Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

18 de marzo de 2015

O sistema de xestión de enerxía implantado en 45 edificios municipais permitiu un aforro enerxético do 9,75% nos dous últimos anos

A medida supuxo reducir a factura enerxética en 118.198 euros

O Concello da Coruña, a través da Área de Medio Ambiente que dirixe Enrique Salvador, informa de que a implantación dun novo sistema de xestión de enerxía en 45 edificios municipais no ano 2012 permitiu un aforro enerxético do 9,75% -o que supón 118.198,32 euros- nos dous últimos anos. Trátase dunha medida que forma parte da Estratexia Contra o Cambio Climático do Concello e que aposta por incluír a sostenibilidade na política de xestión do municipio como un elemento transversal que guíe todas as actuacións do Goberno local.

Nesta liña de desenvolvemento da política de xestión municipal sostible, o Concello da Coruña está adoptando as medidas necesarias para que nos edificios municipais se estableza, implemente, manteña e mellore un sistema de xestión da enerxía, de acordo cos requisitos da norma UNE-ISO 50001, garantindo deste xeito o uso máis eficiente da enerxía e a redución das emisións de gases de efecto invernadoiro e doutro impactos ambientais relacionados.

Para a xestión centralizada da enerxía nos edificios municipais implantouse un sistema de telemedida para o control e seguimento da enerxía eléctrica, así como da enerxía calorífica e outros parámetros relacionados, como son a temperatura ambiente interior e exterior dos edificios municipais. Os datos transmítense en tempo real á sala de control onde son tratados informaticamente de acordo coas necesidades definidas previamente.

Para asegurar a xestión centralizada da enerxía desenvolveuse e implantouse un sistema de xestión baseado na norma UNE-ISO 50001:2011, co propósito de permitir alcanzar unha mellora continua no desempeño enerxético, incluíndo a eficiencia enerxética, o uso e o consumo da enerxía.

O Concello da Coruña recibiu en febreiro do 2014 a certificación UNE EN ISO 50001:2011 polo sistema de xestión da enerxía implantado ao longo dos anos 2012 e 2013 en 45 edificios municipais, conseguindo así un referendo ao bo labor desenvolvido por preto de 70 traballadores municipais implicados na correcta utilización dos recursos enerxéticos, cun alcance nunca visto dentro da administración local a escala nacional. Grazas a esta norma estandarizáronse todos os procedementos de xestión da enerxía, implicando de maneira transversal o persoal do conxunto das áreas municipais, nun complexo proceso que supón a primeira iniciativa desta natureza levada a cabo por un concello en toda España.

Entre todas as medidas destaca a creación da figura do xestor enerxético de edificio, de maneira que en cada dependencia designouse unha persoa que se encarga de levar a cabo o seguimento dos consumos e informar de calquera aspecto que puidese resultar significativo dende o punto de vista do aforro e a eficiencia enerxética. Esta acción foi posible grazas ao enorme compromiso e á especial conciencia ambiental dos traballadores implicados.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión