Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

21 de febreiro de 2019

Rocío Fraga destaca “a diversidade e eficiencia” do traballo que desempeña servizo de Bombeiros, que atendeu 1.649 incidencias durante 2018

A concelleira con competencias de Seguridade Cidadá salientou, na presentación da Memoria de actuación do servizo, o incremento de actuacións derivadas das choivas, así como o lixeiro repunte en incendios urbanos, fronte á caída dos de carácter forestal

A concelleira de Igualdade e Diversidade, coas competencias de Seguridade Cidadá, Rocío Fraga, presentou este xoves a Memoria de actuacións dos Bombeiros da Coruña correspondente ao ano 2018. A responsable municipal destacou o labor deste corpo municipal "que, unha vez máis, deixou patente que realiza un servizo público de coidado á cidadanía que excede os límites do municipio, xa que en moitas ocasións presta apoio a concellos que non contan cos medios suficientes". Así, ao longo do pasado ano, o servizo de Bombeiros realizou 1.649 actuacións, case un 4% menos que en 2017, cando as intervencións chegaron a 1.715. "A súa natureza é diversa, se ben, destacan as actuacións para sufocar incendios de carácter urbano, que se incrementan de 229 en 2017 a 262 o pasado ano, en contraposición dos lumes forestais, que experimentaron unha baixada, rexistrándose 31 actuacións fronte ás 43 do exercicio anterior", comentou. O balance tamén arroxa unha suba nas intervencións que teñen que ver coas consecuencias da choiva e os temporais que experimentou á cidade, sobre todo, nos meses de marzo e abril e de outubro e novembro. O número de accións levadas a cabo pasou de 18 a 55 nun ano.

Fraga, que na rolda de prensa estivo acompañada polo coordinador de Seguridade Cidadá, Carlos García Touriñán, destacou, ademais, os tempos de resposta do servizo de Bombeiros. Do total de intervencións que se produciron o ano pasado, 294 tiñan consideración de urxentes. No 69,15% das mesmas, o tempo de chegada ao sinistro foi menor de 8 minutos, "unha ratio moi destacable, que dá mostra da profesionalidade do equipo de extinción de incendios e salvamento". Por outro lado, salienta o venres e o sábado como os días da semana nos que se producen máis incidencias que teñen que ser atendidas por Bombeiros.

A titular de Seguridade Cidadá tamén quixo recoñecer o labor que desempeña, dentro do servizo de Bombeiros, o grupo de rescate acuático, que durante o pasado ano levou a cabo, entre outras actuacións destacadas, a busca da moza ourensá desaparecida nas augas do Orzán. Ao fío, a concelleira salientou que "ao longo de 2018, afortunadamente, os Bombeiros lograron rescatar a 44 persoas en actuacións de emerxencia". Deste total, 10 persoas estiveron implicadas en accidentes acuáticos, outra decena foran rescatadas en casos relacionados con incendios urbanos e 3 en accidentes de circulación.

Prevención

Tanto Fraga como Touriñán puxeron de relevo o esforzo realizado ao longo do pasado nas actividades de prevención. En 2018 celebrouse a 13ª edición consecutiva da semana da Prevención, que trata de achegar consellos de seguridade a toda a cidadanía e na que se atenderon a máis de 1.300 veciñas e veciños. Pero, ademais destas actividades puntuais, realizáronse máis de 500 actividades de formación en prevención nas que se investiron 5.513 horas. "Destacan neste ámbito as actuacións nos centros escolares da contorna. De feito, leváronse a cabo 111 actividades en distintos centros educativos, nos que se atenderon a 2.696 alumnas e alumnos", comentou a concelleira, que tamén chamou a atención sobre as visitas de escolares ao Parque de Bombeiros, que chegaron a 130 ao longo de todo ao ano.

Investimentos

O orzamento anual co que conta o servizo de Bombeiros da Coruña supera o millón de euros. En 2018 completouse unha das fases máis importantes da renovación e mellora da rede de hidrantes, na que se investiron 120.000 euros. Fraga indicou que "as actuacións de mellora continuarán ao longo deste ano debido á importancia que ten esta rede, que garante o correcto desenvolvemento do traballo deste servizo". Por outro lado, tanto en 2018 como este 2019 os Bombeiros da Coruña continúan co seu programa para a instalación de detectores de fume nos domicilios de persoas en situación de vulnerabilidade. Estes detectores están directamente conectados coa centraliña de bombeiros, de forma que as intervencións, no caso de ser precisas, poden levarse a cabo sen necesidade de que exista un aviso por parte dos e das habitantes destes domicilios.

Por outro lado, e en canto á renovación e adquisición de novos equipamentos, en 2018, o corpo de Bombeiros adquiriu un total de 4 vehículos lixeiros destinados a modernizar a flota actual, ademais dunha autoescaleira de 18 metros, máis moderna e adaptada ás necesidades do servizo.  Entre os gastos acometidos tamén destacan os destinados a incrementar os equipamentos do grupo de rescate acuático, así como os que emprega o servizo nos supostos de traslado e acompañamento de mercadorías perigosas. Con respecto aos investimentos que se prevé acometer este exercicio, Fraga manifestou a intención de incorporar ao servizo un novo vehículo de primeira saída, así como unha embarcación para o grupo de rescate, "ademais de continuar coa renovación dos equipos de protección persoal".

Por último, Fraga salientou que o pasado ano "se logrou acadar un acordo de persoal que mellorará a calidade deste servizo de forma notable, así como as condicións laborais dos e das traballadoras do mesmo". "Con este acordo logramos resolver demandas históricas como o incremento do persoal mínimo de quenda, que pasa de 11 a 15 efectivos e permite, polo tanto, a realización de dúas saídas completas, se fose necesario, en situación de seguridade", dixo,  á vez que destacou que o acordo "tamén dá solución a outra das demandas máis xustas e lexítimas do corpo", como é o paso da categoría administrativa C2 a C1 "que arrastra, ao ser un corpo xerarquizado, o paso dos mandos que actualmente teñen categoría C1 a B ou A2". "Até o de agora, a falta de lexislación estatal e autonómica mantiña aos bombeiros nunha das categorías máis baixas da administración desde hai anos", salientou. A memoria de actuacións está dispoñible para a súa descarga na dirección web: http://www.coruna.gal/seguridadecidada/gl/bombeiros

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión