Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

14 de febreiro de 2019

O Concello despregará este domingo un dispositivo especial de tráfico co gallo da celebración do XI Medio Maratón Coruña21

A proba, na que participarán máis de 2.100 atletas populares, comezará ás 10.00 horas no Obelisco e provocará cortes de tráfico desde as 06.30 horas no centro da cidade

O vindeiro domingo 17 de febreiro celebrarase a XI edición do Medio Maratón Coruña21, que reunirá a 2.105 atletas nas rúas da cidade. A carreira, que comezará ás 10.00 horas, ten a súa saída e meta no Cantón Grande e conta cun circuíto de 21.097,50 metros de dúas voltas, deseñado entre Os Pelamios e Oza. Debido ao desenvolvemento da cita deportiva, o Concello despregará un dispositivo especial de tráfico para facilitar a mobilidade da veciñanza no termo municipal durante o transcurso da mesma. Neste sentido, recoméndase evitar, na medida que sexa posible, o uso do vehículo privado nas zonas afectadas e, de ser necesario, aconséllase a circulación polo Paseo Marítimo así como empregar a Ronda do Real Club Deportivo como vía de entrada e saída da cidade.

Os primeiros cortes produciranse desde as 06.30 horas da mañá na zona dos Cantóns e da Mariña, para a montaxe da saída e meta da carreira. Así, até as 14.30 horas, non se poderá circular desde a praza de Mina até o Parrote, e a parada de taxis nesta zona quedará anulada. No sentido saída da cidade, o tráfico desviarase cara á praza do Emigrante e túnel do Parrote, mentres que, no sentido entrada, se desviará desde a Praza de Mina cara a Juana de Vega. A partir das 7.30 produciranse tamén cortes nalgúns treitos da AC-10, AC-11 e AC-12, que se prolongarán até as 12.30 horas, aproximadamente. No caso da AC-10, o tráfico de acceso ao porto que chega a través do túnel deberá baixar á glorieta de Casablanca. Na AC-11, manterase a conexión Alfonso Molina - Avenida do Porto deixando un carril para cada sentido de circulación desde o viaduto até a Delegación do Goberno. No caso da AC-12, na avenida da Pasaxe cortarase o tráfico de entrada desde o CHUAC, desviándose cara ao enlace con Casablanca e mantendo permeabilidade para acceder ao Porto.

Finalmente, desde as 9.30 horas e até as 12.30 horas, o Concello procederá a cortar totalmente a circulación do tráfico no circuíto do Medio Maratón Coruña21. Así, non se poderá circular no Paseo Marítimo, desde o Castelo de San Antón até o Cemiterio de San Amaro --impedindo o acceso desde a glorieta de Adormideras e Veramar, aínda que haberá un carril de acceso cara á rúa Veramar para permitir a saída dos garaxes--, e o tráfico de entrada polo túnel da Mariña desviarase cara ao túnel de María Pita, previa inspección de vehículos por exceso de gálibo. Ademais, manterase a conexión de saída desde Metrosidero e Julio Portela Ceballos cara ao Paseo Marítimo, Praza do Emigrante e túnel do Parrote, itinerario que tamén empregará o transporte público urbano.

Os cortes e desvíos tamén afectarán a outras zonas do circuíto. Así, cortarase a rúa Santa Catalina para desviar o tráfico de Durán Loriga cara á rúa Huertas e habilitarase un carril en Linares Rivas, próximo ás casas, para permitir a saída dos garaxes. Manterase tamén un carril desde a Costa da Palloza cara a Ramón y Cajal, respectando o acceso á Casa do Mar --que empregará o transporte público interurbano--, e cortarase a vía do porto entre a Casa do Mar e Oza, permitíndose só a entrada e saída ao porto nas dúas glorietas. En canto ao estacionamento, suprimirase no Paseo Marítimo, desde Veramar até a praza do Emigrante --así como na mesma praza--, e na avenida do Exército, desde a Casa do Mar até a glorieta coa Rolda de Outeiro.

Transporte público

O servizo de transporte público colectivo tamén modificará a ruta ordinaria de distintas liñas pola posta en marcha do dispositivo especial de tráfico.  A partir das 9.30 horas, hora prevista do corte do tramo entre a Casa do Mar e Porta Real, as liñas 1, 1A, 2, 2A, 5, 17, 23 e 23A, procedentes de Catro Camiños e con dirección Porta Real, desviaranse cara Enrique Hervada, Castiñeiras, viaduto de Alfonso Molina, praza de Ourense, avenida do Porto, túnel de María Pita e praza das Atochas. Desde alí, as liñas 5 e 17 continuarán por Orillamar, mentres que as liñas 1, 1A, 2, 2A, 23 e 23A circularán por Metrosidero cara ao hospital Abente y Lago, desde o que circularán cara ao túnel do Parrote, avenida do Porto --vía na que se instalarán paradas provisionais en ambos sentidos de circulación, nas proximidades do Kiosco Alfonso--, praza de Ourense, avenida de Alfonso Molina, Pajaritas e Catro Camiños, punto no que recuperarán o seu itinerario habitual. As liñas 1 e 17 entre Catro Camiños e Os Castros, ao non poder circular pola Palloza e a avenida do Exército, transitarán pola avenida de Oza. Polo mesmo motivo, a liña 14, desde Os Castros cara a Catro Camiños, circulará pola mesma avenida.

Pola súa banda, as liñas 21, 22 e 24, desde Catro Camiños, circularán por Castiñeiras, Federico Tapia e praza de Galicia, para situar en Juan Flórez 10 a cabeza de liña --punto, ademais, no que o 22 e o 24 recuperarán o seu itinerario--. No caso do 21, continuará por Juan Flórez cara a San Pedro de Mezonzo, Catro Camiños e Ramón y Cajal, vía na que se reincorporará a súa ruta.

Finalmente, as liñas 3 e 7, desde San Andrés, continuarán por rúa Alta, Paseo Marítimo, rúa Hospital, Campo da Leña e Orillamar, onde recuperarán o seu itinerario. A liña 3A, no sentido Adormideras - Os Rosales, continuará desde Campo da Leña por Panadeiras, San Andrés e praza de Pontevedra.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión