Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

27 de marzo de 2018

SERVIZOS PRESTADOS POLA POLICÍA LOCAL

Dende as 07.00 horas do 23 de marzo até as 07.00 horas do 27 de marzo do 2018

CONTROL DE NORMAS DE CONVIVENCIA

- A Patrulla Verde da Policía Local denunciou á propietaria dun can de raza potencialmente perigosa que se escapara do seu domicilio e atacara a outro can, provocándolle a morte. Os feitos ocorreron o 13 de marzo, cando o animal, nun descoido da súa dona, accedeu á vía pública sen boceira, sen correa e sen ninguén que o custodiase e atacou a outro can que se atopaba atado no exterior dunha tenda mentres o seu propietario realizaba unhas compras. A dotación incautou e ordenou o traslado do can agresor ao Centro de Protección Animal, como medida cautelar de seguridade cidadá. No seu informe, a Patrulla Verde denunciou á propietaria do animal por catro infraccións: non adoptar as medidas necesarias para evitar que o can se escapase, poñendo en perigo a quen convive na súa contorna; circular cun can destas características sen boceira e sen correa; carecer de licenza municipal para pasear a este tipo de razas; non ter inscrito ao can no rexistro municipal. De todo isto deuse traslado á área de Medio Ambiente municipal, que remitirá unha parte destas infraccións á Consellería de Medio Ambiente, por ser da súa competencia.

- Na tarde do 23 de marzo, unha patrulla da Policía Local identificou a unha muller, de 55 anos, e ao home que lle acompañaban, por cortar ramas de árbores, unhas oliveiras, e introducilas no interior dun vehículo na rúa Revolución Francesa. Ambos foron denunciados por infrinxir a Ordenanza municipal de convivencia e lecer.

- Ás 03.55 horas do 25 de marzo, unha dotación tramitou unha denuncia aos moradores dunha vivenda da rúa Jacinto Benavente por celebrar unha festa con música a un elevado volume, perturbando o descanso da veciñanza e infrinxindo así a Ordenanza municipal de protección contra a contaminación acústica.

AUXILIO Á CIDADANÍA

- Ás 11.48 horas do 23 de marzo, unha patrulla foi comisionada pola Sala do 092 para que se trasladase ao Campo de Marte, onde unha persoa se desvanecera. Xa no lugar, a dotación localizou a un home tendido no chan ao que o persoal da Cruz Vermella lle estaba a realizar manobras de RCP. A patrulla proseguiu coa reanimación do home, de 91 anos, grazas ao desfibrilador que levaba no vehículo policial (DESA) e conseguiu manterlle as constantes vitais ata a chegada dunha ambulancia medicalizada do 061, que conseguiu estabilizalo.

DETIDO POR AGRESIÓN

- Ás 05.55 horas do 24 de marzo, unha dotación foi comisionada para que se trasladase ao Cantón Pequeno, onde ao parecer, uns mozos estaban a agredir a outro. Cando chegou ao lugar, a patrulla localizou a un grupo de mozos, que ao detectar a presenza policial, fuxiu en dirección saída da cidade, e viu como un deles propináballe unha patada a outro que estaba no chan. Un dos axentes quedou coa vítima, un mozo de 20 anos, que presentaba lesións visibles na zona labial, polo que solicitou unha ambulancia. E o outro axente, perseguiu ao agresor ata conseguir alcanzalo na zona do Obelisco. Este mozo manifestou que non fora el o causante das lesións, se non un amigo seu que se negou a identificar. O agredido recoñeceuno como o seu agresor, polo que este mozo de 20 anos, foi detido e posto a disposición xudicial por un delito de lesións. Unha testemuña dos feitos manifestou que foran dous os agresores, o detido e outro, continuando a Policía Nacional coa investigación da identificación do outro agresor.

INTERVENCIÓNS EN MATERIA DE SEGURIDADE VIARIA

- Un condutor foi denunciado por estar implicado nun accidente de tráfico, sen feridos, da clase "contra obstáculo fixo" e por darse á fuga. Do accidente, que tivera lugar entre as 11.30 e as 12.30 horas do 26 de marzo, tívose coñecemento pola denuncia do propietario dun dos vehículos que estaba estacionado na rúa Rosalía de Castro, ao cal o outro vehículo, un Renault Captur rompéralle un espello. O equipo de Atestados localizou e requeriu ao condutor causante dos danos para que prestase declaración en relación con estes feitos.

- Ás 09.00 horas do 26 de marzo, unha patrulla interceptou un vehículo que circulaba en dirección contraria no lugar de Palavea. O condutor non obtivera nunca o permiso de conducir, polo que foi denunciado ao xulgado de garda por un delito contra a seguridade viaria. Así mesmo, o condutor arroxou uns resultados positivos nas probas de alcoholemia (0,49 mg/l e 0,49 mg/l), polo que foi denunciado administrativamente cunha multa de 1.000 € e 6 puntos.

- Ás 11.00 horas do 26 de marzo, un condutor deu positivo en anfetaminas nun control de drogo-alcoholemia no Paseo Marítimo. O condutor, un home de 44 anos, foi sancionado cunha multa de 1.000 € e 6 puntos de retirada do permiso de condución. O vehículo foi inmobilizado e trasladado ao depósito municipal.

- Ás 20.15 horas do 26 de marzo, o condutor dun vehículo denunciou que o 9 de marzo, ás 11.30 horas, na entrada do aparcadoiro de Matogrande, na rúa Enrique Mariñas, un turismo, da marca BMW, chocara contra o seu turismo, un AUDI A5, sen deterse para facilitar os seus datos. O equipo de Atestados localizou ao presunto causante do accidente de tráfico sen feridos da clase "raspado" e espérase que compareza en dependencias policiais para o esclarecemento dos feitos.

- Ás 22.30 horas do 26 de marzo, unha dotación detectou un turismo circulando de maneira errática pola rúa Vereda da Polvorín. O condutor deste vehículo arroxou uns resultados positivos nas probas de alcoholemia (1,14 e 1,10 mg/l), polo que foi denunciado ao xulgado por un delito contra a seguridade viaria. O vehículo foi inmobilizado e trasladado ao depósito municipal.

- Ás 23.50 horas do 26 de marzo, un condutor que cirbulaba pola avenida Fernández Latorre, arroxou uns resultados positivos nas probas de alcoholemia (0,41 e 0,38 mg/l) polo que foi sancionado administrativamente con 1.000 € e a retirada de 6 puntos no seu permiso de conducir. O vehículo foi inmobilizado e trasladado ao depósito municipal como medida cautelar de seguridade viaria.

- Ás 00.10 horas do 27 de marzo, o condutor dun vehículo, que circulaba pola avenida dos Mallos dun xeito irregular, arroxou uns resultados positivos nas probas de alcoholemia (0,83 e 0,87 mg/l), polo que foi denunciado ao xulgado por un delito contra a seguridade viaria. O vehículo foi inmobilizado e trasladado ao depósito municipal.

- Ás 01.50 horas do 27 de marzo, un condutor que circulaba pola rúa Juan Flórez, arroxou un resultado positivo en cocaína nas probas de drogas polo que foi sancionado administrativamente con 1.000€ e a retirada de 6 puntos no seu permiso de conducir. O vehículo foi inmobilizado e trasladado ao depósito municipal.

- Ás 03.30 horas do 27 de marzo, unha patrulla deu o alto na avenida de Arteixo a un vehículo ao que lle figuraba a ITV caducada e comprobou a falta de vixencia do permiso do condutor, pola perda total dos puntos asignados legalmente. O condutor foi denunciado ao xulgado por un delito contra a seguridade viaria e o vehículo foi inmobilizado e trasladado ao depósito municipal.

- Ás 05.10 horas do 27 de marzo, un condutor arroxou uns resultados positivos nas probas de alcoholemia (0,66 e 0,62 mg/l), realizadas na avenida Pedro Barrié de la Maza, polo que foi sancionado administrativamente con 1.000 € e coa retirada de 6 puntos no seu permiso de conducir. O vehículo foi inmobilizado e trasladado ao depósito municipal.

- Ás 05.45 horas do 27 de marzo, unha dotación deu o alto a un vehículo que circulaba por unha zona prohibida da rúa Orzán, á altura do número 196. O condutor, un home de 32 anos, arroxou uns resultados positivos nas probas de alcoholemia (0.89 e 0.85 mg/l), polo que se lle tramitaron dilixencias ao xulgado de garda por un delito contra a seguridade viaria. O vehículo que conducía, un AUDI A3, foi inmobilizado e trasladado ao depósito municipal, como medida cautelar de seguridade viaria.

CONTROIS PREVENTIVO- DISUASORIOS DE SEGURIDADE CIDADÁ

- Ás 01.20 horas do 25 de marzo, unha dotación indentificou a un home, de 48 anos, na confluencia das rúas Juan Flórez e Alfonso Molina, por faltar ao respecto e consideración á patrulla no exercicio das súas funcións. Tamén se lle interveu unha arma branca e unha porción dunha substancia, posiblemente marihuana, polo que foi denunciado por dúas infraccións á Lei de protección da seguridade cidadá, ao portar unha substancia e un obxecto prohibido nun espazo público.

- Ás 00.40 horas do 25 de marzo, unha patrulla denunciou a dous menores, de 14 e 17 anos, aos que se lles interveu dúas porcións de haxix, infrinxindo así a Lei de protección de seguridade cidadá.

- Ás 06.20 horas do 25 de marzo, unha patrulla denunciou a un mozo, de 21 anos, que estivera implicado nunha pelexa na rúa Cordelería, ao incautárselle unha porción de haxix, infrinxindo así a Lei de protección de seguridade cidadá.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión