Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

5 de abril de 2018

O Concello reforza esta primavera a campaña de erradicación de niños de avespa asiática na cidade, coa colocación de 200 trampas nas zonas de máis presencia

A iniciativa lévase a cabo dende marzo a finais de maio e está dirixida á captura das raíñas grazas á instalación de dispositivos moi selectivos

O Concello pon en marcha esta primavera a segunda campaña para evitar o proliferamento de niños de avespa asiática na cidade coa instalación de 200 trampas xeolocalizadas, 50 máis que as que se colocaron o pasado ano. A iniciativa de instalación de trampas da área de Seguridade Cidadá, na que colabora tamén a Concellería de Medio Ambiente, realizouse o 1 de marzo en zonas da cidade onde se detectou un especial actividade. A campaña prolongarase ata finais do mes de maio xa que, como explica a edil de Medio Ambiente, María García, "a primavera é o mellor momento para levar a cabo esta acción, xa que é a época de maior actividade das raíñas, e na que os niños están crecendo". As trampas son, segundo indica, "moi selectivas" e están dirixidas á captura da avespa raíña, coa finalidade de evitar a súa reprodución e o nacemento de miles de obreiras e "evitar que afecten a ningunha outra especie de avespa ou insecto que contribúa á polinización". Estas estarán situadas, principalmente, en camelias e outras árbores de orixe asiática, "pola memoria xenética que garda esta especie", apunta García.

A edil responsable de Seguridade Cidadá, Rocío Fraga, indicou que os dispositivos están xa colocados en áreas da cidade "nas que existe un maior risco de proliferación de niños", como son A Zapateira, Bens, Cidade Vella, Mesoiro, Feáns, Nostián ou Cidade Xardín. A concelleira avanza que, unha vez remate a campaña, e grazas a xeolocalización destes traballos, o Concello poderá realizar un estudo pormenorizado da evolución dos insectos por zonas.

Desde que os municipios asumiron esta tarefa, no mes de xuño de 2016, o Servizo Municipal de Extinción de Incendios e Salvamento leva capturados 285 niños na Coruña. "A Xunta de Galicia, desbordada ante a situación de demanda, decidiu delegar nos concellos a captura desta especie, que supón unha ameza ambiental, sen máis medios que unha charla divulgativa e tres traxes", sinala Fraga. "Debemos poñer en valor e agradecer o magnífico labor do servizo de bombeiros coruñés durante todo este tempo, xa que, grazas a súa fonda implicación, no ano 2016 capturaron 47 niños, 238 niños no ano pasado e todo isto a pesar dos trampeos que se están realizando", explica a concelleira, quen destaca a "rápida capacidade de resposta" dos servizos de emerxencia, "que fan efectiva a desaparición dos niños en menos de 48 horas".

O resultado do trampeo realizado polo Concello o ano pasado foi a captura de 1.290 avespas raíñas, unha cantidade moi elevada e máis tendo en conta que cada unha delas pode, ao longo do seu ciclo de vida, procrear entre 2.000 e 5.000 individuos e incluso en algúns casos ata 12.000 individuos. "A velutina é unha especie invasora que supón unha importante ameaza para a nosa biodiversidade, polo que cómpre poñer en marcha iniciativas para o seu seguimento, control e erradicación", expón García.

O Goberno local lembra á cidadanía que, no caso de observar un niño de avespa asiática, convén afastarse e chamar aos números 112 ou 012.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión