. No que atinxe á división da cidade en distritos, Delso avanzou que "en menos de 10 días presentaremos o Mapa de Distritos da cidade, así como os criterios tidos en conta para formular a reorganización dos mesmos, que derivan precisamente dun proceso participativo e dunha investigación previa".

Espazos Abertos á Cidadanía e Laboratorio Cidadán

Ao fío das políticas de participación, os e as integrantes do Goberno local destacaron a posta en marcha de espazos cidadáns como "infraestruturas sociais abertas á toda a cidadanía". "Espazos que calquera entidade, pero tamén calquera particular, poderá solicitar de xeito accesible e responsable", sinalaron. O primeiro destes espazos será o Faro de Oza, "que abrirá e activará este novo modelo de xestión e uso ao longo de 2017". O segundo estará nos baixos da rúa Ribeira Sacra, en Novo Mesoiro, "cuxo proxecto de obra xa está practicamente rematado e plantexa un espazo polivalente para a veciñanza deste barrio". Do mesmo xeito, a medio/longo prazo, outra infraestrutura social será o pavillón de José Toubes. "Ademais, neste ano afondaremos na regulación da cesión de espazos ás entidades, fomentando o uso compartido dos espazos, a autorregulación dos mesmos e a accesibilidade, a partir de convocatorias en concorrencia con criterios obxectivos e a publicación do inventario dos espazos", explicou a concelleira de Participación. Neste apartado, destaca especialmente a apertura á vaciñanza do antigo cárcere provincial, logo do convenio que o Goberno local logrou acadar con Institucións Penitenciarias. "Ábrese ante nós a posibilidade de explorar outro modelo de infraestrutura social e cultural, que conte coa participación de distintos axentes da cidade na súa xestión e programación", destacou o alcalde.

Dentro das políticas participativas, está previsto tamén que este ano se dediquen 200.000 euros á posta en marcha do Laboratorio Cidadán, proxecto de innovación social que ten por misión "mellorar a vida das persoas e acadar unha cidadanía máis igualitaria a través de mecanismos de produción e coñecemento colaborativo". A intención do Goberno local é poñer en marcha esta ferramenta "a través da convocatoria a proxectos de innovación social, unha convocatoria de persoas mediadoras, e a realización de diferentes actividades de innovación social". Ademais, asinarase convenios con Medialab Prado, en Madrid, e coa Universidade da Coruña de cara a posta en marcha do Laboratorio Cidadán e se impulsará un proxecto específico en colaboración cos Museos Científicos da Cidade.

Unha cidade que conta

Na construción da Coruña como Cidade Próxima é tamén fundamental a súa relación coa súa contorna e outras administracións. Nesa liña, o Concello ten en marcha, xunto con Compostela, Madrid e Zaragoza, o convenio para a posta en marcha do proxecto red.es para o desenvolvemento dunha Plataforma de Goberno Aberto, Colaborativa e Interoperable, de cara a facer "máis transparente e participativa a actividade municipal". Ademais, o Concello tamén colabora con máis de 30 cidades europeas no proxecto Connecting "para a expansión do verde e o azul, isto é, auga e vexetación, dentro dos terreos urbanos. Os socios deste proxecto compartirán experiencias, implementarán medidas e monitorizarán os resultados de plans de expansión do arborado, restauración de espazos naturais e outras actuacións nesa liña. Ademais, A Coruña tamén forma parte da Conferencia das Cidades do Arco Atlántico e do Eixo Atlántico, e traballa en rede co Concello de Madrid sobre a base da súa Plataforma de Participación que funciona sobre un software libre que xa está a ser usado por máis de 30 concellos en todo o mundo e que é a base das políticas participativas desenvolvidas na Coruña a través de A Porta Aberta.

Non obstante, en toda esta liña de actuacións de base cooperativa, destaca o proxecto liderado pola Coruña (xunto aos concellos de Culleredo, Oleiros, Cambre, Sada, Bergondo, Betanzos, Abegondo, Carral e Arteixo) para a creación dunha auténtica Lei de Área Metropolitana. Neste apartado, o alcalde destacou o necesario Pacto por unha Coruña Metropolitana. "O noso desexo é que o proxecto de Área Metropolitana sexa consensuado coa veciñanza, xa que ten que ser o resultado dun pacto social entre a veciñanza dos concellos que conformarán esa área", manifestou. "Para acadar ese obxectivo, abrirase un proceso participativo de cara a presentar o proxecto de Lei de Área Metropolitana e abrir un debate público en torno ao mesmo en cada un dos concellos", adiantou. A previsión para por organizar encontros presenciais durante tres meses en todos os municipios que conforman a Área Metropolitana, co obxectivo de abrir espazos de debate e participación, ademais de habilitar ferramentas telemáticas para que todos os axentes sociais fagan as súas achegas ao documento de estratexia metropolitana que se publicará en breve. A proposta do Goberno local pasa por organizar mesas de traballo abertas en torno ás cuestións que máis preocupan á cidadanía.

De forma análoga tamén se proxecta a articulación dun Pacto por unha Mobilidade Sostible, de cara a "cambiar o rumbo e asumir un compromiso cunha nova maneira de movernos, que vai máis alá de María Pita e máis alá deste mandato". Os eixes básicos deste pacto pasan por cambiar o modelo de mobilidade imprescindible para loitar contra o cambio climático, así como facilitar alternativas ao vehículo privado e recuperar espazo público para os peóns, impulsar a mellora do transporte público e os desprazamentos en bicicleta, así como acadar un acordo amplo neste senso na Corporación municipal.

O último dos necesarios pactos é o que ten que ver co futuro do bordo litoral da cidade. O alcalde fixo notar que "A Coruña ten unha oportunidade histórica de recuperar os terreos portuarios para unir a cidade co mar e proxectar o noso futuro". Un pacto que, segundo expuxo, nace ante a perentoria necesidade de revisar os convenios urbanísticos de 2004 que "hipotecan o futuro do bordo litoral sen resolver o futuro do noso porto". Os pasos marcados pasan por impedir a venda dos terreos portuarios, "asegurando a súa titularidade pública, así como a iniciativa pública na súa transformación". "O bordo litoral é o maior espazo de oportunidade da Coruña e temos que abordalo con rigor, ilusión, debate e participación. Queremos impulsar un proxecto sostible que sirva para osixenar a cidade e a súa mobilidade, para reconciliarnos co mar e gañar espazo público", dixo o alcalde.

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Safari e Microsoft Internet Explorer 10 ou superior. Instalar agora un navegador compatible

?