Uso de cookies nas páxinas web do Concello de A Coruña

Nas páxinas web municipais utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos mediante o análise dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información, ou coñecer como cambiar a configuración, na nosa páxina de "Normas de uso"..

Concello da Coruña

Cando:

5 de xuño de 2017

O Pleno aproba a proposta do Goberno local de solicitar á Xunta declarar ENIL a contorna da Torre, a segunda petición de protección que impulsa o Concello no que vai de mandato

A Cámara municipal tamén deu luz verde definitiva e por unanimidade á ordenanza da ORA, o que posibilitará a anulación automática de denuncias mediante o abono dun recargo

O Pleno municipal aprobou esta tarde por unanimidade a proposta do grupo de Goberno local de solicitar á Xunta de Galicia a declaración do entorno da Torre de Hércules e Punta Herminia como Espazo Natural de Interese Local (ENIL) dando impulso e inicio ao proceso necesario para protexer esta zona. Esta figura atópase recollida no marco da Lei de Conservación da Natureza que, a proposta dos concellos, designa espazos naturais dentro do termo municipal que son merecedores de contar con medidas específicas de protección polo seu valor ambiental. "A contorna da Torre de Hércules é unha zona de extraordinario valor patrimonial, non só pola declaración da UNESCO, senón tamén polo seu nivel natural, tal e como puxo de manifesto o Mapa da Biodiversidade", destacou a a concelleira de Medio Ambiente, María García, que explicou que o obxectivo deste ENIL consiste na protección da natureza que se atopa entre a praia das Lapas e a cala de Durmideiras, á vez que se compatibilizan outros usos. "A conservación destes lugares require de medidas de protección, pero non se trata de impedir o uso desta zona, senón máis ben ao contrario. O que queremos é que a cidadanía da Coruña poida ir á Torre e gozar do seu patrimonio natural", dixo a concelleira, que avanzou a intención do Executivo local de poñer en marcha un Plan Municipal de Manexo e Conservación deste espazo. "É necesario lembrar e poñer en valor todo o patrimonio natural da Torre, que tamén conta cunha microtoponimia propia e que ten á vez unha gran valor memorístico", indicou. "Tráemos esta cuestión a Pleno, aínda que non faría falla porque podería ser simplemente aprobado en Xunta de Goberno, porque cremos que a conservación merece un acordo amplo, para que continúe goberne quen goberne esta cidade", indicou.

A concelleira recordou, ademais, que a da Torre é a segunda declaración de protección que solicita o Goberno local, despois da petición para as Illas de San Pedro, "unha proposta que elevamos á Xunta o pasado mes de xaneiro, despois que fose paralizada polo anterior executivo local, e aínda estamos a esperar a súa contestación para a aprobación final".

Noutra orde de asuntos, o Pleno tamén posibilitou, por unanimidade, a aprobación definitiva da Ordenanza do Servizo Público de Ordenación e Regulación do Aparcamento (ORA). A aprobación definitiva debateuse no Pleno logo de que a mesma saíse adiante a pasada semana na Comisión de Mobilidade tras a desestimación por parte do Goberno dunha reclamación particular ao texto atendendo a razóns xurídicas. Deste modo, a Cámara municipal deu luz verde definitiva a unha ordenanza que permite aos e ás usuarias denunciadas por non pagar ou ter de forma correcta o ticket da ORA anular a mesma se abonan un recargo que vai dos 1,5 aos 6 euros evitando o pago de sancións maiores. O concelleiro de Mobilidade Sostible, Daniel Díaz Grandío, recordou que se ben o pasado xaneiro o Goberno local presentou de forma conxunta unha modificación da ordenanza fiscal ligada á unha ordenanza da xestión da ORA, esta última foi rexeitada polo voto conxunto de PP e PSOE. "Perdeuse unha oportunidade moi valiosa, o que ocorreu foi un esperpento que fixo que quedasen cousas no tinteiro moi importantes como medidas tendentes a facilitar o aparcamento a persoas con mobilidade reducida ou ao fomento do uso das zonas verdes", indicou o edil, quen manifestou que "aínda, non obstante, quedan moitas cuestións relativas á mobilidade nas que é necesario, polo ben da cidadanía, chegar a un necesario consenso, como é o caso do Pacto de Mobilidade".

Por outro lado, a Cámara municipal tamén dou o visto e prace definitivo e por unanimidade á modificación puntual do plan parcial do sector 5, Val de Mesoiro, que posibilitará que unha serie de baixos baleiros situados en Novo Mesoiro, que até o de agora tiñan carácter comercial, poidan acoller usos cívicos. En concreto trátase dos sitos nos bloques 2,3 e 4 no edificio RC1, os bloques 8,9 e 10 do RC2 e os bloques 11,12 e 13 no RC3, na rúa Ribeira Sacra. Estes espazos poderán responder no futuro ás necesidades culturais que existen no barrio e que foron definidas pola propia veciñanza a través dun proceso participativo desenvolvido nos últimos meses. Así nun futuro, e en base a algunhas das demandas recollidas no proceso, estes espazos poderían acoller actividades relacionadas con música, teatro, danza, formación para adultos, obradoiros, talleres de robótica ou actividades de lecer. Os novos usos dos que se poderán dotar estes baixos darán cobertura ás zonas de Novo Mesoiro, Mesoiro Vello, Feáns, Someso, Birloque e Martinete. O concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, destacou que "con esta modificación melloramos a vida cotiá da cidadanía dun barrio especialmente poboado e cunha demanda histórica de maiores usos dotacionais". "Para definir estes escoitamos á cidadanía e, ademais, puxemos en marcha un proceso participativo. O proxecto de habilitación dos locais para poder atender estes usos está moi avanzado xa, pero este Goberno local sabe que temos que facer as cousas no seu xusto orde, aprobando primeiro esta modificación no plan parcial", dixo Varela. "A maduración social do barrio produce demandas de espazos para as asociacións e as súas actividades, á vez que unha ampliación do rango horario das actividades cívicas. A demanda da ampliación do Centro Cívico de Novo Mesoiro vén de longo, co que non abonda cun simple incremento de superficie, senón que a poboación demanda diversificar a localización no barrio, flexibilidade de uso e flexibilidade de xestión. A modificación que aprobamos hoxe en Pleno vén dar respostas ás demandas", reiterou Varela.

Entre os asuntos debatidos e aprobados en Pleno tamén figura á baixa da cidade da Coruña da Rede de Cidades de España Verde, coñecida como Cool Cities, ante a próxima disolución do citado ente. O concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, con competencias en materia de Turismo, destacou que xa en 2015 o Goberno local propuxo a baixa desta asociación "xa que custaba ao Concello 4.000 euros anuais e non se traducía en ningún tipo de rédito ou mellora en canto á promoción turística, sendo impedida a súa baixa nese momento pola decisión da oposición".

Tamén se aprobou de forma inicial --cos votos favorables do grupo de Goberno e o PSOE e a abstención do PP e o BNG-- o expediente de modificación do orzamento do IMCE de 2017 e un recoñecemento extraxudicial de créditos por valor de 90.501 euros, destinados a abonar dereitos de autor, así como actividade escénica e cultural con cargo ao remanente líquido de tesourería.

  • Concello da Coruña
    • Ayuntamiento de A Coruña | Concello da Coruña
    • Praza de María Pita, 1. 15001 A Coruña
    • 981 184 200 ou desde dentro do termo municipal ao teléfono de atención 010
Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Safari e Microsoft Internet Explorer 10 ou superior. Instalar agora un navegador compatible

?