Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

25 de xuño de 2018

SERVIZOS PRESTADOS POLA POLICÍA LOCAL

Dende as 07.00 horas do 21 de xuño até as 07.00 horas do 24 de xuño do 2018

DETIDO POR ROUBO CON FORZA NO INTERIOR DUN VEHÍCULO

- Ás 00.50 horas do 22 de xuño, unha patrulla da Policía Local, tras ser comisionada pola Sala Operativa do 092, trasladouse ao cruzamento das rúas Alcalde Liaño Flores e Antonio Pedreira Ríos, onde un mozo acababa de romper o portelo dun vehículo, ausentándose do lugar á carreira. Xa no lugar, a dotación localizou un vehículo estacionado cos cristais dos dous portelos dianteiros e un dos traseiros fracturados. Nunha batida pola zona, detectaron a un mozo que coincidía coas características achegadas polo requirinte do servizo, que presentaba uns cortes nas mans, e que portaba tres desaparafusadores e unha navalla. O home, de 42 anos recoñeceu que rompera os cristais do vehículo para roubar no interior, feitos confirmados por dúas testemuñas que foron identificados no lugar pola dotación policial. O home foi detido e trasladado ás dependencias policiais por un delito de roubo con forza. Tras realizar varias xestións foi localizada a propietaria do vehículo que se trasladou ao lugar.

DETIDA POR DESOBEDIENCIA/RESISTENCIA A AXENTES DA AUTORIDADE

- Ás 03.15 horas do 22 de xuño, unha patrulla detivo á acompañante dun condutor ao cal se lle estaba a realizar a proba de alcoholemia na confluencia da avenida de Arteixo coa Rolda de Nelle. Durante a intervención policial, o condutor do vehículo mostrouse en todo momento colaborador coa dotación, aínda que a súa acompañante insultou e a ameazou de forma grave aos policías durante toda a intervención policial. Unha vez realizadas as probas ao condutor, que arroxou unha taxa positiva, ao non poder continuar conducindo e ao non poder ninguén facerse cargo do vehículo, solicitouse a presenza dun guindastre para inmobilizar e retirar o vehículo ao Depósito municipal. Nese intre, a acompañante abalanzouse sobre un dos axentes e propinoulle un golpe na cabeza polo que foi reducida, mentres opoñía unha forte resistencia. A detida, unha muller de 35 anos, foi trasladada ás dependencias policiais, onde se lle tramitou denuncia por un delito de desobediencia/resistencia grave a axentes da autoridade no exercicio das súas funcións.

CONTROIS PREVENTIVO-DISUASORIOS DE SEGURIDADE VIARIA

- Ás 01.40 horas do 22 de xuño, unha dotación deste corpo deu o alto a un ciclomotor e comprobou que o seu condutor, un mozo de 19 anos, non obtivera a autorización administrativa para conducir, polo que se lle tramitaron dilixencias ao Xulgado de Garda por un delito contra a seguridade por conducir un vehículo a motor carecendo de autorización administrativa. O vehículo que conducía, da marca e modelo Gilera Runner 50, foi inmobilizado e retirado para o Depósito municipal como medida cautelar de seguridade viaria.

- Ás 02.34 horas do 22 de xuño, unha dotación deu o alto a un turismo na avenida de Arteixo. O condutor, un home de 42 anos, arroxou uns resultados positivos (0,83 e 0,78 mg/l) nas probas ás que foi sometido, polo que se lle tramitaron dilixencias ao Xulgado de Garda por un delito contra a seguridade viaria. O vehículo que conducía, da marca e modelo Skoda Fabia, foi inmobilizado e retirado ata o Depósito municipal como medida cautelar de seguridade viaria.

- Ás 04.47 horas do 22 de xuño, unha dotación deu o alto a un turismo na rúa Federico García, e detectou que o condutor presentaba evidentes signos de acharse baixo os efectos de bebidas alcohólica. O home, de 33 anos, arroxou uns resultados positivos (0,94 e 0,95 mg/l) nas probas practicadas, polo que se lle tramitaron dilixencias ao Xulgado de Garda por un delito contra a seguridade viaria. Do vehículo que conducía, da marca e modelo Nissan Pulsar, fíxose cargo un coñecido do condutor habilitado e en condicións normais para conducir.

- Ás 14.08 horas do 22 de xuño, produciuse un accidente de circulación sen feridos, da clase "contra obstáculo fixo" na Estrada de Pocomaco, á altura da gasoliñeira. No sinistro estivo implicado un único turismo, conducido por un home de 57 anos, que golpeou contra un farol. O condutor, presentaba signos evidentes de acharse baixo a influencia de bebidas alcohólicas, polo que foi sometido ás probas correspondentes e arroxou uns resultados positivos (0,46 e 0,44 mg/l), polo que se lle tramitaron dilixencias ao Xulgado de Garda por un delito contra a seguridade viaria por conducir un vehículo a motor e dar positivo en proba de alcoholemia, estando implicado nun accidente de circulación. O vehículo que conducía, un Toyota Corolla Verso, foi inmobilizado no lugar do accidente como medida cautelar de seguridade viaria.   

- Ás 07.50 horas do 23 de xuño, unha patrulla deu o alto a un vehículo na rúa da Torre, 56 e detectou que o seu condutor presentaba signos de acharse baixo os efectos de bebidas alcohólica. O condutor, un home de 34 anos, arroxou uns resultados positivos (0,89 e 0,85 mg/l), polo que se lle tramitaron dilixencias ao Xulgado de Garda por un delito contra a seguridade viaria. Do vehículo que conducía fíxose cargo un familiar do condutor.

A NOITE DE SAN XOÁN CON MENOS INCIDENCIAS DE SEGURIDADE CIDADÁ QUE SE LEMBRA

A Policía Local agradece á cidadanía o seu civismo na noite de San Xoán na que se despregou o maior operativo policial da súa historia. No operativo, que comezou ás 22.00 horas do 22 e se despregou até ás 15.00 horas do 24 de xuño, participaron preto de 130 axentes distribuídos nos distintos areais da cidade e no Paseo Marítimo de Riazor. A información facilitada polas cámaras de vixilancia e os policías camuflados permitiron que as unidades uniformadas neutralizasen todas as incidencias, pelexas e situacións de risco dende os seus inicios. Cabe salientar o respecto no cumprimento do Bando municipal e das ordes dos axentes da Policía Local e advertencias dos vixiantes de seguridade de apoio.

Ás 23.00 horas do 22 de xuño, foi denunciado un home por retirar uns 20 metros de valado na zona do paseo marítimo á altura da praza de Portugal, infrinxindo así a Lei de protección da seguridade cidadá, o que pode levar aparellada unha sanción de até 600 euros. Así mesmo, tramitouse denuncia a un mozo que saltou desde o muro de formigón do paseo marítimo sobre os baños provisionais da Praia do Orzán, aboiando o teito dun deles e infrinxindo así a Ordenanza de convivencia e lecer, o que podería carrexarlle unha sanción de 300 euros.

AUXILIO Á CIDADANÍA

- Ás 03.40 horas do 24 de xuño, unha dotación policial, tras recibir aviso a través da Sala operativa do 092, trasladouse até a rúa Orquestra Sinfónica de Galicia, onde unha ambulancia da Cruz Vermella solicitara colaboración porque unha persoa de idade avanzada que vivía soa, sufrira unha caída no interior do seu domicilio e precisaba asistencia. Xa no lugar, coa colaboración dun cerralleiro, accederon ao interior da vivenda e auxiliaron a unha muller de 84 anos que caera ao chan do seu dormitorio.

DETIDO POR DESOBEDIENCIA E RESISTENCIA A AXENTES DA AUTORIDADE

-Ás 05.10 horas do 24 de xuño, a Sala Operativa do 092 requiriu unha patrulla da Policía Local para que se trasladase aos Xardíns de Méndez Núñez onde unha persoa estaba a causar molestias nun establecemento público. Xa no lugar, a dotación identificou á persoa que requirira o servizo, quen explicou como un mozo fixera caso omiso cando lle dixera que non podía acceder xa ao local porque ían pechar. A patrulla entrevistouse co mozo, de 31 anos, que estaba nas inmediacións, pero decidiu finalizar a intervención, a pesar da actitude agresiva que amosaba o mozo, xa que o requirente non quixo presentar denuncia. Cando a dotación dispoñíase a entrar no vehículo policial, o mozo interpúxose e impediulle pechar a porta. A patrulla requiriulle até en tres ocasións que depuxese a súa actitude e informoulle das consecuencias dos seus actos, pero ante a súa negativa, foi detido e denunciado por un suposto delito de resistencia aos axentes da autoridade, quedando a disposición xudicial nos calabozos policiais.

DENUNCIADOS DOUS MOZOS POR FURTO DE OBXECTOS NOS AREAIS DO ORZÁN

- ÁS 06.40 horas do 24 de xuño, o posto de mando avanzado do dispositivo especial de San Xoán requiriu a unha patrulla da Policía Local que realizaba os seus labores de paisano para que se trasladase á Praia do Orzán, á altura de rúa Sol, onde uns mozos estaban a furtar teléfonos móbiles. Unha vez no areal, un compoñente de Protección Civil sinalou á patrulla os supostos mozos que estaban a furtar os teléfonos móbiles. A dotación, tras identificar aos dous mozos, de 35 e 18 anos, pediulles que lles acompañasen ao paseo marítimo, pero durante o traxecto, un dos mozos deixou caer na area dous teléfonos móbiles, que foron recollidos por un dos axentes. A patrulla localizoulles aos mozos, nun cacheo superficial, outros dous móbiles, unha batería externa e un cartón Visa a nome dunha muller. Mentres, unha dotación uniformada da Policía Local, entrevistouse cun grupo de mozos que foron testemuñas de como dúas persoas, que coincidían coas características dos mozos, roubáranlles unha cantidade pequena de diñeiro e un cartón Millenium que estaban na funda dun dos teléfonos móbiles achados tras o cacheo superficial aos identificados. Por todo isto, compareceuse nas dependencias do Corpo Nacional de Policía para dar conta do acaecido e facer entrega dos obxectos. Os autores quedaron a disposición xudicial por un delito de furto continuado.

INCIDENCIAS DURANTE A QUENDA DE NOITE

- Colaboración con Bombeiros na rúa Manuel Deschamps por contedor ardendo

- Colaboración co 061 na Ronda de Nelle, 72 onde unha persoa inxerira unha alta dose de medicamentos.

- Agresión nun establecemento de ocio en Paseo de Ronda e informe por carecer de follas de reclamación.

- Acta por infracción da Orde 4/2015 ao exhibir armas ou instrumentos perigosos na rúa Orzán, 93.

- Colaboración con Bombeiros na rúa Posse por caída de cascotes.

- Danos na zona axardinada por un vehículo accidentado na avenida de Nueva York.

- Colaboración con Bombeiros na Área Canina do Barrio das Flores, por mor dunhas ramas con risco de caída.

- Colaboración con Cruz Vermella por unha persoa que caera no seu domicilio do sexto andar da rúa Orquestra Sinfónica de Galicia, 8.

- Danos en vehículo na rúa Pérez Lugín, 12.

- Colaboración con Bombeiros na rúa San Roque de Fóra no rescate dunha persoa que caera sobre unhas rochas.

- Colaboración con Bombeiros nunha intervención na AP-9, aínda que finalmente o aviso foi negativo.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión