Uso de cookies nas páxinas web do Concello de A Coruña

Nas páxinas web municipais utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos mediante o análise dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información, ou coñecer como cambiar a configuración, na nosa páxina de "Normas de uso"..

Ayuntamiento de A Coruña/Concello da Coruña

Cando:

8 de maio de 2017

O Pleno dá o visto e prace definitivo ás modificacións do PXOM que posibilitan a posta en marcha da residencia universitaria no Calvo Sotelo, mellora dos equipamentos deportivos na cidade e a ampliación de solo industrial

Imaxe do alcalde, Xulio Ferreiro, e outros concelleiros do Goberno local, no Pleno

Imaxe do alcalde, Xulio Ferreiro, e outros concelleiros do Goberno local, no Pleno

O concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, destacou que o Goberno local dará cumprimento deste xeito a “vellas reivindicacións da cidadanía”, equilibrando as zonas deportivas, posibilitando novos equipamentos no entorno da Fábrica de Armas e homologando o campo de Eirís, á vez que favorecendo a creación de emprego

O Pleno municipal deu hoxe luz verde a senllas modificacións puntuais do PXOM de carácter definitivo, que posibilitarán tanto a posta en marcha da residencia universitaria prevista no colexio Calvo Sotelo como a mellora de equipamentos deportivos da cidade e a ampliación de solo industrial no polígono da Grela, o que reverterá na creación de emprego na cidade. O primeiro dos asuntos tratados foi a aprobación definitiva da modificación puntual do Plan Xeral de Ordenamento Municipal no que atinxe ao polígono industrial da Grela-Bens, a Fábrica de Armas e o campo de fútbol de Eirís. Este asunto foi aprobado co voto a favor de todas as formacións con representación na Cámara municipal. Desta forma dáse o visto e prace definitivo ao cambio de uso do actual terreo no que se asenta o campo de fútbol de Agrela II de dotacional deportivo a industrial. De xeito paralelo, os servizos que presta o actual campo de fútbol irán a parar ao que está situado no Parque de Eirís, que en base a esta modificación experimentará unha ampliación e mellora de cara a favorecer un uso máis intenso, así como homologalo. Ao tempo, o Goberno local tamén incluíu neste asunto a modificación definitiva do uso dun terreo Fábrica de Armas, proceso que tamén foi aprobado para que a parcela pase a ter consideración de parque deportivo público. O concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, destacou a importancia desta modificación definitiva, que servirá para "equilibrar e mellorar os equipamentos deportivos da cidade". "A cidade gañou nos últimos tempos espazos deportivos, por exemplo cos campos de Visma. Pero todo este proceso serve, ademais, para mellorar as dotacións e equilibrar estes espazos", engadiu, á vez que aludiu a outros procesos que agora comezan a tramitarse, como o levado á última xunta de Goberno local e que pasa por iniciar os trámites necesarios para abordar a modificación puntual do PXOM no que atinxe ao parque deportivo actualmente ocupado polo complexo da Solana. O obxecto desta modificación puntual do PXOM é mudar a titularidade privada do espazo libre comprendido nesta parcela a titularidade pública. No caso da reubicación dos servizos do campo de fútbol de Agrela II no campo de Eirís, esta "traerá consigo unha redistribución máis equilibrada das instalacións deportivas na nosa cidade, ademais do beneficio que supón afastar o campo de fútbol dunha zona industrial e recolocalo nunha zona ambiental moito máis acaída para a práctica deportiva", indicou o edil.  Por outro lado, coa dotación de máis solo industrial no polígono da Grela "apostamos pola consolidación do tecido industrial, á vez que dotamos de maior superficie de solo industrial a este polígono, acción que reverterá na xeración de emprego na cidade, algo tan necesario", indicou.

Por outro lado, o Pleno municipal tamén deu luz verde á aprobación definitiva da modificación puntual do PXOM referido ao colexio Calvo Sotelo, co fin de permitir o cambio de uso da parcela para que sexa compatible co proxecto de construción da futura residencia universitaria, cos votos favorables do grupo de Goberno e os concelleiros e concelleiras do PSOE e o BNG, e abstención do PP. A parcela, que tiña un uso dotacional local, pasa a ter de forma definitiva consideración de sistema xeral de equipamento docente da clase residencial comunitaria, o que permite a legalidade desa nova función como residencia pública de estudantes. "Este Goberno municipal foi capaz de desbloquear un tema que estivo enriba da mesa durante 25 anos. Até o de agora, neste municipio consolidouse un modelo que expulsaba os usos universitarios á periferia, deixando á cidade desprovista de toda a riqueza dunha institución como a universidade. Este é un paso importante para o cambio de modelo que queremos impulsar, de maneira que todo o estudantado teña unha alternativa de residencia pública e de calidade no centro, fronte aos modelos privados ou de aluguer. Desta forma, evitamos a progresiva deslocalización e os longos desprazamentos dende o lugar de estudo ao lugar de residencia", comentou.

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Safari e Microsoft Internet Explorer 10 ou superior. Instalar agora un navegador compatible

?