Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

19 de outubro de 2018

O Concello activa mañá un dispositivo de tráfico na cidade ante a celebración da manifestación contra o peche de Alcoa e a carreira ENKI

Os servizos municipais recomendan á veciñanza o uso do transporte público, ou dos itinerarios alternativos recomendados, durante toda a xornada para reducir as incidencias na circulación

O Goberno local pon en marcha no día de mañá un dispositivo de tráfico debido á celebración de varios eventos, con peche de rúas, na cidade e recomenda á veciñanza que empregue o transporte público nos seus desprazamentos durante o día de mañá, especialmente antes do mediodía. O departamento de Seguridade Cidadá ten establecido itinerarios alternativos para as zonas da cidade que se vaian ver máis afectadas debido á manifestación convocada polo cadro de persoal de Alcoa, que sairá ás 11.00 horas dende a praza da Palloza e rematará diante da delegación do Goberno, así como pola celebración da V Carreira Enki Galicia, que terá lugar entre as 16.30 e as 19.30 horas dende o Palacio de Deportes ata a enseada do Orzán.

Ante a previsión de afección ao tráfico durante a mañá, os servizos municipais de  seguridade pregan á veciñanza que opte polo transporte público para desprazarse pola cidade e recomendan que, entre as 11.00 e as 14.00 horas, se evite utilizar os accesos cara á praza de Ourense e a zona centro dende a avenida de Lavedra, do Exército e Linares Rivas.

Para o acceso á Cidade Vella e Monte Alto dende Lavedra, aconséllase tomar os desvíos cara á rolda de Outeiro e de Nelle, para dende alí acceder ao Paseo Marítimo con dirección a Monte Alto, praza de Pontevedra e San Andrés. Tamén se poderá empregar o acceso a Juan Flórez, Federico Tapia, praza de Galicia, Rosalía de Castro, Francisco Mariño, praza de Pontevedra, San Andrés e rúa Nova cara ao Paseo Marítimo, ou a estreita de San Andrés, Marqués de Pontejos e San Agustín. Dende a avenida da Pasaxe, recoméndase tomar os desvíos cara a rolda de Outeiro e de Nelle --a través de Ramón y Cajal-- e polo Paseo Marítimo, con dirección a Monte Alto, praza de Pontevedra e San Andrés.

Para a saída dende a Cidade Vella e Monte Alto, en caso de corte de tráfico total na praza de Ourense, habilitarase nunha primeira fase a circulación a través de Entrexardíns, accedendo dende alí ao Cantón Grande para circular por Juana de Vega ou ben por rúa Compostela para tomar o itinerario de saída cada a Juán Flórez e avenida de Arteixo. Para o acceso á Ronda Real Club Deportivo (AC-14//V-14) o Goberno local aconsella que se empregue o acceso dende a Ronda de Nelle/Gregorio Hérnandez ou dende a avenida de Fisterra/Severo Ochoa, xa que a avenida de Bos Aires estará cortada dende as 07.30 horas no tramo que discorre dende o pavillón de Deportes.

Para os e as condutoras que se dirixan ao ensanche e Peixería dende Lavedra, o itinerario máis axeitado é por Castiñeiras e Federico Tapia. Desde Monelos, pola rúa Caballeros, Marqués de Amboage, Enrique Hervada, Castiñeiras e Federico Tapia. Para a saída de vehículos dende o ensanche, recoméndase a avenida de Fisterra ou Juan Flórez. Aos vehículos que queiran ir en dirección saída da cidade dende Pescaría, a Policía Local aconsella circular por San Andrés e praza de Pontevedra polo túnel cara a avenida de Fisterra ou Juan Flórez.

A celebración da quinta edición da carreira ENKI Galicia suporá tamén afeccións ao tráfico na zona de Riazor. Dende as 07.30 e ata as 21.30 horas haberá un corte total do tramo do Paseo Marítimo entre a glorieta das Escravas e a praza Portugal, desviándose o tráfico pola avenida Calvo Sotelo (sentido Millennium) ou pola rúa Manuel Murguía (sentido Torre de Hércules). A partir das 14.30 e ata as 20.00 horas, o corte do Paseo Marítimo estenderase desde a glorieta das Escravas até rúa Alta, desviándose o tráfico pola glorieta da rúa Sol (sentido rúa Hospital) ou pola rúa Almirante Eulate - Manuel Murguía (sentido Torre de Hércules). Manterase a saída de rúa Alta cara a rúa Socorro e Paseo Marítimo -Torre de Hércules. Neste mesmo horario tamén se suprimirá a parada de taxis da rúa Manuel Murguía.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión