Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

1 de outubro de 2018

O Concello celebra a semana de prevención de incendios con obradoiros prácticos abertos á cidadanía dirixidos a reducir o risco de lumes e actividades específicas para profesionais e escolares

A responsable de Seguridade Cidadá, Rocío Fraga, salienta que estas accións “visibilizan e sacan á rúa un traballo continuo” do Goberno local para formar á poboación, ao que o servizo de bombeiros dedicou arredor de medio millar de actividades o pasado ano

O Concello inicia o vindeiro venres a programación da XIII Semana de Prevención de Incendios, en colaboración coa Fundación Mapfre, que este ano estará enfocada na detección rápida de lumes e o recoñecemento de situacións de riscos no entorno habitual da cidadanía, así como nas medidas básicas de autoprotección e actuación no caso de incendios. A concelleira de Igualdade e Diversidade, con competencias en Seguridade Cidadá, Rocío Fraga, salienta que as actividades programadas continúan a liña de acción do servizo municipal de bombeiros, que se centran precisamente na prevención. "As actividades desta semana visibilizan e sacan á rúa un traballo continúo do Goberno local para formar á poboación con coñecementos que permitan identificar e previr incendios nas casas, lugares de traballo ou outros espazos da vida cotiá e tamén as accións que se poden realizar no día a día para reducir o risco de lumes", explica. O servizo de bombeiros levou a cabo o pasado ano 489 actividades de prevención, entre as que se contan a docencia, reténs, simulacros, visitas escolares ou a realización de plans e proxectos, o que sumou 5.805 horas de traballo o pasado ano. As actividades desta semana están dirixidas a escolares e persoal de empresas, da administración pública e técnico da materia, así como cidadanía en xeral.

A programación, que comeza o venres 5 e remata o martes 9 de outubro, está conformada por charlas divulgativas sobre a ordenanza municipal contra incendios, "a primeira que ten o Concello e que foi aprobada este mesmo ano", sobre a nova lei de espectáculos de Galicia e respecto ao uso e manexo de extintores. Haberá tamén visitas a catro centros escolares da cidade, onde máis de 300 nenos e nenas terán a oportunidade de aprender como previr e manter as condicións de seguridade e autoprotección en caso de lumes ou a evacuación nos colexios, así como ao centro de atención a persoas con discapadidade (CAPD - A Coruña). Ademais, a praza de María Pita acollerá, de venres a martes, unha mostra fotográfica sobre a historia do corpo de bombeiros da cidade e un área de exhibición de material, con vehículos antigos e actuais do servizo, e atención de consultas para a cidadanía, un espazo no que haberá tamén actividades interactivas para os e as máis pequenas e obradoiros para o manexo de extintores e actuación no caso de incendios domésticos, reanimación cardiopulmonar e pautas a seguir en caso de accidentes de tráfico. "Trátase dunha programación práctica, na que se atenden as consultas ou dúbidas que poidan ter os veciños e as veciñas da cidade e na que se implican a moitos sectores para os que se ofrece tamén unha perspectiva máis profesional", indica Fraga.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión