Uso de cookies nas páxinas web do Concello de A Coruña

Nas páxinas web municipais utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos mediante o análise dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información, ou coñecer como cambiar a configuración, na nosa páxina de "Normas de uso"..

Concello da Coruña

Cando:

16 de novembro de 2017

“Resulta moi difícil xustificar con argumentos racionais que estes dous grupos decidan deixar sen facer obras de eficiencia enerxética e de aposta polo espazo público nos barrios da nosa cidade”, lamentou o alcalde ao remate da sesión plenaria

Os votos en contra de PP e PSOE tomban a proposta do goberno local de investir case sete millóns de euros "en mellorar a calidade de vida dos barrios e da veciñanza da cidade"

O grupo de goberno presentou hoxe unha emenda ao proxecto inicial, que prevía destinar 9 millóns de euros en investimentos en espazo público, “co único obxectivo de chegar a un acordo coa maioría do Pleno que posibilitase sacar adiante o groso destas accións”

Os votos en contra do grupo socialista e o PP impediron que o Pleno municipal aprobase hoxe un modificativo de crédito, validado esta mesma semana na Comisión de Facenda, que posibilitaría abordar, en consonancia coa normativa vixente, un novo paquete de investimentos por valor de 6,9 millóns de euros na cidade que se adicaría a levar a cabo, ao longo do próximo ano, proxectos de carácter sostible en distintos puntos da cidade. Este plan de investimentos estaría centrado, fundamentalmente, na mellora do espazo público, e contemplaba actuacións de mellora da eficiencia enérxética e alumeado, mellora do espazo público a través da reurbanización de firmes en distintos barrios ou adquisición de software destinado ao mellorar a xestión do Servizo  municipal de Atención a Domicilio. A posibilidade de poñer en marcha estes investimentos está contemplada pola pola Lei de Orzamentos do Estado, en desenvolvemento da normativa de estabilidade presupostaria, para entidades locais que, como no caso da Coruña, estean economicamente saneadas, teñan superávit, remanente positivo e non superen un determinado límite de débeda. A concelleira de Facenda e Administración, Eugenia Vieito, recordou que a intención do goberno local era destinar a este paquete de investimentos 9 millóns de euros procedentes do remanente líquido de tesourería dos orzamentos de 2016, así como medio millón destinado á amortización de débeda. Non obstante, e co obxectivo, como sinalou Vieito, de sacar adiante un acordo plenario que posibilitase que o groso destes investimentos no espazo público se puideran levar a cabo, " e de  que os veciños e veciñas da cidade non saísen prexudicados", o grupo de goberno presentou ao inicio da sesión plenaria unha emenda ao modificativo de forma que, finalmente, o investimentos sostibles na cidade se reduciran ate case 7 millóns de euros, destinando 2,5 á amortización de débeda. Se ben a emenda do grupo de goberno saíu  aprobada, o expediente de modificación foi rexeitado cos votos en contra de PP e PSOE, e o apoio do BNG.

Rematado o pleno, o alcalde, Xulio Ferreiro, manifestou non entender "as razóns de ambos grupos para unirse e tratar de facer dano ao grupo de goberno a través da cidade". "O que acaba de pasar é que PP e PSOE acaban de aliarse, unha vez, para frear un paquete de investimentos para a cidade de, finalmente, 7 millóns de euros. Penso que resulta moi difícil de xustificar con argumentos racionais a decisión de deixar sen renovar firmes nos Rosales, deixar sen facer obras de eficiencia enerxética nos barrios da nosa cidade, sen renovar o firme da Rolda de Outeiro, a rúa Casares Quiroga e a súa urbanización", lamentou.

"Hoxe a cidade sofre un révés importante. Teremos que ver que factura pasa esta decisión ás relacións que estabamos tendo co PSOE, que entendo que eran razonablemente boas nos últimos meses. Sempre dixen que a confianza é algo que se constrúe progresivamente, e que hai que ser coidadosos para non rompela", dixo o primeiro edil. "Cando levamos este asunto á Xunta de Goberno local, tiñamos a convicción de que as bases para o acordo estaban sentadas, que podía existir algunha cuestión de matiz, pero nada importante. Isto cambiou cando, de repente, esta semana se pon enriba da mesa por parte dos socialistas coruñeses a necesidade de amortizar moita máis débeda, algo que, como se evidenciou no Pleno, nunca se dixera, tampouco na comisión de Facenda onde se debateu este investimento", rememorou.

Investimentos

O novo plan permitiría dedicar parte do remanente orzamentario do ano pasado a proxectos que, entre outras materias, inclúen proxectos de mellora da eficiencia enerxética e o alumeado en zonas como o Parque Europa, o barrio do Castrillón, Monte Alto, a Rolda de Outeiro, un tramo da Rolda de Nelle, o polígono de Agrela, a zona dos Rosais e Labañou e Matogrande, ao que está previsto dedicar por 3,6 millóns euros. O proxecto destinaba outros 2,1 millóns de euros á mellora de infraestruturas, en concreto á reurbanización da Rúa Casares Quiroga (526.353,07 euros), a renovación e rehabilitación de firmes na Rolda de Outeiro -no tramo entre a Avenida de Arteixo e a do Ferrocarril- (240.892,49 euros) e a renovación do firme da práctica totalidade de rúas do polígono dos Rosais (1.151.965,34 euros). Para a área de Medio Ambiente, o goberno local contemplaba partidas de 266.771,56 euros para a substitución de dúas das bombas da estación de bombeo de San Roque, e de 395.945 euros para a creación dunha rede de bocas de rego , ademais de accións noutros ámbitos, como os investimentos para a adquisición de software para o Servizo de Atención a Domicilio, e actuacións de mobilidade, da área de mercados,  reparacións menores na Torre de Hércules ou a reposición da carpintería do pazo municipal de María Pita.

Concello saneado

A respecto da argumentación de PSOE e de PP para rexeitar a proposta de investimento nos barrios da cidade, a concelleira de Facenda salientou a boa situación económica na que se atopa o Concello da Coruña neste momento. Así, non só recordou que o executivo municipal amortizou débeda este ano pola vía ordinaria e pola extraordinaria, coa que reduciu cinco millóns de euros ao saír do Plan do Axuste, senón que aludiu aos datos de execución global da administración local a estas alturas do ano, un 65,44%, "dous puntos por enriba do que tiña o PP en 2014, cando contaba con maioría absoluta no Pleno". "Nin a débeda deste concello é excesiva, nin neste momento é recomendable dende o punto de vista económico, amortizar máis débeda de forma anticipada, xa que os tipos de interese están negativo", comentou a responsable municipal, que recordou "numerosas declaracións de membros do Partido Socialista que criticaron as políticas do PP baseadas en amortizar débeda con tipos de interese ao 0%". "Este concello ten a débeda viva máis baixa dos últimos 10 anos e, grazas a este goberno, a cidadanía desta cidade dedica hoxe 2,5 millóns de euros menos ao pago de intereses bancarios dos que se dedicaron no ano 2015, cando nós chegamos ao goberno", explicou.

Vieito comentou tamén que o Concello pechará o ano cunha débeda viva inferior aos 68 millóns de euros, cunha redución dun 20% con respecto á cifra que o actual goberno local se atopou ao chegar a María Pita, en xuño de 2015, que era de 86 millóns de euros. Como tamén indicou, a ratio de débeda sobre recursos correntes do Concello é dun 28,41%, mentres que a media das entidades locais do Estado, en decembro do ano pasado, era de 46,31%, 18 puntos por enriba. "Non podemos entender que, no momento actual, estean defendendo amortizar débeda, como xa  fixemos este ano, a investir en melloras para a nosa cidadanía. Falan de xustiza, pero xustiza é que os aforros da administración local vaian aos barrios, de xustiza é que estes cartos sexan devoltos á cidadanía en forma de servizos. Non obstante, vostedes prefiren pagar aos bancos, a pesar de que dende que chegamos ao goberno local da Coruña levamos reducido a débeda en 18 millóns de euros", insistiu, á vez que lamentou o cambio de posicionamento do grupo socialista. "Negociamos con vostedes, nos reunimos varias veces, e mostra disto é que o seu voceiro só puxo reparos ao investimento en licenzas informáticas durante a comisión de Facenda. Estaban dispostos a apoiar e así o dixeron. Non obstante, para que, de novo, en vez de ter a un Partido Socialista que quere construír cidade, só temos a un que pon trabas e pegas", dixo.

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Safari e Microsoft Internet Explorer 10 ou superior. Instalar agora un navegador compatible

?