Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

31 de marzo de 2018

O goberno local levará a Pleno a delegación das competencias para o desenvolvemento dos procesos selectivos para o acceso á Policía municipal en favor da Academia Galega de Seguridade Pública

A concelleira Rocío Fraga indica que este procedemento, que xa se leva a cabo na maioría das grandes cidades de Galicia, “facilita todo o proceso de selección e dá maiores facilidades aos e as opositoras á hora de realizar en tempo o seu período formativo e de prácticas”

O goberno local levará a Pleno a delegación de competencias relativas á convocatoria e desenvolvemento dos procesos selectivos para o acceso á categoría de Policía Local en favor da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp), organismo autonómico que centraliza os procesos selectivos de distintas policías locais da comunidade e que, ademais, asume a formación e o período de prácticas dos e das persoas seleccionadas daqueles concellos que así o soliciten. Segundo explica a concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, coas competencias de Seguridade Cidadá, esta delegación, que non afectará aos procesos de promoción interna, senón tan só á selección de novas prazas, "facilitará todo o proceso tanto ao Concello como ás persoas escollidas para formar parte deste corpo municipal de seguridade". "Até o de agora, dábase a circunstancia de que os e as opositoras que tiñan aprobado o proceso selectivo debían esperar meses e, en ocasións, até un ano, para acceder aos pertinentes cursos de formación e prácticas que se imparten na propia Agasp. Ao centralizar agora este proceso selectivo, consíguese acompasar os tempos e facilitar o traballo e proceso de formación dos e das nosas futuras policías", explicou a responsable municipal, quen reiterou que "a maiorías das grandes vilas de Galicia teñen xa adoptada a delegación que agora propomos".

O procedemento de delegación analizarase a vindeira semana na comisión de Facenda para, posteriormente, ser debatido en Pleno municipal, se ben xa conta cun informe favorable da secretaría municipal. "No caso de que a Cámara dea o visto e prace, cousa que esperamos, xa que a maioría dos concellos de Galicia fixeron o mesmo ca nós, e delegaron as competencias en pos de axilizar os procesos formativos, o Concello estaría en disposición de asinar un convenio de colaboración coa Agasp pola que se encargará destes procesos selectivos e que terá, como mínimo, catro anos de vixencia", explica a concelleira Fraga.

Ao fío, a concelleira de Facenda, Eugenia Vieito, indicou que, a estas alturas do ano, o Concello "dispón de cinco prazas de novo acceso para o corpo de Policía Local que poderían ser convocadas pola Agasp no caso de que finalmente se leve a cabo a delegación de competencia". "Se non se pode, polo momento, optar a máis prazas é pola incapacidade que está a manifestar o goberno central para poder sacar adiante a súa Lei de Orzamentos xerais. A pesar de existir un acordo xa entre o goberno local e os sindicatos, non podemos iniciar os procesos selectivos ligados a oferta pública de emprego deste 2018 debido á situación estatal", comentou a responsable municipal.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión