Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

19 de decembro de 2018

A concelleira de Facenda, Eugenia Vieito, explica que, á vista da nova regulación, preto de 50 axentes estarían en disposición de retirarse o vindeiro exercicio

O goberno local ampliará a oferta de emprego público de 2018 en 42 prazas de quenda libre e promoción interna na Policía Local para compensar as baixas derivadas da aprobación do decreto de anticipo de xubilación

A titular de Seguridade Cidadá, Rocío Fraga, lamentou que a falla de previsión por parte do Estado á hora de aplicar esta normativa obrigue a realizar, a partir de principio de ano, unha reorganización no servizo. “A pesar disto, felicitamos á Policía por lograr unha resposta favorable a unha vella e necesaria demanda laboral”, dixo

A Xunta de goberno local aprobará este venres unha modificación na Oferta de Emprego Público (OPE) do Concello para este 2018 que trata de compensar as posibles baixas que se produzan na Policía Local logo da publicación, o pasado día 15, do real decreto que regula o anticipo da idade de xubilación neste corpo funcionarial. A proposta do executivo municipal é a de ampliar a oferta de contratación en 42 prazas, entre as categorías de quenda libre e promoción interna. Esta posibilidade atópase recollida nunha disposición adicional da Lei de Orzamentos Xerais do Estado para este ano, que xa contemplaba a posibilidade de que o decreto entrase en vigor, como así ocorrerá, o vindeiro 2 de xaneiro.

Desde Concellería de Facenda e Administración, dirixida por Eugenia Vieito, indícase que, á vista da regulación contida no real decreto, "en 2019, se así o quixeran, 48 efectivos da Policía Local estarían en disposición de xubilarse, isto, tendo en conta as distintas escalas e categorías". Desta cantidade, na que se inclúen tamén as persoas que cumpren os 65 anos, 36 manifestaron a súa intención de xubilarse anticipadamente.

"Tendo en conta que, ademais da xubilación, vanse producir máis vacantes nas prazas da Policía polo cambio de praza dentro do corpo motivado por promocións internas a postos de categoría superior que, á súa vez, quedarán vacantes como consecuencia do adianto de xubilación, a proposta do executivo municipal pasa por aumentar a OPE a postos da Policía Local en 34 prazas (26 da quenda libre e 8 por mobilidade), ademais de 8 por promoción na quenda de promoción interna (2 prazas de inspector e 6 de oficial)", enumera Vieito, que comenta que "a inminente entrada en vigor determina a necesidade de aprobación sen case marxe de tempo". "As cidades somos a primeira porta á que chama a veciñanza. O goberno central debería dar dunha vez pasos firmes neste sentido, ampliar as exiguas taxas de reposición que só serven para recortar dereitos na cidadanía e facilitar máis medios para que os municipios poidan abordar as carencias de persoal que acumulan", dixo.

Ao fío, a concelleira coas competencias en Seguridade Cidadá, Rocío Fraga, manifesta que a aprobación do real decreto que posibilita a adianto da xubilación no corpo da Policía Local "é unha boa noticia, xa que dá resposta ás xustas demandas laborais dun colectivo que desempeña un labor fundamental. Felicitamos aos e ás policías locais aínda que debemos lamentar a falla de previsión do goberno central, que aproba este real decreto, que entrará en vigor a partir de xaneiro sen dar case medios aos concellos para poder abordar as carencias de persoal que se poden producir". "Só entre que se aproba unha praza e se realiza a formación necesaria pasan, como mínimo, 6 meses, motivo polo que podemos estar falando de carencias de persoal durante todo un ano, tendo en conta que, ademais, hai que realizar antes todo o proceso de oposición, centralizado pola Xunta de Galicia", dixo. "Esta situación obrigaranos a poñer en marcha, tamén contra principio de ano, segundo o impacto do propio decreto de adianto da xubilación, unha reorganización integral do servizo da Policía Local, algo que levamos semanas estudando para tratar de minimizar o impacto que poida ter esta normativa que, non obstante, encontramos xusta e que debe servir para pode favorecer a renovación dun cadro de persoal envellecido", chamou a atención.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión