Uso de cookies nas páxinas web do Concello de A Coruña

Nas páxinas web municipais utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos mediante o análise dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información, ou coñecer como cambiar a configuración, na nosa páxina de "Normas de uso"..

Concello da Coruña

Cando:

5 de xuño de 2017

O Pleno da Coruña reproba a actitude da conselleira de Infraestruturas da Xunta por “rachar o marco de relacións institucionais entre administracións con competencias no transporte metropolitano”

A Cámara tamén deu luz verde a unha iniciativa do grupo de Goberno para solicitar ao Executivo galego que aporte fondos na terceira convocatoria de axudas para estratexias DUSI

O Pleno municipal deu luz verde esta tarde a unha iniciativa presentada polo grupo de Goberno, en seguimento do acordo subscrito a pasada semana polos Executivos municipais da Coruña, Bergondo, Betanzos, Cambre, Culleredo, Oleiros e Sada, relativa ao transporte e a mobilidade metropolitana, para solicitar ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, "unha reunión de cara a poder avanzar na coordinación do transporte urbano e metropolitano co obxectivo de formalizar unha autoridade única que xestione o transporte na Área Metropolitana da Coruña", tal e corresponden "nunha relación institucional normalizada". A iniciativa, que cada un dos gobernos locais acordou levar ao seu respectivo pleno, pasaba tamén por pedir o apoio de todas as formación da Corporación "para solicitar ao presidente da Xunta que reprobe" a actitude da conselleira de Infraestruturas, "por rachar o marco de relación institucional entre dúas administracións con competencias en transporte metropolitano e na cidade da Coruña", ao non ter recibido aos e á representante municipal dende o 22 de febreiro de 2017, tal e como se lle solicitou por escrito. Así o manifestou o concelleiro de Mobilidade Sostible, Daniel Díaz Grandío, que recordou a necesidade de que a Xunta actúe, en referencia ao transporte urbano e metropolitano "con lealdade institucional para cos concellos integrantes de todo o proceso de constitución dunha área metropolitana da Coruña". A moción foi aprobada cos votos favorables do grupo de Goberno, a abstención de PSOE e BNG e o voto en contra do PP, exercendo o alcalde o seu voto de calidade como presidente da sala.

Tamén saíu adiante outra moción relativa ao financiamento das estratexias de desenvolvemento sostible e integrado (DUSI) e dirixida a instar á Xunta a achegar fondos na terceira convocatoria de axudas para a selección de estratexias, de maneira que as cidades, vilas e agrupacións de localidades galegas que aínda non accederon ou quedaron excluídas teñan unha nova oportunidade de optar a eles. A petición formúlase unha vez que A Coruña xa ten conseguido 15 millóns de euros para o seu proxecto na segunda convocatoria e tras o anuncio, por parte do Goberno central, dunha terceira convocatoria DUSI, que podería incluír transferencias de axudas propostas polas comunidades autónomas que manifesten o seu interese en facelo (como xa fixo a comunidade valenciana). Segundo recolle o documento, "de cumprir co anunciado, e se a Xunta colaborase, as localidades galegas que aínda non resultaron beneficiarias, ou mesmo agrupacións de concellos con vontade de construír proxectos en común, gozarían dunha nova oportunidade" unha circunstancia que, como se pon de relevo, ocorre na área metropolitana da Coruña. A iniciativa foi aprobada cos votos do grupo que sustenta ao Goberno local, o PSOE e o BNG e a negativa do PP.

A Cámara municipal tamén deu luz verde á terceira moción do grupo de Goberno local destinada a impulsar unha verdadeira política de benestar animal e de convivencia cidadá, ao respecto do proxecto de Lei de Benestar Animal de Galicia". O Pleno (cos votos favorables do grupo de Goberno, PSOE e BNG e a abstención do PP) aprobou instar á Xunta a consignar "os recursos orzamentarios necesarios para garantir a correcta aplicación da Lei de Benestar Animal de Galicia, así como o apoio técnico preciso aos concellos para implementar as súas disposicións". "A Xunta ten a obriga de apoiar as administracións que están a asumir a práctica totalidade da batalla contra o abandono e o maltrato, para a cal non se consignan suficientes recursos nos Orzamentos", advertiu a concelleira de Medio Ambiente, María García. Tal e como se recolle no texto, a defensa dos animais precisa de investimentos, "porque só cunha muda profunda da conciencia cidadá se poderán afrontar cambios de calado como a aposta polo sacrificio cero --unha máxima que o Goberno coruñés ten como obxectivo desde a súa chegada en 2015--, a publicación de campañas e medidas de sensibilización (nesta cidade se fixeron máis nestes últimos dous anos que en décadas anteriores) ou o soporte aos colectivos e entidades protectoras". Nese sentido, recorda que as últimas axudas a colectivos en defensa dos animais datan de 2010 (60.000 euros para toda Galicia), polo que chama tamén a esixir á Xunta a convocatoria de liñas de axuda para asociacións protectoras e en defensa dos animais "coa suficiente consignación económica" para apoiar o seu labor. Por último, a iniciativa propón instar á Xunta a convocar unha mesa de diálogo cos municipios "para afrontar aplicabilidade da Lei e desenvolver campañas preventivas contra o abandono e o maltrato cara aos animais".

En canto ás mocións presentadas polo BNG saíu aprobada por unanimidade a de elaborar unha ordenanza de uso da lingua galega, como se aprobou por parte da Deputación provincial para establecer o uso e os criterios lingüísticos. Tamén saíu adiante, por unanimidade, outra moción do grupo nacionalista de condena aos actos vandálicos que sufriu a exposición A Forza Necesaria sobre a historia do sindicalismo na Coruña.

Tamén saíu adiante outra moción do PSOE para que o Concello inste á Xunta a que permita que, como até o de agora, o alumnado do IES Agra do Orzán poida facer uso do polideportivo da Agra. A iniciativa recibiu os votos favorables de todas as formacións salvo o BNG, que se abstivo. Tamén foi aprobada debido aos votos favorables do PSOE e o PP, a abstención do Bloque e a negativa do grupo de Goberno, unha moción da formación socialista que reclamaba "un servizo eficiente dos servizos sociais municipais". A este respecto, a concelleira de Xustiza Social e Coidados, Silvia Cameán, indicou que neste momento, o Concello da Coruña leva xa tramitadas máis de 70 rendas sociais municipais, existindo máis de 300 solicitudes en trámite.

Os votos favorables de PP e PSOE e a negativa do grupo de Goberno e do BNG posibilitaron luz verde a unha moción popular que demanda "a tramitación dun modificativo para incorporar convenios nominativos a asociacións da cidade". O concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, destacou, non obstante, que "a aposta deste Goberno local pasa por procesos de concorrencia competitiva no que se fixen uns criterios obxectivos".

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Safari e Microsoft Internet Explorer 10 ou superior. Instalar agora un navegador compatible

?