Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

2 de maio de 2019

A Xunta de goberno dará luz verde ao primeiro regulamento co que conta a Policía Local da Coruña dende a década dos oitenta

O documento, que foi negociado coas centrais sindicais e a xefatura do corpo, adáptase á actual Lei de Coordinación das Policías Locais de Galicia, e especifica os dereitos e deberes do funcionariado, a súa mobilidade e o seu organigrama

A Xunta de goberno local deste venres, 3 de maio, dará luz verde ao primeiro regulamento orgánico co que contará a Policía Local dende a década dos oitenta. Segundo destaca a concelleira de Seguridade Cidadá, Rocío Fraga, "o corpo municipal tiña dende hai tempo a demanda de actualizar o actual regulamento, que data do ano 83 e que se encontraba obsoleto xa que, entre outras cuestións, non estaba adaptado á Lei de Coordinación de Policías Locais de Galicia, de 2007". O documento, que deberá ser posteriormente ratificado polo Pleno Municipal, regula numerosas cuestións que até o de agora non estaban referidas de forma oficial, tanto no que atinxe aos dereitos e deberes do persoal funcionario do corpo como á protección do mesmo fronte a riscos laborais, xestión de horas extras ou conciliación. A mobilidade, a valoración de méritos e a asignación de destinos son outras das cuestións que quedan xa definidas neste novo regulamento que foi negociado con todas as partes implicadas, tanto coa xefatura do corpo municipal como coas centrais sindicais con representación. A responsable municipal amosou a súa satisfacción "pola tramitación dun regulamento que vai servir para mellorar a calidade dun servizo esencial para a cidadanía e que nos últimos tempos, adaptouse tamén á realidade diversa da Coruña". "É moi importante contar cun texto que regule de xeito efectivo cuestións que, até o de agora, en moitas ocasións, se rexían por acordos puntuais", explicou a edil.

No que atinxe á organización interna, ademais do organigrama vixente, o regulamento establece a existencia dunha xunta de mandos que terá natureza consultiva e de coordinación sobre cuestións propias do corpo e que estará formada por persoal de todas as escalas cunha representación paritaria (en canto á estrutura policial o permita). Entre as novidades do documento figura tamén a constitución dunha comisión interna de seguridade operativa, que terá como obxecto a elaboración de propostas de protocolos de actuación e accións formativas, así como unha comisión interna de compras, que busca poder participar na adquisición e compra de material, armamento, vestiario e equipamento do corpo. "Criamos que é moi importante artellar órganos nos que poder contar coa experiencia e a opinión dos e das profesionais da Policía Local", salienta Fraga. O regulamento tamén deixa claros os dereitos do funcionariado en canto á conciliación, así como a adecuada protección das funcionarias deste corpo durante os períodos de xestación, maternidade e lactancia, adscribíndolles, se fose necesario, o destino que lle resulte máis aconsellable.

No que atinxe ao marco da mobilidade, o regulamento estipula que "as persoas integrantes do corpo ás que lles conceda algunha medida de conciliación cuxos horarios ou quendas xeren desequilibrios nos seus grupos de traballo pasarán a integrarse, con carácter xeral, na denominada Unidade de Convivencia e Seguridade. Unha vez cese esta situación, a funcionaria ou funcionario terá dereito á reincorporación ao seu anterior destino nun prazo de 4 anos e sempre que exista destino vacante. Por outro lado, para proceder á solicitude e asignación de destinos vacantes realizarse, con carácter ordinario, unha convocatoria anual. "Outra das demandas que tamén queda regulada dentro deste documento é a denominada segunda actividade, a situación administrativa especial para garantir as adecuadas aptitudes psicofísicas das e dos integrantes nos corpos de Policía en tanto que permanezan en activo", dixo a concelleira.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión