Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

14 de novembro de 2018

Igualdade presenta unha nova edición da campaña 'A Coruña en negro contra as violencias machistas', que reforzará as accións nos locais de ocio nocturno

A edil Rocío Fraga lembra que a iniciativa, que se desenvolverá este ano en 102 municipios de Galicia, terá a súa principal actividade de rúa o propio 25N na praza de María Pita

A Coruña súmase, por terceiro ano consecutivo, á campaña En negro contra as violencias machistas, unha iniciativa que pretende implicar ao tecido económico, asociativo, deportivo, social e cultural, así como ao conxunto da cidadanía, no rexeitamento das violencias machistas. A proposta, impulsada polo Concello de Compostela no 2015 e que contará este ano coa participación de 102 municipios e 3 deputacións, tenta identificar e incidir, a través de diversos materiais comunicativos, nos comportamentos e expresións verbais que conforman ou están detrás da violencia de xénero. "O que pretendemos con esta campaña compartida, cunha ampla capacidade de irradiación e mobilización social e que chega a máis dun millón de persoas, é xerar conversa entre os diferentes sectores da sociedade para producir un amplo consenso contra as violencias machistas nos concellos de Galicia", explicou esta mañá a edil de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga. "O 25-N é o punto álxido desta campaña, que se centraliza principalmente nestas dúas semanas de novembro, pero que como se pode ver en distintos espazos da Coruña está presente ao longo de todo o ano", apuntou a concelleira.

Precisamente o vindeiro domingo 25 celebrarase unha acción de rúa, na que se convida á veciñanza a participar vestida con roupa de cor negra, para visibilizar o rexeitamento cidadá destas violencias. A intervención será ás 12.00 horas na praza de María Pita, na que se habilitará un espazo para a entrega de material vinculado á campaña, cuxas gráficas xenéricas se poden descargar dos webs http://ennegrocontraasviolencias.gal e www.coruna.gal/igualdade. "Durante estas semanas tamén invitamos á cidadanía e as entidades da Coruña que visibilicen a súa implicación a través das redes sociais, publicando fotografías co cancelo #CoruñaEnNegro e #EnNegroContraAsViolencias", sinalou Fraga, quen lembrou que estas tamén se poderán enviar ao correo electrónico senviolenciasmachistas@coruna.es, de cara a compartilas nun álbum colaborativo que estará dispoñible nos perfís sociais da propia Concellería de Igualdade e Diversidade.

Tanto de cara á acción do 25N como para o desenvolvemento da campaña na cidade, o Concello producirá diversos materiais, como camisetas --tamén para cativas e cativos--, chapas, paraugas, manteis, pousavasos, distintivos adhesivos, carteis en diferentes formatos, marcapáxinas para as Bibliotecas Municipais, mochilas e bandeirolas personalizadas. Nesta ocasión, a área de Igualdade habilitará dous puntos de recollida do material, como son o Centro Cívico de Monte alto e o Fórum Metropolitano, o luns 19 e o martes 20 de novembro, en horario de 12.00 a 14.00 horas, e de 18.00 a 20.00 horas. Ademais, nesta ocasión, a campaña municipal fará un especial fincapé no reparto de material nos establecementos de hostalería e ocio nocturno, ao contar cun equipo de dinamización propio que percorrerá os locais situados na contorna de María Pita, Campo da Leña e as rúas Estrela, Orzán, Sol, Socorro, San Xoán ou San Xosé, entre outras. "Esta proposta encaixa perfectamente cun dos tres colectivos nos que se centrará especificamente a segunda fase do Pacto Social por unha Cidade Libre de Violencias Machistas, que se atopa en fase de licitación, e que centrará os seus esforzos tamén no traballo co tecido asociativo e cos medios de comunicación", lembrou Fraga.

A campaña A Coruña En Negro Contra As Violencias Machistas estenderase, desde esta semana, á rede de centros cívicos e de bibliotecas municipais; aos mercados, espazos culturais e instalacións deportivas municipais; e facultades da Universidade da Coruña así como centros de saúde e hospitalarios. "Contaremos tamén coa colaboración específica do servizo municipal de Deportes a través das escolas deportivas municipais, que visibilizarán estes días a iniciativa, e no propio 25 de novembro durante a celebración da Carreira Popular de Novo Mesoiro, a primeira do Circuíto Coruña Corre da tempada", aseverou Fraga, quen agradeceu tamén a colaboración na iniciativa de entidades da cidade, como son Gadisa, Vegalsa, Compañía de Tranvías, Coca-Cola e Real Club Deportivo da Coruña.  

Rede de Acollemento e CIM

Ademais da presentación da campaña, Rocío Fraga puxo en valor o traballo que realiza diariamente neste eido a Concellería de Igualdade e Diversidade a través da Rede Municipal de Acollemento e do Centro de Información ás Mulleres. "Este ano realizouse un proxecto piloto que inclúe unha serie de actividades de carácter colectivo, que achegan un enfoque integral e reforzan as atencións individuais que prestan as profesionais do CIM e da Rede", explicou a edil, que abordaron temáticas como o Autocoñecemento para o cambio e a Educación emocional en familia. "Tamén puxemos en marcha un Xardín comestible e terapéutico, un proxecto de terapia asistida con cans e estamos a afondar na mellora da empregabilidade e inserción laboral das mulleres en situación de violencia de xénero tanto a través de colaboracións coa Concellería de Emprego como da Escola de Oficios Ferrovial Servizos", explicou a edil. Ante preguntas dos medios de comunicación, a concelleira explicou que, este ano, pasaron pola Casa de Acollida un total de 53 persoas, das cales 34 foron mulleres e 19 menores. "A casa ten unha capacidade de 15 prazas, ademais de 4 berces, e por ela pasan tanto veciñas da Coruña como doutras cidades da provincia que chegan, polo convenio coa Deputación, a través da rede galega de acollida". Ao fío, lembrou que, até o 24 de outubro, o Centro de Información ás Mulleres atendeu a un total de 686 mulleres, das cales 535 consultas --o que supón o 78% do total-- estaban vinculadas á situacións de violencias machistas. A este respecto, Fraga salientou o labor das traballadoras do CIM así como o apoio da asesoría xurídica do espazo na realización de tarefas relacionadas co acompañamento e asesoría en problemáticas específicas, así como da visibilización que está a dar o goberno local ao servizo e o apoio da Policía Local neste eido.Por último, a concelleira tamén lembrou que a área de Igualdade e Diversidade, a través do programa municipal Coruña Educa, está a realiza, durante o presente curso escolar, obradoiros que abordan especificamente a prevención das violencias machistas tanto en primaria como en secundaria.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión