Uso de cookies nas páxinas web do Concello de A Coruña

Nas páxinas web municipais utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos mediante o análise dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información, ou coñecer como cambiar a configuración, na nosa páxina de "Normas de uso"..

Concello da Coruña

Cando:

28 de xullo de 2017

O Pleno municipal dá luz verde a un modificativo que posibilita a inclusión no Orzamento de 3,6 millóns de euros resultantes dos dividendos de Emalcsa

Pleno extraordinario do Concello da Coruña

Entre outros asuntos, a Cámara tamén aprobou, de forma definitiva, a modificación puntual do PXOM na praza José Toubes, o que “senta as bases para a creación dunha infraestrutura social, realmente aberta á veciñanza”

O Pleno municipal aprobou este venres, en sesión extraordinaria,  o expediente de modificación do estado de ingresos do Orzamento municipal para 2017, que se ve incrementado en 3.596.942 euros, cantidade que se inclúe nesta partida en base ao acordo acadado o pasado xuño na xunta xeral de Emalcsa para a distribución do seu dividendo. A Cámara municipal, cos votos a favor do grupo de Goberno e o PSOE, a abstención do BNG e o voto en contra do PP, deu luz verde, como consecuencia, a unha modificación do estado de gastos do presuposto para este ano, de forma que eses case 3,6 millóns de euros repartiranse en tres créditos extraordinarios por valor de 84.256 euros e 27 suplementos de crédito por valor de 3.512.677 euros.

A modificación dos créditos orzamentarios que se deriva deste incremento no volume de ingresos afecta, entre outros, aos capítulos 6 e 4 do Orzamento, variando o anexo de investimentos e o de subvencións nominativas. Dentro dos 27 suplementos de crédito que se aplicarán en base a este incremento de ingresos salienta a partida destinada por valor de 1.000.000 euros que terá como destino o Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE) e a Concellería de Culturas de cara a asegurar ter cuberto por completo o gasto que se prevé acometer até final de ano no que atinxe tanto a festexos como ao conxunto das actividades culturais e de promoción da actividade cultural e artística local. Ao fío, tamén destacan os 115.000 euros incluídos nos suplementos que servirán para abordar o financiamento de actividades culturais destinadas ao público infantil durante a etapa non lectiva e para realizar accións tanto nas casas museo da cidade, como no Castelo de San Antón. O servizo de bibliotecas da cidade tamén verá incrementado a súa dotación en máis de 26.400 euros por medio deste modificativo para levar a cabo distintas actuacións. A este respecto, o titular de Culturas, José Manuel Sande, quixo destacar que "a cultura non pode ser entendida nin tratada nunca como propaganda". "Este modificativo reflexa que a cultura é parte da paisaxe coruñesa. Non estamos a falar dun millón de euros para festas, o que faremos é reforzar a programación cultural nas festas. Reforzamos a Feira do Libro, un verdadeiro proxecto de cidade, as actividades culturais para o público infantil, o Noroeste ou Viñetas desde o Atlántico, algo que, ademais, redunda de forma importante no turismo e comercio da cidade", destacou o concelleiro quen tamén salientou que, malia todo, "as festas do grupo de Goberno seguen a ser moito máis baratas que na etapa anterior".

Por outro lado e en canto aos destinos do modificativo, 245.000 euros incrementarán a aplicación destinada a "transferencias correntes a familias e institucións sen ánimo de lucro", e o montante reservado para o Plan de Dinamización do Comercio Local tamén contará cunha adición de 250.000 euros, mentres que outros tantos servirán para acometer a reforma do centro asociativo García Sabell. A partida destinada as obras de reposición en centros educativos públicos, pola súa banda e coa aprobación deste modificativo, medrará en máis de 345.000 euros, cos que se poderá facer fronte a demandas históricas das institucións públicas con colexios da cidade, como é o caso do peche do patio do CEIP Anxo da Garda así como actuacións de reparación no CEIP Labaca.

A este respecto, a concelleira de Facenda, Eugenia Vieito, indicou que "este modificativo é resultados dos acordos aos que chegou o Goberno local co grupo municipal de socialistas e nacionalistas". "Non sería necesario debater este modificativo sobre os dividendos de Emalcsa se non se tivese alterado a previsión de ingresos de orzamento. Reduciron as previsións de ingresos, diminuíndo a contía dos orzamentos. Reducir o límite do presuposto desta cidade é algo que prexudica a toda a cidadanía", comentou a responsable municipal. Este modificativo presentado polo Goberno local saíu adiante, ademais, logo de que o Pleno rexeitase as emendas ao mesmo presentadas polo grupo municipal popular.

Por outro lado, o Pleno municipal tamén aprobou, co voto a favor do grupo que sustenta o Goberno local, a abstención do PSOE e BNG e voto contrario do PP, o expediente de concesión de crédito extraordinario para facer fronte a recoñecementos extraxudiciais de obrigas por valor de 1,87 millóns de euros, cuxo financiamento se producirá con cargo ao remanente líquido de tesourería do pasado ano. A este respecto, a concelleira de Facenda recordou que estes recoñecementos extraxudiciais teñen un importe moito máis baixo aos propostos polo anterior Executivo municipal. "Por exemplo, debatéronse cinco recoñecementos extraxudiciais en 2011", recordou a edil, que manifestou que o actual Goberno local "vai no camiño de reducir os recursos a eses procedementos que entendemos que deben ser excepcionais". Vieito quixo salientar, ao fío, a boa xestión económica do Goberno local que posibilitará a saída do Plan de Axuste ao que o Concello está ligado dende 2012, cando o anterior Executivo solicitou a inclusión no plan estatal de Pago a Provedores, polo que solicitou un crédito de máis de sete millóns de euros.

Tamén foron aprobados por unanimidade cambios puntuais no anexo de subvencións e no de investimentos. En concreto, unha modificación na finalidade da aplicación dun importe de 7.000 euros para a Asociación Coruñesa de Esclerose Múltiple (que non leva aparellada modificación de ingresos) así como a modificación puntual do proxecto de investimento 41.134.60916 que atinxe a actuacións en materia de Mobilidade e que, en concreto, ten que ver co financiamento de "vías ciclables en Praza da Palloza-Matogrande, Panadeiras-Avenida de Hércules, Praza de Pontevedra-Cidade Xardín, Rúa Alta-Obelisco, Avenida dos Mallos-Praza de Ourense, Rotonda de Pocomaco-Universidade". A Concellería de Mobilidade propuxo realizar esta modificación debido a que se redactou o proxecto de mellora e modernización de beirarrúa e carril bici entre a Palloza e o barrio de Matogrande, que ten un orzamento total de 499.644,74 euros, distribuíndose ese gasto en dúas anualidades: a deste ano, xa contemplada, de 326.000 euros, e a de 2018, de 173.644 euros.

Rexeneración Urbana

Do mesmo xeito, a sesión extraordinaria deste venres serviu para aprobar de forma definitiva o estudo de detalle para a ordenación de volumes na parcela onde se ubicará o futuro CEIP de Novo Mesoiro. O documento, que foi validado por unanimidade, ten como obxecto proxectar unha ordenación de volumes sobre a parcela situada na rúa Fragas do Eume, na que se asentará o citado centro educativo. A parcela está cualificada polo plan parcial como 'dotacional cultural e docente de titularidade pública', e está suxeita ás condicións de edificación reguladas polo PXOM, no seu apartado sobre determinacións da denominada Norma Zona 8, tras o estudo do documento. "A construción do CEIP é unha antiga reivindicación da veciñanza, que o grupo de Goberno apoiou sempre, incluso xa antes de estar en María Pita. Estaremos sempre a favor dunha educación pública de calidade e recordamos que a Xunta de Galicia ten este terreo municipal a disposición dende 2016", manifestou o concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, quen tamén solicitou á administración galega que atenda ás reclamacións da veciñanza sobre a necesidade dun comedor propio no futuro centro.

Tamén, o plenario deu a aprobación definitiva á modificación puntual do PXOM na praza de José Toubes, en Catro Camiños, para a previsión dunha parcela de equipamento público, co obxecto de cambiar a cualificación urbanística dunha parte do sistema local de espazo libre que existe na praza co obxectivo de adecuar o planeamento como sistema local de equipamento público para poder dar uso cidadán ao edificio da antiga cafetería 'O Remanso'. O asunto, que requiría aprobación por maioría absoluta, foi aprobado cos votos a favor do grupo de Goberno, PSOE e BNG e a abstención do PP.

Trátase, como sinalou o concelleiro de Rexeneración Urbana, do paso previo requirido para poder acometer a reforma do inmoble, construído sobre o parque, para rehabilitalo e que este poida converterse nun equipamento público municipal co que prestar servizo ao barrio de Catro Camiños. "Estamos a facer as cousas cumprindo os procedementos urbanísticos legais, queremos sentar as bases para crear unha infraestrutura social aberta á veciñanza e que conforme un espazo de referencia no distrito. Iso, ademais cun orzamento axustado, xa que axustamos un orzamento que nos parecía elevado e que nos impedía facer obras nos barrios que nos parecían imprescindibles", comentou o concelleiro Varela quen, ao fío, recordou que "este ano, e a pesar das dificultades coas que nos atopamos á hora de aprobar os orzamentos, lévanse executados ou licitados en investimento 9,5 millóns de euros para obras, deixando claro o noso compromiso cos barrios, fronte ao desleixo que sufriron no pasado".

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Safari e Microsoft Internet Explorer 10 ou superior. Instalar agora un navegador compatible

?