Concello da Coruña

Concello da Coruña

Campaña de vixilancia e control de furgonetas

Do 21 ao 27 de novembro de 2022

A quen vai dirixido:

Para público en xeral

Cando:

Dende o 21/11/2022 ata o 27/11/2022

Xa rematou

FINALIDADE

A DXT levará a cabo, desde o día 21 ata o 27 de novembro, unha campaña especial de vixilancia e control das furgonetas, un tipo de vehículo que se conduce co mesmo permiso de condución que un turismo, pero con características diferentes.

O Concello da Coruña adhírese á devandita campaña. En consecuencia, os axentes da súa Policía Local comprobarán, en diferentes controis, a velocidade á que circulan, a documentación, tanto do vehículo como da persoa condutora, a carga transportada e a súa adecuada estiva, as condicións técnicas do vehículo, prestaráselle unha especial atención ao correcto estado dos pneumáticos, se as persoas condutoras conducen con presenza de alcol e drogas, o uso do cinto de seguridade por parte do/a condutor/a e das persoas ocupantes, a utilización do teléfono móbil ou se se pasou a correspondente Inspección Técnica de Vehículos, así como outras circunstancias, todas elas moi directamente relacionadas coa seguridade viaria.

MOTIVACIÓN

Dentro dos vehículos lixeiros de transporte de mercadorías, as furgonetas supoñen o número de vehículos maioritario - 2.406.518 - , o 7% do parque de vehículos e están implicadas no 11% dos accidentes con vítimas, nos que se produciron o 13% das persoas falecidas do ano 2018.

Conducir unha furgoneta non é o mesmo que conducir un turismo. As súas características dinámicas e de utilización fan que, tanto a súa condución como a súa accidentalidade, sexa diferente. O peso total destes vehículos é 2 ou 3 veces máis elevado que o dun turismo, feito que afecta á condución e non sempre se ten en conta.

RECOMENDACIÓNS

-Unha furgoneta non é un turismo. Antes de alugar unha, se lle é posible, realice un curso de capacitación e aprenda as peculiaridades destes vehículos, especialmente no referente á velocidade, a colocación da carga e como tomar as curvas.

-Consulte as recomendacións respecto da colocación da carga. Lembre: se é posible, colóquea sobre a plataforma do vehículo, preferiblemente entre os eixes, e fíxea con cordas ou redes.

-Ao volante dunha furgoneta aumente a distancia de seguridade, xa que estes vehículos necesitan máis distancia de freada para deterse.

-Moita precaución ao aparcar, especialmente se o fai á beira de pasos de peóns. Ao tratarse dun vehículo grande pode dificultar a visibilidade das outras persoas usuarias da vía.

-Permaneza atento7a aos retrovisores exteriores e os ángulos mortos porque a visibilidade sempre é máis reducida que a dun turismo.

VEHÍCULOS AOS QUE VAI DESTINADO E A SÚA DEFINICIÓN SEGUNDO O ANEXO II DE R.X. DE VEHÍCULOS

24 Furgón/furgoneta MMA ≤ 3.500 kg.

Automóbil destinado ao transporte de mercadorías cuxa cabina está integrada no resto da carrocería con masa máxima autorizada igual ou inferior a 3.500 kg.

25 Furgón 3.500 kg. < MMA ≤ 12.000 kg.

Camión no que a cabina está integrada no resto da carrocería, con masa máxima autorizada superior a 3.500 kg, e igual ou inferior a 12.000 kg.

26 Furgón MMA > 12.000 kg.

Camión no que a cabina está integrada no resto da carrocería, e cuxa masa máxima autorizada sexa superior a 12.000 kg.

30 Derivado de turismo

Vehículo automóbil destinado a servizos ou a transporte exclusivo de mercadorías, derivado dun turismo do cal conserva a carrocería e dispón unicamente dunha fila de asentos.

31 Vehículo mixto adaptable

Automóbil especialmente disposto para o transporte, simultáneo ou non, de mercadorías e persoas ata un máximo de 9 incluída a persoa condutora, e no que se pode substituír eventualmente a carga, parcial ou totalmente, por persoas con adición de asentos.

17 Pick-up

Vehículo cuxa masa máxima non sexa superior a 3.500 kg, no que as prazas de asento e a zona de carga non están situadas nun compartimento único e cuxa altura non sexa superior a 2 m.

20 Camión MMA ≤ 3500 Kg.

O que posúe unha cabina con capacidade ata 9 prazas, non integrada no resto da carrocería, e cuxa masa máxima autorizada non exceda de 3.500 kg

CONCEPTOS (para os efectos da Lei 16/87 e RD 1211/90, lei e regulamento respectivamente de ordenación dos transportes terrestres)

TURISMO.- Vehículo automóbil distinto da motocicleta, concibido e construído para o transporte de persoas, cunha capacidade igual ou inferior a 9 prazas (i.c.)

CAMIÓN.- Automóbil de catro rodas ou máis, concibido e construído para o transporte de mercadorías, cuxa cabina non está integrada no resto da carrocería, e cun máximo de 9 prazas (i.c.)

FURGÓN.- Automóbil de catro ou máis rodas, concibido e construído para o transporte de mercadorías, cuxa cabina está integrada no resto da carrocería, e cun máximo de 9 prazas (i.c.)

VEHÍCULO LIXEIRO.- Vehículo automóbil especialmente acondicionado para o transporte de mercadorías, cuxa MMA non supera as 6 Tm ou que, aínda excedendo a dita masa, ten unha capacidade de carga útil non superior a 3,5 Tm.

VEHÍCULO PESADO.- Vehículo automóbil especialmente acondicionado para o transporte de mercadorías, cuxa MMA supera as 6 Tm e cunha unha capacidade de carga superior a 3,5 Tm. Tamén o son as cabezas tractoras se teñen unha capacidade de arrastre superior a 3,5 Tm.

TRANSPORTES PRIVADOS.- Son os que levan a cabo por conta propia, ben sexa para satisfacer necesidades particulares, ben como complemento doutras actividades principais realizadas por empresas ou establecementos do mesmo suxeito, e directamente vinculados ao adecuado desenvolvemento das devanditas actividades. Está suxeito á autorización administrativa previa (Tarxeta de Transportes) se se trata de transporte privado complementario e supera unha serie de condicións que se verán máis adiante.

TRANSPORTE PÚBLICO.- É o que se leva a cabo por conta allea, mediante retribución económica. Pode ser de viaxeiros ou de mercadorías. Está suxeito á autorización administrativa previa (Tarxeta de Transportes) no caso de vehículos de máis de 2 TM de MMA.

TRANSPORTES PRIVADOS PARTICULARES.- Non están suxeitos a autorización administrativa. Son os que cumpren conxuntamente os seguintes requisitos:

  1. Estar dedicados a satisfacer as necesidades de desprazamento de carácter persoal ou doméstico da persoa titular do vehículo e das súas achegadas.

  2. Realizarse en vehículos cuxo número de prazas ou capacidade de carga non excedan dos límites fixados regulamentariamente

  3. Os de persoas viaxeiras débense realizar en vehículos de turismo.

  4. Os de mercadorías deben realizarse en vehículos lixeiros (salvo que se trate de transporte de máquinas, animais ou complementos destinados á práctica persoal dalgunha actividade deportiva ou recreativa que, polas súas características, non resulte posible transportar nun vehículo da devandita categoría).

TRANSPORTES PRIVADOS COMPLEMENTARIOS.- Son os levados a cabo por empresas ou establecementos cuxas finalidades principais non son de transporte, senón que se trata dun complemento adecuado ou necesario para o desenvolvemento das actividades principais que realizan. Deben cumprir conxuntamente as seguintes condicións:

  1. Se se trata de transporte de mercadorías (MPC), estas deben pertencer á empresa ou ser vendidas, compradas, dadas ou tomadas en alugueiro, producidas, extraídas, transformadas ou reparadas por ela. A empresa dispoñerá dunha única autorización de transporte privado complementario referida á empresa e, por cada vehículo novo, outorgarase copia certificada dela. Precisan autorización se > 3,5 Tm de MMA

  2. Se se trata de transporte de persoas viaxeiras (VPC), as e os usuarios deben ser traballadores/as ou asalariados/as dos distintos centros ou ben asistentes a eles. Se son doutro tipo, presumiranse como transportes públicos (salvo proba en contrario). Só en casos excepcionais, debidamente autorizados, poderase percibir un prezo por este transporte e, en ningún caso, pode a empresa obter un beneficio por este concepto. Precisan autorización.

  3. O transporte debe servir para conducir ou enviar as persoas ou mercadorías á empresa ou cara aos seus destinos.

  4. En ambos os casos requírese autorización administrativa (salvo que estea exenta por motivos principalmente do reducido núm. de prazas ou de capacidade de carga ou pola natureza ou ámbito do transporte).

  5. A empresa deberá dispoñer dos vehículos en réxime de propiedade, leasing ou arrendamento.

  6. Os vehículos deben ser conducidos, en todo caso, por persoal propio da empresa.

  7. O transporte non poderá ser contratado nin facturado de forma independente e o seu custo deberá ser incorporado ao custo dos produtos ou servizos.

  8. Un titular dunha autorización de transporte público non poderá ser titular dunha de transporte privado complementario.

  9. O transporte funerario é un transporte especial que debe ser realizado por empresas de pompas fúnebres legalmente establecidas e ten a consideración de transporte privado complementario. As súas autorizacións documentaranse en tarxetas da clase VF e o seu ámbito de actuación é nacional.

AUTORIZACIÓN DE TRANSPORTES

Materialízase na Tarxeta de Transportes e é necesaria para realizar transportes de mercadorías, xa sexan públicos ou privados complementarios, excepto (entre outros):

  1. Transportes privados particulares
  2. Transportes públicos ou privados realizados en vehículos de menos de 3 rodas
  3. Transportes privados complementarios realizados en vehículos de ata 3,5 Tm de MMA (inclusive)
  4. Transportes públicos realizados en vehículos de ata 2 TM de MMA
  5. Transportes públicos e privados complementarios que se realicen integramente en recintos pechados
  6. Transportes oficiais
  7. Transportes fúnebres en vehículos especialmente acondicionados para iso.
  8. Transportes de lixos en vehículos especialmente acondicionados para iso.
  9. Transportes de diñeiro, valores e mercadorías preciosas en vehículos especialmente acondicionados para iso.
  10. Transportes de medicamentos e equipos médicos e outros artigos necesarios en casos de axuda urxente.
  11. Vehículos que leven unidos de forma permanente máquinas ou instrumentos tales como os destinados a grupos electróxenos, guindastres de elevación, equipos de sondaxe etc., sempre que estas máquinas ou instrumentos constitúan o uso exclusivo do vehículo.

Cada vehículo que teña a empresa autorizada deberá contar cunha copia certificada da autorización, a cal deberá levar a bordo sempre que estea a realizar transporte.

As autorizacións de transporte habilitan para realizar transporte en todo o territorio nacional (non existe radio de acción).

Non teñen prazo de validez, pero están suxeitas a un visado obrigatorio cada 2 anos para comprobar as condicións que orixinalmente xustificaron o seu outorgamento e doutras novas.

Clasificación e siglas:

  • MDP.- Transporte público de mercadorías para vehículos pesados
  • MDL.- Transporte público de mercadorías para vehículos lixeiros
  • MPC.- Transporte privado complementario de mercadorías

DISPOSICIÓN DA CARGA

Art. 14 do Regulamento xeral de circulación:

1. A carga transportada nun vehículo, así como os accesorios que se utilicen para o seu acondicionamento ou protección, deben estar dispostos e, se fose necesario, suxeitos de tal forma que non poidan:

  • Arrastrar, caer total ou parcialmente ou desprazarse de maneira perigosa.
  • Comprometer a estabilidade do vehículo.
  • Producir ruído, po ou outras molestias que poidan ser evitadas.
  • Ocultar os dispositivos de iluminación ou de sinalización luminosa, as placas ou distintivos obrigatorios e as advertencias manuais dos seus condutores.

2. O transporte de materias que produzan po ou poidan caer efectuarase sempre cubríndoas total e eficazmente.

3. O transporte de cargas molestas, nocivas, insalubres ou perigosas, así como as que entrañen especialidades no seu acondicionamento ou estiba, aterase, ademais, ás normas específicas que regulan a materia.

CARTA DE PORTE

Regulada na Orde FOM 2861/2012 do 13 de decembro, pola que se regula o documento de control administrativo esixible para realizar transporte público de mercadorías por estrada, por esixencia do art. 222 do RD 1211/90 (ROTT)

Esíxese nos transportes públicos de mercadorías por estrada, con cada envío que se realice.

Será obrigatorio emitir dous exemplares. Un quedará en poder do cargador contractual e outro en poder do transportista efectivo. Este último deberá levalo a bordo do vehículo durante o transporte do envío de que se trate, acompañando as mercadorías no seu desprazamento.

O seu formato é de libre edición e poderase axustar ao modelo, formato e denominación que máis conveña, pero deberá conter, polo menos, os seguintes datos de carácter esencial:

  1. Nome ou denominación social, NIF e domicilio do cargador contractual

  2. Nome ou denominación social e NIF do transportista efectivo

  3. Lugar de orixe e destino do envío obxecto do transporte

  4. Natureza e peso da mercadoría transportada. Nos supostos en que, por razón das circunstancias en que se produza a carga do vehículo, resulte de difícil determinación o peso exacto da mercadoría que se vai transportar, buscarase outro tipo de magnitude para determinar o seu peso.

  5. Data de realización do transporte do envío de que se trate.

  6. Matrícula do vehículo utilizado na realización do transporte. Cando se trate dun conxunto articulado deberá facerse constar tanto a matrícula do vehículo tractor como a do semirremolque ou remolque arrastrado por este.

  7. Se iniciada a operación de transporte se producise un cambio de vehículo, esta circunstancia deberá facerse constar na documentación de control pola empresa de transportes.

  8. Sempre que así o soliciten os suxeitos intervenientes faranse constar as observacións, reservas, ou calquera outra indicación, que consideren útil.

    Están exentos de levala os seguintes transportes:

  • Transportes para cuxa realización non resulte preceptiva a obtención previa dun título habilitante expedido pola Administración, conforme ao que se dispón nas normas de ordenación do transporte terrestre.
  • Transportes de mudanza.
  • Transportes de vehículos accidentados ou avariados en vehículos especiais.
  • Servizos de paquetería e calquera outros similares que impliquen a recollida ou repartición de envíos de mercadorías consistentes nun reducido número de vultos que poidan ser facilmente manipulados por unha persoa sen outra axuda que as máquinas ou ferramentas que leve a bordo o vehículo utilizado.

RESULTADOS DO CONCELLO DA CORUÑA - CAMPAÑA DO 23/07/18 AO 27/07/18

  • 374 vehículos controlados (dous deles estranxeiros)
  • 2 vehículos inmobilizados
  • 1 infracción relativa á persoa condutora
  • 5 infraccións relativas ao vehículo
  • 5 infraccións de ITV
  • 3 infraccións de móbil

RESULTADOS DO CONCELLO DA CORUÑA - CAMPAÑA DO 26/11/18 AO 29/11/18

  • 73 vehículos controlados
  • 1 persoa condutora denunciada por conducir utilizando o móbil
  • 1 persoa condutora denunciada por transportar un menor sen facer uso do sistema de retención infantil
  • Incautación de 64 quilogramos de cobre (en fío) transportados nunha furgoneta, sen que a súa persoa condutora dese explicación convincente da súa procedencia (posiblemente subtraído).

RESULTADOS DO CONCELLO DA CORUÑA - CAMPAÑA DO 26/10/2020 AO 31/10/2020

  • 201 vehículos controlados (2 deles estranxeiros)
  • Total de denuncias: 13
  • 1 positivo en drogas (THC)
  • 2 positivos en alcol
  • 1 denuncia por exceso de velocidade
  • 2 denuncias por permiso de conducir
  • 1 denuncia por carecer de seguro
  • 3 denuncias por non presentar o vehículo a ITV
  • 1 denuncia relativa a placas provisionais (placa vermella)
  • 2 denuncias por carecer de título habilitante para transporte público de mercadorías

RESULTADOS DO CONCELLO DA CORUÑA - CAMPAÑA DO 21/11/2022 AO 27/11/2022

  • 51 vehículos controlados.
  • Total de denuncias: 3
  • 1 denuncia por permiso de conducir caducado.
  • 2 denuncias por infraccións relativas ao vehículo.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión