Concello da Coruña

Concello da Coruña

Campaña de vixilancia do transporte escolar

DO 22 Ao 26 DE MAIO DE 2023

A quen vai dirixido:

Para público en xeral

Cando:

Dende o 22/05/2023 ata o 26/05/2023

Xa rematou

CAMPAÑA DE TRANSPORTE ESCOLAR

Durante o curso, case medio millón de alumnos/as utilizan a diario un autobús escolar. Segundo o Observatorio do Transporte de Pasaxeiros por Estrada, estes autobuses desprazan máis de 280 millóns de pasaxeiros/as ao ano. Aínda así, as taxas de accidentalidade son mínimas.

A seguridade é a máxima prioridade e as cifras de sinistralidade anuais reflicten que este é un sector seguro.

O 90 % dos accidentes que se producen durante o transporte escolar teñen lugar no momento de subir ou baixar do vehículo, ou xusto nos instantes inmediatos, e en moitos casos trátase de atropelos causados por unha distracción do/a menor, da persoa condutora do transporte escolar ou dos pais.

O transporte escolar está sometido a unha serie de normas de cuxo cumprimento depende en moitos casos a seguridade dos seus fillos e fillas. Esixilas, a través dos centros educativos ou as asociacións de pais que se encargan de contratar as rutas, é o seu dereito.

Preto de 17.000 autobuses (arredor dun 40 % de toda a frota privada) realizan servizos de transporte escolar.

Desde outubro de 2007 denégaselle a matriculación a calquera autobús que non leve instalados os sistemas de retención.

Durante o desenvolvemento da campaña, as e os axentes da Policía Local da Coruña intensificarán o control de aspectos relacionados coas condicións de seguridade coas que viaxan as/os escolares aos centros educativos nos autobuses, co fin de que estas sexan o máis axeitadas posibles e, en todo caso, respectando a lexislación vixente que afecta a esta materia.

Comprobarán que as autorizacións e documentos dos vehículos destinados a transporte escolar sexan os correctos para prestar o servizo. Ademais, os axentes verificarán que as condicións técnicas e elementos de seguridade do vehículo son os que esixe a normativa, así como os requisitos especiais que debe cumprir a propia persoa condutora, como son o permiso de condución ou os tempos de condución e descanso.

VELOCIDADE

A velocidade inadecuada e as distraccións son as principais causas dos accidentes nos que están implicados este tipo de vehículos.

Está comprobado que a 50 km/h, que é a velocidade máxima permitida en vías urbanas, as posibilidades de que un/unha neno/a sobreviva sen ningunha medida de seguridade é practicamente nula, nin sequera a pouca velocidade está garantida a súa supervivencia.

A partir de 2013, todos os camións e autobuses novos da UE deben contar cun sistema de freado de emerxencia que se activa automaticamente cando detecta a posibilidade dunha colisión.

DISPOSITIVOS DE SEGURIDADE

A Unión Europea emitiu unha Directiva Comunitaria, que España traspuxo ao seu ordenamento xurídico, que establece que desde outubro de 2007 se denegue a matriculación a calquera autobús que non leve instalados os sistemas de retención.

O interese da DXT por que os/as menores vaian correctamente sentados e abrochados co cinto de seguridade ou o dispositivo de retención infantil adecuado ao seu peso, talle e idade é tal que un dos indicadores de seguimento das liñas básicas da Estratexia de Seguridade viaria, aprobada en febreiro de 2011 polo Consello de Ministros, é que non haxa ningunha persoa menor falecida sen sistema de retención infantil.

O cinto de seguridade é útil en calquera traxecto curto ou longo, urbano e interurbano.

No autobús escolar o cinto de seguridade é vida.

Un/unha menor sen ningún tipo de retención multiplica por cinco as posibilidades de sufrir lesións mortais. Nove de cada dez lesións infantís graves ou mortais, poderíanse evitar se se tivese empregado este tipo de dispositivo.

ASPECTOS QUE HAI QUE CONTROLAR NAS INSPECCIÓNS QUE SE REALIZAN AO TRANSPORTE ESCOLAR

  • Control administrativo sobre as autorizacións e documentos que deben ter os ditos vehículos.
  • Verificación das condicións técnicas e elementos de seguridade do vehículo de acordo co que esixe a normativa.
  • Control dos requisitos especiais que debe cumprir a persoa condutora, como permiso de condución ou cumprimento dos tempos de condución e descanso.

CLAVES PARA IR SEGURO ANDANDO, EN COCHE OU EN AUTOBÚS ESCOLAR

Se se vai andando ao colexio:

  • Deben mirar a ambos os dous lados antes de cruzar, sempre por semáforos ou pasos para peóns.
  • Camiñarán polo interior da beirarrúa, lonxe do bordo.
  • Non cruzarán as rúas ou prazas en diagonal ou zig-zag.
  • Terán coidado cos coches que entran e saen dos garaxes.
  • Na estrada deben ir pola esquerda e de noite levar pezas reflectoras.

Nos arredores do autobús:

  • Non pararse nunca detrás do autobús porque non o/a ven.
  • Esperar o sinal da persoa condutora e cruzar sempre polo menos tres metros por diante.
  • Dentro do autobús, manterse sentado e co cinto posto.
  • Non correr ao chegar, nin ao saír.
  • Obedecer a persoa condutora e monitora.

CONSELLOS

Ás empresas do sector:

  • Débenlles lembrar ás persoas pasaxeiras a importancia de utilizar o cinto cando estea dispoñible.
  • Desenvolver un protocolo de seguridade, que informe as persoas pasaxeiras de como comportarse en caso de accidente.
  • Proxección antes ou durante o traxecto de consellos de seguridade en formato audiovisual.

Ás persoas usuarias:

  • Sempre que sexa posible deben escoller autocares que incorporen cintos de seguridade.
  • Evitar poñerse de pé durante un desprazamento.

A pais e nais:

  • As asociacións de pais e nais deben comprobar a seguridade dos autocares de transporte escolar.
  • Solicitarlle ao centro a contratación de autocares con cintos.
  • Comprobar que unha persoa monitora acompaña os/as nenos/as durante o traxecto.

CAMIÑOS ESCOLARES SEGUROS

O seu obxectivo é conseguir unha mobilidade sostible, proporcionándolles aos nenos e nenas itinerarios seguros que favorezan e estimulen o desprazamento a pé, en bicicleta ou en transporte público, na ida e volta ao colexio.

Características que deben reunir os camiños escolares:

  • Beirarrúas amplas, con semáforos que duren o suficiente para que lles dea tempo de pasar.
  • Semáforo sen luz ámbar.
  • Parada onde os pais e as nais deixen os/as nenos/as e de aí cunha persoa adulta, vaian andando ao colexio.
  • Os comerciantes axudan aos que van sós ao colexio.
  • Prohibición de aparcar á entrada e saída do colexio, evitando aglomeracións.
  • A sinalización indicará que a velocidade máxima será de 30 km/h.
  • Aparcadoiro para bicicletas.
  • Policía para regular a entrada ao colexio.

Segundo os estudos realizados, un 70 % dos escolares de primaria non vai nunca sós ao colexio.

Por este motivo e coa intención de fomentar a mobilidade sostible desde idades temperás, a DXT, en colaboración coa Federación de Municipios e Provincias, promoverá e incentivará os camiños escolares seguros. Trátase de seleccionar itinerarios básicos de ida e volta do colexio, a través da revisión dos elementos que conforman a mobilidade urbana a pé, en bicicleta ou en transporte público, deixando o vehículo privado para un uso subsidiario neste tipo de desprazamentos.

Cadro resumo sobre a normativa en materia de transporte escolar

O autobús

Antigüidade

Non máis de 16 anos (dez se non se dedicaba antes a esta actividade).

Ventás

Abriranse como máximo o terzo superior.

Asentos

Os de primeira fila, con biombo de protección. Haberá prazas para persoas minusválidas.

Chan

Será antiesvaradío e haberá asas xunto ás portas e chanzos con cores vivas.

Tacógrafo

É obrigatorio e tamén o limitador de velocidade.

Cintos

Todos os fabricados a partir de 2006 deben levalos.

Placa de Transporte Escolar

Diante e detrás

Portas

Abriranse por dentro e fóra facilmente. O seu mecanismo de acceso estará protexido.

Ademais

Levarán dous extintores, martelos e botica de primeiros auxilios.

O traxecto

Tempo

Non máis dunha hora por traxecto

Percorrido e paradas

Previamente fixado e autorizado.

Seguro adicional

Póliza de responsabilidade civil ilimitada

Velocidade

A 10 km/h menos que a establecida en cada vía para os autobuses.

Persoas pasaxeiras

Acompañante

Obrigatorio se máis da metade teñen menos de 12 anos. Debe velar pola súa seguridade no traxecto, subida e baixada do autobús.

Prazas

Unha por neno e todos sentados

Cintos

Se o bus os leva, é obrigatorio empregalos. En asentos enfrontados ao corredor, os/as menores de 16 anos sempre con cinto.

RESULTADOS DO CONCELLO DA CORUÑA - CAMPAÑA DO 16/01/17 AO 20/01/17

  • 18 autobuses e condutores/as controlados/as.
  • Unha denuncia por deficiencias técnicas.
  • Unha denuncia por irregularidades administrativas.

RESULTADOS DO CONCELLO DA CORUÑA - CAMPAÑA DO 27/11/17 AO 01/12/17

  • 28 vehículos controlados
  • 5 vehículos con deficiencias/infraccións
  • 2 denuncias por non acreditar estar en posesión do seguro de responsabilidade civil ilimitada
  • 2 denuncias por non presentar a autorización de transportes
  • 1 denuncia por ter caducada a autorización municipal de transporte escolar
  • 1 denuncia por non presentar a autorización municipal de transporte escolar
  • 1 denuncia por ter a revisión dos extintores caducada
  • 1 denuncia por non ter extintor
  • 1 denuncia porque non funciona o dispositivo acústico de marcha atrás
  • 1 denuncia por non ter os martelos rompecristais en disposición de uso

RESULTADOS DO CONCELLO DA CORUÑA - CAMPAÑA DO 19/02/18 AO 23/02/18

  • 57 autobuses controlados
  • Unha condutora denunciada por positivo en drogas
  • Un informe no que se denuncia un autobús por non presentar autorización municipal.

RESULTADOS DO CONCELLO DA CORUÑA - CAMPAÑA DO 04/02/19 AO 08/02/19

  • 20 autobuses controlados

Informes realizados por infraccións detectadas: 13

  • A 2 autobuses non lles funcionaba correctamente o dispositivo acústico de marcha atrás sincronizado coa luz de marcha atrás.
  • En 3 autobuses as súas persoas condutoras non acreditaron ter contratada unha póliza de seguro de responsabilidade civil ilimitada.
  • En 3 autobuses detectáronse deficiencias relacionadas coa autorización de transportes.
  • En 4 autobuses as súas persoas condutoras non presentaron a autorización municipal de transporte escolar.
  • En 4 autobuses detectáronse deficiencias relacionadas co dispositivo fluorescente interior de sinalización de saídas de emerxencia.
  • Nun autobús comprobouse que a apertura da porta de emerxencia desde o exterior non funcionaba (unicamente coa chave que tiña a persoa condutora).
  • Nun autobús detectouse que carecía de bordos de chanzos en cor viva.

RESULTADOS DO CONCELLO DA CORUÑA - CAMPAÑA DO 03/02/2020 AO 07/02/2020

24 autobuses controlados, dos cales:

  • De 11 deles faise informe por falta de acompañante en servizo discrecional.
  • De 3 deles infórmase por non ter os bordos dos chanzos en cores vivas e realízanse 2 denuncias.
  • De 2 deles infórmase do non funcionamento do dispositivo acústico de marcha atrás e realízanse 2 denuncias.
  • De 2 deles infórmase sobre a non presentación de autorización municipal.
  • De 1 deles infórmase sobre a carencia dun extintor e realízase a correspondente denuncia.
  • De 1 deles infórmase sobre a non presentación de xustificante de pagamento da prima do seguro de responsabilidade civil ilimitada.

RESULTADOS DO CONCELLO DA CORUÑA - CAMPAÑA DO 30/11/2020 AO 04/12/2020

9 vehículos controlados.

Non se detectan infraccións.

RESULTADOS DO CONCELLO DA CORUÑA - CAMPAÑA DO 25/01/2021 AO 29/01/2021

34 vehículos controlados.

Non se detectan infraccións.

RESULTADOS DO CONCELLO DA CORUÑA - CAMPAÑA DO 13/12/2021 AO 17/12/2021

24 vehículos controlados.

1 denuncia por cuestións técnicas.

RESULTADOS DO CONCELLO DA CORUÑA - CAMPAÑA DO 17/01/2022 AO 21/01/2022

11 vehículos controlados.

Non se detectan infraccións.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión