Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

9 de abril de 2018

Díaz Grandío pide ao PSOE “que centre os seus esforzos en conseguir unha cidade mellor, non en defender a circulación non autorizada”

O concelleiro de Mobilidade Sostible explica que “os boletíns de multas aplican o cadro de infraccións e sancións de tráfico aprobado en 2007 e actualizado no ano 2010, documentos, non obstante, que o goberno local procederá a revisar por se houbese algún erro material”. “Circular sen autorización por unha vía de acceso restrinxido é un feito sancionable: tanto a tipificación da conduta como a multa imposta son correctas, e en ambos casos estamos falando de supostos de carácter leve”, subliña

O concelleiro de Mobilidade Sostible, Daniel Díaz Grandío, lamentou esta xornada que o PSOE estea a imputarlle ao goberno local un posible erro material referente ao cadro de infraccións e sancións de tráfico "que foi cometido por un concelleiro da súa formación, Florencio Cardador, cando era responsable da área de Seguridade Cidadá no ano 2007". Por outro lado, e tamén en refencia ás críticas vertidas nos últimos días a respecto de sancións a persoas que estaban a circular sen a pertinente autorización por unha vía de acceso restrinxido, o responsable municipal manifestou "o sorprendente que é que esta formación anuncie a apertura dunha oficina de protección ao infractor". "Dende logo, á vista do manifestado nas últimas xornadas, se este é o seu modelo de mobilidade, espero, polo ben común, que non volvan ter esas responsabilidades no goberno desta cidade", reflexionou. "O responsable é que unha formación centre os seus esforzos en conseguir unha cidade mellor, non en defender a circulación non autorizada en vías de preferencia peonil, tentando sacar rédito político", censurou.

O responsable municipal explicou, a respecto das acusacións sobre supostas "irregularidades" en sancións de tráfico relativas á circulación sen autorización pola Mariña, que "os boletíns de multas que se levan a cabo dende o Concello aplican, literalmente, o cadro de infraccións e sancións de tráfico que foi aprobado no ano 2007 e revisado en 2010 por decreto do concelleiro de Seguridade Cidadá". Tras a aprobación do novo Real Decreto Lexislativo 6/2015, de 30 de outubro, polo que se aprobou o texto refundido da Lei sobre Tráfico, Circulación de Vehículos a Motor e Seguridade Viaria, en 2016, fíxose unha revisión das referencias ao antigo real decreto cambiandoos polos equivalentes no novo. "Se houbese algún erro material nese cadro, sería un erro material que se arrastra dende 2007, que non foi detectado polo executivo que gobernaba entón, nin polo que estaba á fronte de María Pita o pasado mandato, e que se trasladou aos boletíns", indicou Díaz Grandío, que, non obstante, adiantou que o actual executivo municipal "procederá á revisión tanto do decreto que rexe ás sancións, como do cadro de infraccións e, polo tanto, os boletíns de multas que se aplican".

Con todo, o concelleiro incidiu "no curioso que resulta que o PSOE cargue contra un cadro de infraccións que foi aprobado no ano 2007, cando gobernaba no Concello da Coruña, e que se aplica dende aquela cunha revisión no 2010 a cargo do mesmo equipo de goberno". "En ambas as dúas datas, 2007 e 2010, o concelleiro de Seguridade Cidadá asinante dos decretos foi Florencio Cardador, mentres que o alcalde da cidade era o socialista Javier Losada. Supoño que, ante tal feito, a executiva local do PSOE tamén pedirá a súa dimisión ou desculpas públicas por ter cometido un erro material", manifestou, á vez que evidenciou a súa "decepción" ante a forma na que a nova dirección dos e das socialistas da Coruña abordaron este feito.

O titular de Mobilidade Sostible insistiu en que, se ben o goberno local tomou a determinación de revisar o cadro de sancións de tráfico municipais, así como, en consecuencia, os boletíns de multas, as infraccións denunciadas polo Concello por circular sen autorización por unha vía de acceso restrinxido existiron e están suxeitas a multa. "Efectivamente, o feito sancionador está correctamente definido, xa que non se pode circular por unha vía de acceso restrinxido como a Mariña sen autorización, e tanto a tipificación da conduta como a sanción imposta son correctas, en ambos os dous casos de carácter leve", comentou Díaz Grandío, quen aclarou que nestas sancións "tampouco se vulnera o principio de presunción de inocencia, por canto non existe dúbida a respecto da responsabilidade, imputabilidade e culpabilidade das persoas infratoras, ao haber probas suficientes destes elementos a través das cámaras de gravación". Tamén, o edil chamou a atención sobre o feito de que o Concello "tampouco provocou unha situación de indefensión ás persoas sancionadas, por canto se ofreceu a todas as persoas sancionadas a posibilidade de recorrer sen que se teña presentado recurso ningún".

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión