Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

10 de decembro de 2018

SERVIZOS PRESTADOS POLA POLICÍA LOCAL

Dende as 07.00 horas do 3 de decembro até as 07.00 horas do 10 de novembro

DETIDO POR UN DELITO DE LESIÓNS NO ÁMBITO FAMILIAR

Ás 15:14 horas do día 4, unha dotación policial, que foi requirida a través da Sala do 092, trasládase a unha vivenda da zona do Agra do  Orzan onde, segundo a chamada, estaba a producirse un episodio de malos tratos no ámbito familiar. Unha vez no lugar, a dotación policial atópase a catro mulleres, unha delas no sofá, sangrando abundantemente pola cara. Tamén hai restos de sangue polo corredor da vivenda. Tras entrevistarse cunha irmá da agredida, esta manifesta que, minutos antes, tiveran unha discusión entre ela, a agredida e a súa nai co marido da súa outra irmá, chegando este a golpear á muller que presentaba feridas cunha cadeira metálica no rostro. Tras isto, abandonou a vivenda. O relato foi confirmado polas outras mulleres presentes no lugar. Tras realizar varias xestións telefónicas conséguese que o presunto agresor acuda ao domicilio indicando e recoñecendo que tivera unha discusión coas súas cuñadas e a súa sogra, pero que "somentes se defendera". A Policía solicitou a presenza dunha ambulancia, acudindo ao lugar unha medicalizada do 061,  que trasladou á muller ferida ao CHUAC, ante as evidencias dunha posible fractura do tabique nasal. Por iso procedeuse á detención do presunto agresor, informándolle dos motivos da mesma, así como os dereitos que lle asisten conforme á Lexislación Vixente. Trátase dun home de 37 anos de idade e veciño desta cidade. Foi denunciado ante o xulgado de garda por un delito de lesións no ámbito familiar.

DETIDOS POR VIOLENCIA DE XÉNERO

Ás 13:30 horas do día 3, unha dotación da Policía Local foi comisionada para que se trasladasen á zona de Riazor debido a que nunha vivenda unha muller fora agredida pola súa  ex parella. Á chegada dos axentes ao portal do edificio, atopáronse coa requirente que lles informou que, cando subía ao domicilio da súa ex parella, a recoller á filla menor, comezaron a discutir, chegando o home a agarrala polos pelos en presenza do bebé. A muller baixou ao portal coa súa filla, chamando á Policía. Tamén ensinou unha gravación no teléfono móbil das ameazas da súa  expareja. Cando os axentes se dirixían ao domicilio do agresor, atópanse a este baixando polas escaleiras, corroborando o relatado pola muller. Os axentes procederon á súa detención, comunicándolle o motivo da mesma e os dereitos que lle asistían de forma verbal, sendo a vítima trasladada nunha ambulancia do 061 a un centro médico. O detido é un home de 32 anos de idade e veciño da Coruña que foi trasladado polos axentes á Casa do Mar para recoñecemento médico, e posteriormente a dependencias policiais quedando custodiado nos calabozos a disposición xudicial por un delito de violencia de xénero.

Ás 09:41 recibiuse unha chamada na sala operativa do 092 informando da agresión a unha muller na avenida de Alfonso Molina, praza Cabanas. Ao lugar desprazouse unha dotación da Policía Local que foi requirida pola vítima, unha muller de 22 anos de idade e domicilio neste concello, a cal manifestou aos axentes que cando saíu da casa onde traballa para pasear ao can dos donos, o seu ex noivo abordouna e propinoulle unha puñada na cabeza para, posteriormente, darlle outra cando ían camiñando. Esta agresión foi presenciada por unha testemuña, identificada posteriormente, o cal reprochou ao agresor o seu acto e informou de que chamaría á policía, provocando que o agresor fuxise do lugar. A vítima  manifestou aos policías que a súa ex parella xa estivo detida polos mesmos feitos. A vítima rexeitou atención médica, manifestando que se desprazaría despois do traballo a un centro sanitario e lle facilitou aos axentes o número de teléfono do agresor. Os policías puxéronse en contacto telefónico co agresor, o cal manifestou que se atopaba en estado de embriaguez e que se aproximaría a falar cos axentes sobre os feitos, presentándose aos 40 minutos no lugar. Alí manifestou que foi a pedirlle as chaves de casa para retirar as súas pertenzas da mesma, negándose a vítima, tendo unha discusión por ese motivo. Por todo iso, e valorado as circunstancias concorrentes, os axentes procederon á súa detención, sendo informado do motivo da mesma e dos dereitos que lle asisten. Posteriormente quedou custodiado en dependencias policiais a disposición xudicial, sendo denunciado por un delito de violencia de xénero.

DETIDO POR UN DELITO DE ROUBO CON VIOLENCIA

Ás 04:15 horas da madrugada do día 4, unha dotación da Policía Local foi comisionada para que se trasladasen á avenida. dos Mallos, onde se estaba producindo unha pelexa. Cando chegaron, os axentes entrevístanse co requirente, que lles manifesta que se viu involucrado nunha pelexa con outras persoas e que, no transcurso, unha delas  aproveitou para subtraerlle o teléfono móbil, quitándollo das mans. O solicitante presentaba un golpe nos beizos, que lle sangraban. Posteriormente ao relato, sinalou aos axentes a uns mozos como autores do roubo. Cando se aproximan a estes, observan como un deles oculta tras un vehículo un obxecto, que resultou ser un teléfono o cal foi identificado pola vítima como da súa propiedade. Os axentes procederon á detención da devandita persoa, sendo informada do motivo da mesma e os dereitos que lle asisten e sendo trasladado á Casa do Mar para recoñecemento médico e, logo, a dependencias policiais. O detido é un mozo de 19 anos de idade con domicilio nesta cidade. Foi denunciado por un delito de roubo con violencia, quedando a disposición xudicial nos calabozos policiais.

SEGURIDADE VIARIA

Un condutor foi denunciado por dar positivo en proba de drogas (administrativa). Foi detectado ás 21:40 horas en rúa  Suevia, cando unha dotación deste corpo deu o alto a un turismo, cuxo condutor, un home de 22 anos, arroxou un resultado positivo en drogas pola presenza de cocaína e cannabis no organismo, motivo polo que podería ser sancionado con 1.000€ de multa e a retirada de 6 puntos.

Un accidente de circulación da clase "atropelo" ocorrido ás 11:15 horas na rúa Agra de Bragua con  Alfredo Tella, cando o condutor dun vehículo turismo da marca e modelo Toyota Ravy, atropelou a unha  peatona de 77 anos de idade, cando cruzaba a calzada por un paso peonil. A muller foi trasladada ao Hospital Modelo por unha ambulancia do 061 para ser atendida das súas lesións.

DETIDO POR ROUBO CON FORZA

Ás 15:45 horas do día 6, unha dotación da Policía Local foi comisionada pola Sala do 092 para que se trasladase a un inmoble da zona de Riazor, onde se estaba a producir unha pelexa. Á chegada dos axentes, estes entrevístanse coa  requirente, quen lles manifesta que sorprendera a un mozo que vive no edificio colindante saíndo do seu rocho con dous televisores, deixándoos no chan no momento que a requirente recriminalle os feitos. A muller tamén bota en falta unha bicicleta do seu marido. Os axentes diríxense á vivenda do autor dos feitos, quen recoñece os feitos entregándolles a bicicleta, e proceden á súa detención, sendo trasladado á Casa do Mar para recoñecemento médico e logo a dependencias policiais quedando a disposición xudicial custodiado nos calabozos policiais por un delito de roubo con forza en vivenda. O detido é un mozo de 27 anos con domicilio nesta cidade.

DETIDO POR DANOS INTENCIONADOS NUN ESTABLECEMENTO PÚBLICO E NUN  VEHICULO ESTACIONADO E POR RESISTENCIA GRAVE A AXENTES DA AUTORIDADE NO EXERCICIO DAS SÚAS FUNCIÓNS

Ás 14:30 horas do día 6, unha dotación da Policía Local foi comisionada pola Sala do 092 para que se trasladase á rúa Cordelería, onde un home moi alterado estaba a causar problemas nun local de hostalería. Á chegada dos axentes, estes observan a varias persoas tratando de conter a un home que estaba fóra de si, sendo informados que estye tomara unha consumición e, á hora de abonala, non estaba conforme co importe da devolución, iniciando así unha forte discusión coa dona do local e ameazando de morte tanto á muller como aos alí presentes, para a continuación romper un biombo cun taburete, saíndo ao exterior do local causando danos nun vehículo estacionado. Ante tal estado, os axentes tentan falar con el, que non atende a razóns. Négase a ser identificado e intenta abandonar o lugar, momento no que é agarrado polos axentes e inicia unha discusión con eles, chegando a lanzar puñadas contra os policías, polo que proceden á súa inmediata detención. O home foi traslado por unha dotación a recoñecemento médico e logo a dependencias policiais, quedando a disposición xudicial sendo denunciado por un concurso de delitos de danos a particulares e resistencia grave a axentes da autoridade no exercicio das súas funcións. O detido, un home de 51 anos e veciño de Pontevedra, tanto no traxecto ao Centro Médico como posteriormente a dependencias policiais continuou proferindo insultos de todo tipo e ameazas de morte aos axentes.   

TRES CONDUTORES DENUNCIADOS POR DELITOS CONTRA A SEGURIDADE VIARIA POR CHOCAR TODOS ELES CONTRA  VEHICULOS ESTACIONADOS NA PRAZA DE OURENSE

- Un condutor denunciado ante o xulgado de garda por un delito contra a seguridade viaria por conducir baixo os efectos de bebidas alcohólicas, estando implicado nun accidente de circulación sen feridos da clase "choque contra obstáculo fixo" ocorrido ás 01:40 horas na Praza de Ourense, no que se viron implicados dous vehículos da clase turismo. O condutor foi denunciado ao dar positivo nas probas de alcoholemia ás que se someteu, cun resultado de 0,52 e 0,53mg/ l.. O vehículo foi inmobilizado e trasladado ao depósito municipal como medida cautelar de seguridade viaria.- Un condutor denunciado ante o xulgado de garda por un delito contra a seguridade viaria por conducir baixo os efectos de bebidas alcohólicas estando implicado nun accidente de circulación sen feridos da clase "choque contra obstáculo fixo" ocorrido ás 02:25 horas na Praza de Ourense no que se viu implicado un vehículo da clase turismo. O condutor foi denunciado ao dar positivo nas probas de alcoholemia ás que se someteu, cun resultado de 0,65 e 0,68 mg/ l. O vehículo foi inmobilizado e trasladado ao depósito municipal como medida cautelar de seguridade viaria.- Un condutor denunciado ante o xulgado de garda por un delito contra a seguridade viaria por conducir baixo os efectos de bebidas alcohólicas estando implicado nun accidente de circulación sen feridos da clase "choque contra obstáculo fixo" ocorrido ás 05:00 horas na Praza de Ourense, no que estaba implicado un só vehículo da clase turismo. O condutor foi denunciado ao dar positivo nas probas de alcoholemia ás que se someteu, cnn resultado de 0,67 e 0,64mg/ l. O vehículo foi inmobilizado e trasladado ao depósito municipal como medida cautelar de seguridade viaria.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión