Uso de cookies nas páxinas web do Concello de A Coruña

Nas páxinas web municipais utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos mediante o análise dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información, ou coñecer como cambiar a configuración, na nosa páxina de "Normas de uso"..

Concello da Coruña

Cando:

4 de decembro de 2017

O Pleno da Coruña esíxelle ao PP “que rectifique e se desculpe pola campaña de desprestixio lanzada contra o goberno municipal e Proxecto Cárcere”

A Cámara municipal tamén amosa o seu rexeitamento ao proxecto de construción dunha planta de pre tratatamento de aceites industriais e hidrocarburos no peirao de Oza ao ser aprobada unha moción conxunta do executivo local, PSOE e BNG

O Pleno municipal aprobou este luns unha moción que lle esixe ao PP "que rectifique e se desculpe pola campaña de desprestixio lanzada contra o goberno municipal e Proxecto Cárcere" no que atinxe ao proceso para a recuperación da antiga prisión provincial da cidade. A iniciativa foi presentada polo grupo de goberno e contou co seu voto favorable e o do BNG, ademais da abstención do grupo municipal do PSOE e o voto en contra do PP. A moción tamén explicita o respaldo do Pleno "á recuperación dos espazos da prisión para que estes sexan destinados a usos culturais, sociocomunitarios e vinculados coa memoria histórica e democrática".

A moción recorda como o pasado 15 de xaneiro, e por iniciativa municipal, a Sociedade de Infraestruturas e Equipamentos Penitenciarios (SIEP) formalizou un convenio co Concello da Coruña para cederlle o dereito de uso, con carácter gratuíto, sobre a antiga prisión provincial da Torre. O acordo tiña unha vixencia de dous anos, prorrogables anualmente por mutuo acordo das partes, e obrigaba a administración local a dedicar o edificio a actividades culturais e usos sociocomunitarios. A concelleira de Participación, Claudia Delso, indicou que este acordo "fixo posible, por fin, dar cumprimento a unha importante demanda veciñal, que foi liderada xa dende o ano 2011 por un grupo de cidadáns e cidadás que se organizaron en torno á iniciativa Proxecto Cárcere, que tamén foi compartida e apoiada por anteriores corporacións municipais".

"Para impulsar a recuperación do edificio, de alto valor patrimonial e lugar de memoria imprescindible moi deteriorado a causa do desleixo da anterior corporación, a Concellería de Participación, con competencias na materia, aprobou en maio unhas bases reguladoras da convocatoria pública para a cesión de uso de espazos no antigo cárcere para o desenvolvemento de proxectos de dinamización cultural e sociocultural mediante concorrencia competitiva", recorda o texto expositivo da moción, que tamén explica que estas bases, que foron correctamente publicitadas, abriron un prazo de 45 días para a presentación de propostas de dinamización no marco dunha convocatoria pública restrinxida a entidades sen ánimo de lucro e que figurasen rexistradas no REMAC (Rexistro Municipal de Asociacións coruñesas). "Xa no mes de agosto, unha comisión técnica, formada por tres funcionarios e funcionarias do Concello da Coruña, propuxo, á vista das propostas presentadas e da puntuación obtida segundo os criterios establecidos e publicitados nas bases da convocatoria, adxudicar a cesión de uso de espazos no antigo cárcere á entidade sen ánimo de lucro Asociación Sociocultural Proxecto Cárcere. A proposta, logo da tramitación correspondente e coa conformidade da asesoría xurídica municipal, fíxose firme o 8 de setembro. A partir deste momento, o PP da Coruña, a través do seu grupo municipal e da súa voceira no Concello, iniciou unha lamentable e deliberada campaña de acoso e desprestixio tanto da iniciativa para a recuperación do antigo cárcere, como da asociación sen ánimo de lucro que resultou adxudicataria da cesión de uso", indicou a concelleira Delso. "Malia a coñecer en detalle e ter acceso directo ao expediente do concurso público, o PP acusou ao goberno de facer unha adxudicación 'a dedo', e empregou información falsa, sabendo que o era, para intentar demostrar que o colectivo afín ao goberno municipal e que o procedemento de adxudicación, absolutamente exemplar, foi irregular", fixo notar.

Delso recordou, ao fío, que o pasado novembro, "o PP foi un paso máis alá e editou un folleto, do que se distribuíron miles de copias por toda a cidade, cualificando de chiringuito o proceso e acusando ao goberno local de regalar aos amigos un edificio público". "O PP non dubidou, para poñer en cuestión a limpeza do procedemento e o bo facer dos e das funcionarias do Concello da Coruña, en empregar unha fotografía, datada supostamente en xaneiro de 2011, na que aparecen ducias de persoas que nada teñen que ver co concurso público para a dinamización do antigo cárcere nin cos seus protagonistas", engadiu.

Por todo isto, e co apoio do Pleno, a moción do grupo de goberno esíxelle ao PP que rectifique e se desculpe, publicamente, "con todas as persoas que foron obxecto da súa campaña de desprestixio, especialmente cos funcionarios e as funcionarias do Concello, así como coas persoas que traballan desinteresadamente pola recuperación da antiga prisión provincial, pertencentes ou non a Proxecto Cárcere, relacionadas ou non do goberno municipal da Coruña".

Peirao de Oza

Por outro lado, o Pleno tamén aprobou unha moción presentada de forma conxunta polo grupo de goberno, BNG e PSOE, a proposta da asociación veciñal Oza-A Gaiteira-Os Castros, que amosa o rexeitamento público da cámara municipal ao proxecto de construción dunha planta de pre tratamento de aceites industriais e hidrocarburos no peirao de Oza. A iniciativa, que só contou coa abstención do grupo popular, tamén amosa o apoio da corporación ás entidades veciñais e organizacións que xa se teñen posicionado en contra desta planta e que, ademais, presentaron alegacións ao proxecto. A moción tamén valida ao goberno municipal a presentarse como parte interesada nos procedementos administrativos correspondentes, "co obxecto de tratar de garantir, en todo momento, a legalidade deste proceso". Do mesmo xeito, o Pleno tamén acordou instar á Xunta de Galicia a que desestime e rexeite o citado proxecto toda vez que a instalación se prevé "nunha localización a menos de 500 metros de bancos de produción marisqueira, ao carón de praias como Oza, Santa Cristina e Bastiagueiro e un complexo náutico deportivo e dentro do conxunto urbano do barrio de Oza, que xa soportou ser unha zona de peiraos onde se teñen desenvolvido actividades altamente contaminantes, causantes dunha contrastada polución medioambiental, como descargas de carbón e outros materiais". A concelleira de Medio Ambiente, María García, recordou que o Concello da Coruña, no seu informe técnico do departamento de xestión enerxética e de residuos urbanos, considera "que este proxecto pode causar impactos ambientais significativos, tendo en conta ademais que se trata dunha zona de sensibilidade especial polo que antes da aprobación do proxecto, este debería ser obxecto por parte da Xunta de Galicia dunha avaliación ambiental integrada, e non simplificada". "É necesario que a Consellería de Medio Ambiente se preocupe das veciñas e veciños dos barrios, algo que non está a facer", dixo a edil, que contrapuxo a actuación que está a levar a cabo o goberno local para evitar os vertidos incontrolados á ría.

Sanidade pública

Tamén foi aprobada a moción do executivo municipal en defensa das traballadoras e traballadores do servizo de obstetricia e xinecoloxía do Hospital Materno Infantil, pertencente ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC), que realizan o servizo de gardas. Presentada pola concelleira de Xustiza Social e Coidados, Silvia Cameán, a moción insta á Xunta de Galicia, como institución con competencias, a "dotar a este servizo dos recursos necesarios para atender á poboación", polo que, entre outras medidas, se reclama a inclusión no equipo dunha terceira facultativa especialista. "Con esta iniciativa, ademais, queremos deixa patente apoio do Concello aos e ás traballadoras da sanidade pública que teñen que facer fronte ás políticas de recortes que está levando a cabo o executivo autonómico e o estatal", apuntou. A moción tamén solicita á Xunta de Galicia que reciba ás traballadoras deste servizo sanitario de cara a poder dar unha resposta directa ás súas demandas. A mesma foi aprobada co voto favorable de todos os grupos, excepto o PP, que se posicionou en contra.

"O pasado mes de outubro, e dado que a demanda das traballadoras seguía sen solución, remitimos dende a Concellería de Xustiza Social un escrito ao conselleiro de Sanidade onde lle manifestamos a nosa profunda preocupación, así como solicitamos unha entrevista para poder abordar o caso, petición que aínda non obtivo resposta", expuxo a concelleira. "Non podemos tolerar que a Xunta de Galicia, a través do Sergas, manteña unha situación coma esta, que pon en risco á veciñanza da Coruña", indicou.

Noutra orde de asuntos, o plenario tamén deu luz verde á moción do grupo nacionalista que solicitaba o rexeitamento da Cámara á suba das peaxes na AP-9, así como insta á Xunta  a que demande a súa supresión. A iniciativa contou co apoio de todas as formacións con representación municipal agás o PP, que se posicionou en contra.

Tamén foi aprobada por unanimidade outra moción, neste caso do grupo socialista, para poñer en marcha unha web municipal cultural que inclúa a axenda cultural levada a cabo "tanto polo sector privado, como por colectivos e asociacións culturais e as diferentes asociacións públicas". O concelleiro de Culturas, José Manuel Sande, matizou que, de feito, o seu departamento xa está a levar a cabo dende hai meses un traballo con este obxectivo. Por parte do grupo socialista, tamén foi aprobado co apoio do BNG e o PP e a abstención do grupo de goberno, unha moción para a "desratización" da zona de San Diego. A este respecto, a concelleira de Medio Ambiente, María García, recordou que o goberno local duplicou o investimento no contrato de control de pragas, así como tamén aumentou as notificacións para requerimento de limpeza de solares. "Por outro lado hai unha programación constante de desratización, que ten os seus picos de actividade en outono e en primavera, por ser as épocas de cría", comentou a concelleira. Tamén foi aprobada unha moción do grupo municipal do PP que solicitaba "a adopción de medidas para acabar coa suciedade nos barrios", así como outra iniciativa para que o Concello se adhira aos actos conmemorativos que preparan as cortes xerais para o próximo ano con motivo do 40 aniversario da actual constitución española e unha terceira que insta "a proceder ao desaloxo do edificio da antiga Comandancia de Obras".

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Safari e Microsoft Internet Explorer 10 ou superior. Instalar agora un navegador compatible

?