Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

29 de agosto de 2018

O Concello afonda no seu compromiso coa loita contra as violencias machistas e reforza a coordinación do traballo da Policía Local coas forzas estatais en materia de atención integral ás vítimas

A titular de Igualdade e Diversidade e responsable de Seguridade Cidadá, Rocío Fraga, mantivo unha reunión coa subdelegada do goberno, Pilar López-Riobóo, na que acordaron reactivar a Mesa Local de Violencia de Xénero e deron os primeiros pasos para a incorporación dos servizos de seguridade do Concello ao sistema Viogem para a protección das persoas que sofren estas violencias

O Concello da Coruña continúa a afondar no seu compromiso contra as violencias machistas, motivo polo que impulsará novas vías de colaboración con outras institucións, nomeadamente, neste caso, coa estatal. A concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, mantivo esta mañá unha xuntanza de traballo coa subdelegada do goberno na Coruña, Pilar López-Riobóo, na que se chegaron a unha serie de compromisos para favorecer a coordinación de liñas de actuación tanto en materia tanto de loita contra as violencias, como no referido á protección das vítimas.

Fraga salientou o impulso que o goberno local está a dar para que a Policía Local formalice unha unidade específica de traballo contra ás violencias machistas. "Ter unha cidade libre de violencias é un obxectivo dos corpos de seguridade municipais, que desenvolven un traballo moi amplo neste sentido, e que abarca dende actuacións concretas até charlas e talleres. Non obstante, hoxe demos un novo paso, xa que estamos a estudar a incorporación da Policía Local ao sistema Viogem, que está centrado na protección das persoas que sofren a violencia de xénero", comentou a concelleira. "Este sistema trata de promover as actuacións conxuntas entre corpos locais e estatais para asegurar o cumprimento das medidas de protección acordadas polos órganos xudiciais, por exemplo", indicou Fraga. "Estamos contentas de comezar a dar os primeiros pasos", relatou a concelleira de Igualdade e Diversidade que, recordou non obstante que a inclusión neste sistema require, tal como se explicita no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, dun convenio entre as administracións implicadas (Concello e Ministerio de Interior) para que a Policía Local poida realizar a protección de posibles vítimas unha vez valorado o seu nivel de risco polos corpos de seguridade do Estado.

Por outro lado, goberno municipal e subdelegación acordaron a reactivación da Mesa Local de Coordinación Interinstitucional, un instrumento operativo no que están representados todos os ámbitos municipais implicados na loita contra a violencia de xénero e co obxectivo de optimizar todas as posibles actuacións que se precisen desenvolver. A Mesa conta con representación tanto do Concello e da Subdelegación do goberno, como da Unidade de Violencia de Xénero da Delegación do goberno de Galicia, o Centro de Atención á Muller (CIM), a Policía Local  e Forzas de Corpos de Seguridade do Estado, así como representantes do tecido social, centros educativos, servizos sanitarios, etc. Entre as funcións deste órgano consultivo figura o establecemento de criterios comúns para a detección e atención en casos de risco, así como poñer en marcha estratexias de sensibilización dirixidas a toda a poboación e colectivos específicos.

A concelleira fixo notar que "no caso do Concello da Coruña está mesa non se convocou dende a súa constitución en 2010". "Esta reactivación ten que vir acompañada de vontade e sobre todo de compromiso, que parece que existe por todas as partes neste momento, para realmente profundar no desenvolvemento de estratexias comúns na loita contra as violencias", indicou.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión