Uso de cookies nas páxinas web do Concello de A Coruña

Nas páxinas web municipais utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos mediante o análise dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información, ou coñecer como cambiar a configuración, na nosa páxina de "Normas de uso"..

Concello da Coruña

Cando:

4 de decembro de 2017

O Pleno dá luz verde, de forma definitiva, á primeira ordenanza contra incendios da Coruña e introduce medidas que facilitan o acceso da cidadanía ao viveiro empresarial do Papagaio

A Cámara municipal tamén deu o visto e prace a un modificativo que busca adecuar os gastos previstos para a reforma do estadio de Riazor ao proxecto aprobado, que adianta o remate das obras a 2018

O Pleno municipal aprobou de forma definitiva este luns, en sesión ordinaria, a primeira ordenanza contra incendios do Concello da Coruña, que ten como obxectivo "manter o nivel de seguridade da cidadanía potenciando a prevención e a autoprotección". "Trátase non só de garantir unha resposta rápida, senón tamén de evitar que se produzan incendios e limitar os seus efectos cando sucedan", indicou a concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, que ten as competencias de Seguridade Cidadá. "O servizo de bombeiros da Coruña sempre destacou polo seu esforzo á hora de protexer a habitantes e visitantes da cidade. Apostamos pola prevención pero, para iso, debemos complementar e adaptar as necesidades da nosa cidade á normativa que existe a nivel estatal", explicou a edil, que salientou que o documento aprobado esta tarde "non só é a primeira ordenanza de protección contra incendios do Concello da Coruña, senón que tamén é a primeira en toda a comunidade autónoma". "Dende o máis estrito respecto á lexislación vixente, esta ordenanza configúrase evitando duplicidades, ampliando esixencias e adaptándose ás peculiaridades da Coruña", comentou Fraga, que apuntou que o texto se elaborou "recollendo as achegas formuladas dende distintos ámbitos e sectores relacionados coa seguridade". A iniciativa foi aprobada cos votos a favor do grupo de goberno e o BNG, así como a abstención de PSOE e PP.

A responsable de Seguridade Cidadá recordou que a nova ordenanza conta cunha serie de especificacións no que atinxe ao ámbito da edificación, xa que regula aspectos non contemplados na normativa actual, establecendo tratamentos especiais para inmobles de grande altura e de ocio, relativos, sobre todo, a medidas de accesibilidade. "Entre outras novidades, a ordenanza permitirá que o servizo de extinción de incendios poida informar con carácter preceptivo sobre aqueles edificios ou establecementos que pola súa actividade (por exemplo, que vendan produtos inflamables) poidan presentar algún tipo de risco específico, de cara a que se tomen as medidas de seguridade que se crean convenientes", explicou a concelleira. "Esta ordenanza tamén regula as especificidades de espectáculos públicos e actividades recreativas onde pode existir un risco maior de incendios, así como establece a creación dun catálogo de plans de autoprotección e emerxencia para unha serie de edificios de especiais singularidades, como o caso de garderías, colexios, centros de maiores e lugares onde se levan a cabo espectáculos públicos", dixo. A ordenanza tamén garante que os eventos ou actividades que se desenvolvan na cidade e que xeren unha aglomeración de persoas conten cun número mínimo de bombeiros co fin de dar unha resposta o máis áxil posible no caso de ser necesario.

Estadio de Riazor

Por outro lado, o Pleno municipal tamén deu luz verde (cos votos a favor do grupo de goberno e o BNG e a abstención de PSOE e PP) a unha modificación do anexo de investimentos dos orzamentos municipais para cambiar a distribución de anualidades do proxecto de rehabilitación da estrutura e as cubertas do estadio de Riazor, unha vez que, realizada a licitación do proxecto e obra deste contrato, a oferta gañadora prevé reducir os tempos de execución de maneira que a obra quede previsiblemente rematada en 2018. Con este modificativo, o grupo de goberno reserva para este proxecto un montante de 7,625 millóns de euros, fronte aos 8,238 millóns que se prevían como importe máximo de licitación.

Segundo o acordo plenario acadado o pasado 3 de xullo, a distribución de anualidades para este proxecto establecía un montante de 5,1 millóns de euros en 2018 e algo máis de 3 millóns para o exercicio 2019. Non obstante, e como resultado da adxudicación, finalmente realizarase un investimento de 43.788 euros este ano e 7.228.481 euros en 2018. Ademais, e segundo explicou o concelleiro de Deportes, José Manuel Sande, o modificativo aprobado hoxe tamén contempla incluír no gasto previsto para 2018 unha partida de 343.700 euros correspondentes á dirección de obra e de 120.000 euros para a coordinación de seguridade e saúde.

O concelleiro Sande salientou que o proxecto que se abordará no estadio municipal "resolve cuestións prioritarias, xa que afronta as necesidades estruturais de Riazor na cuberta e nas gradas, á vez que aporta calidade estética ao proxecto e reduce significativamente os tempos de obra, xa que se supón que a execución total da actuación estará rematada o vindeiro ano". "Esta proposta xa contempla, ademais, solucións estruturais que compatibilizan a obra das cubertas, que é responsabilidade do Concello, cunha intervención no resto do peche do estadio", engadiu.

Viveiro de empresas do Papagaio

Entre os asuntos que recibiron o visto e prace da Cámara municipal (neste caso por unanimidade) tamén figura a modificación da ordenanza número 46 para adaptala ás necesidades reais das persoas usuarias do centro Accede Papagaio, rebaixando as tarifas para proxectos en fase de preincubación e incubación neste espazo, de cara a facilitar e potenciar o desenvolvemento de proxectos emprendedores. Deste xeito, no primeiro dos casos -módulos de preincubación-, a modificación supón a gratuidade dos seis primeiros meses de estancia, e unha rebaixa nos segundos seis meses, que pasarán a ter un custe de entre 72,6 e 121 euros mensuais, en función do número de integrantes no proxecto. O cambio, segundo indicou o concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, "vai dirixido a adecuar as tarifas ás necesidades reais de empresas e emprendedores, tendo en conta que nesa primeira fase de preincubación, os proxectos non xeran ingresos xa que corresponden a actividades que aínda non se deron de alta e, por tanto, non se facturan".

"O que pretendemos é prestar máis apoio nesa primeira fase de creación e posta en marcha dun proxecto facilitando a estancia no centro do Papagaio, en consonancia co espírito deste espazo, dirixido a potenciar eses novos proxectos e propostas e dinamizar o ámbito do emprendemento, e favorecendo o asentamento de proxectos colaborativos", indicou o responsable municipal, que aludiu tamén a un segundo cambio de calado no criterio que rexe nas tarifas, no caso de ocupacións permanentes dentro do viveiro, que pasarán a definirse en función do proxecto, e non só do número de persoas e o módulo, "para facer máis accesible este centro a proxectos integrados por varios membros".

Execución orzamentaria

Por outro lado, a concelleira de Facenda e Administración, Eugenia Vieito, manifestou que a execución global dos orzamentos municipais é xa do 72,53%, máis de catro puntos por enriba do mellor dato acadado polo PP nesta altura do ano e sensiblemente superior, máis de oito puntos, á media do mandato anterior por estas datas, que foi do 63,7%.

A responsable municipal explicou que "loxicamente, e como consecuencia da tardía aprobación dos orzamentos, a execución do capítulo 6 non é todo o alta que desexariamos". Vieito recordou, ao respecto, que nin os gastos do capítulo 6 nin do 7 son prorrogables segundo a normativa vixente. "Non obstante, no que atinxe aos gastos no capítulo 6 temos gastos comprometidos por valor de 15,5 millóns de euros, o que significa que de aquí a final de ano aínda podemos aumentar significativamente as cifras", explicou.

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Safari e Microsoft Internet Explorer 10 ou superior. Instalar agora un navegador compatible

?