Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

4 de abril de 2019

SERVIZOS PRESTADOS POLA POLICÍA LOCAL

Dende as 07.00 horas do 26 de marzo até as 07.00 horas do 4 de abril do 2019

DETIDO POR LESIÓNS NO ÁMBITO FAMILIAR

- Ás 22.40 horas do 25 de marzo, unha patrulla da Policía Local trasladouse a un domicilio do barrio de Matogrande, onde se estaba a producir unha forte discusión, segundo denunciou un veciño do inmoble. A dotación entrevistouse cos tres irmáns que residían nesta vivenda que explicaron como, nunha discusión, un deles agredira a outro cun prato, provocándolle feridas que precisaron de puntos de sutura. O causante das lesións, un mozo de 18 anos, foi detido e trasladado a dependencias policiais, onde se lle tramitou denuncia por un delito de violencia doméstica con resultado de lesións.

DETIDO POR DANOS INTENCIONADOS EN VEHÍCULOS ESTACIONADOS

- Ás 06.30 horas do 26 de marzo, unha patrulla detectou como un mozo estaba a golpear un ciclomotor e unha motocicleta que se atopaban estacionados á altura do número 201 da avenida Fisterra. Ao pedirlle que se identificase, o home reaccionou dun xeito violento e propinou un lapote a un dos axentes, polo que foi neutralizado e detido. Unha testemuña achegouse ao lugar denunciando que danara outros vehículos, en concreto, outra motocicleta e tres turismos. O detido, un mozo de 31 anos, foi trasladado a dependencias policiais e denunciado por un concurso de dous delitos: delito continuado de danos e delito de resistencia grave a axentes da autoridade no exercicio das súas funcións. Outra dotación policial de apoio e a Sala do 092 fixeron xestións para localizar aos propietarios dos vehículos danados.

CONTROIS PREVENTIVO-DISUASORIOS DE SEGURIDADE VIARIA

-Ás 15.05 horas do 25 de marzo, unha patrulla deu o alto ao condutor dun ciclomotor á altura do número un da avenida Primo de Rivera e detectou que presentaba signos de atoparse baixo os efectos de bebidas alcohólicas ou estupefacientes, polo que foi requirido para realizar as probas correspondentes. O mozo, de 26 anos, arroxou un resultado positivo en drogas pola presenza de cocaína e cannabis no organismo, polo que poderá ser sancionado con 1.000€ e coa retirada de 6 puntos do permiso de conducir. Do vehículo fíxose cargo outro condutor habilitado legalmente e en condicións normais.

- Ás 17.45 horas do 25 de marzo, unha dotación deu o alto a un ciclomotor na rúa Pórtico de San Andrés e apreciou que o seu condutor presentaba signos de inxerir bebidas alcohólicas, polo que se lle realizaron as probas de alcoholemia. O home, de 75 anos, arroxou uns resultados positivos (0,43 e 0,45 mg/l), polo que poderá ser sancionado con 500€ de multa e coa retirada de 4 puntos do permiso de conducir. Do vehículo fíxose cargo outro condutor habilitado legalmente e en condicións normais.

- Ás 23.26 horas do 25 de marzo, unha dotación comprobou que un mozo de 33 anos, que circulaba pola rúa Gambrinus, carecía do permiso de condución, polo que se lle tramitaron dilixencias ao xulgado de garda por un delito contra a seguridade viaria. Do vehículo fíxose cargo outro condutor habilitado legalmente e en condicións normais.

- Ás 06.20 horas do 26 de marzo, un home de 39 anos foi denunciado por dar positivo na proba de alcoholemia (0.67 e 0.64 mg/l) cando circulaba co seu vehículo pola rúa Don Bosco. Do vehículo fíxose cargo outro condutor habilitado legalmente e en condicións normais.

UN HOME FOI DENUNCIADO POR FURTO NUN ESTABLECEMENTO COMERCIAL

- Ás 17.10 horas do 29 de marzo, unha dotación acudiu a un establecemento comercial da zona de Catro Camiños onde o persoal de seguridade tiña retido a un home. Un destes vixiantes explicou que detectara polas cámaras de seguridade como o home collera uns pendentes, gardáraos e tentara abandonar o local sen pagar, polo que foi interceptado. Cando foi requirido para que mostrase os efectos que gardaba entre as súas roupas, este entregou de forma voluntaria os pendentes subtraídos e recoñeceu os feitos. O home, de 53 anos, foi identificado e denunciado por un delito de furto ante o xulgado de garda.

CONTROIS PREVENTIVO-DISUASORIOS DE SEGURIDADE VIARIA

- Ás 01.00 horas do 31 de marzo, tras recibir aviso dun cidadán na Sala do 092, unha dotación policial deu o alto ao condutor dunha motocicleta que ía circulando de maneira irregular. O home, de 56 anos, arroxou unhas taxas de alcol de 0,74 e 0,70 mg/l, polo que se tramitaron dilixencias ao xulgado de garda por un delito contra a seguridade viaria polo procedemento do xuízo rápido. O vehículo foi retirado por un guindastre ao depósito municipal como medida cautelar de seguridade viaria.

- Ás 01.30 horas do 31 de marzo, unha dotación deu o alto a un turismo cando circulaba pola rúa Galileo Galilei e comprobou que o seu condutor, un home de 42 anos, non obtivera nunca o permiso de condución, polo que se lle tramitaron dilixencias ao xulgado de garda por un delito contra a seguridade viaria.

- Ás 19.36 horas do 31 de marzo, produciuse un accidente de tráfico da clase `raspado´ no Cantón Grande entre dous vehículos. O condutor dun deles, un home de 53 anos, foi denunciado administrativamente por dar positivo (0,60 e 0,58 mg/l) na proba de alcoholemia que se lle realizou, polo que poderá ser sancionado cunha multa de 1.000 euros e coa retirada de 6 puntos do seu permiso de conducir. Do vehículo fíxose cargo outro condutor habilitado legalmente para conducir e en condicións normais.

- Ás 12.00 horas do 1 de abril, nun control policial na rolda de Outeiro, detectouse a un home, de 38 anos, que conducía co seu permiso sen puntos, polo que se lle tramitaron dilixencias ao xulgado de garda por un delito contra a seguridade viaria polo procedemento de xuízo rápido. O vehículo foi retirado por un guindastre até o depósito municipal como medida cautelar de seguridade viaria.

DETIDO UN HOME POR UN DELITO DE VIOLENCIA DE XÉNERO

- Ás 04.30 horas do 31 de marzo, unha dotación trasladouse a un domicilio da zona da Sagrada Familia, onde, segundo unha chamada ao 092, estaba a producirse un episodio de violencia de xénero. A patrulla localizou fronte ao portal do inmoble a unha muller que presentaba varios hematomas na cara e que manifestou que fora agredida pola súa parella o día anterior. A muller relatou como, esa noite, a súa parella chegara a casa en estado ebrio e moi agresivo, ameazándoa con tirala pola xanela e que, ante o temor de volver a ser agredida, chamara á policía e baixara ao portal, deixando no domicilio ao bebé que teñen en común. A patrulla detivo ao presunto agresor, de 58 anos, nun estado visiblemente ebrio, quedando custodiado nos calabozos policiais a disposición xudicial por un presunto delito de violencia de xénero. Outra dotación policial trasladou á muller e ao seu fillo ao domicilio dun familiar que manifestou que estes episodios eran moi frecuentes.

CONTROL EN ESTABLECEMENTOS PÚBLICOS

- Ás 08.15 horas do 31 de marzo, unha patrulla realizou unha inspección a un local da zona de Juan Flórez con solicitude de licenza para cafetería e comprobou que estaba exercendo unha actividade que non se correspondía co solicitado, tendo en funcionamento altofalantes e sonógrafo en funcionamento, polo que se lle tramitou a denuncia correspondente.

DETIDA UNHA MULLER POR UN DELITO DE VIOLENCIA DOMÉSTICA

- Ás 22.26 horas do 31 de marzo, unha patrulla foi comisionada pola Sala do 092 para que acudise á zona do Agra do Orzán, onde se estaba a producir unha agresión nun domicilio. A persoa requirente do servizo, que se refuxiou na vivenda do piso superior para avisar á Policía Local, alertaba de que a súa nai estaba a agredir ao seu pai cun coitelo. Xa no lugar, a dotación entrevistouse co requirente e co seu pai, que explicaron como a súa nai comezara a insultar e a agredir ao seu pai, chegando a coller un coitelo e un martelo. O home manifestou que era habitual que a súa muller o agredira e que nesta ocasión a súa esposa recrimináralle que non a defendese nunha discusión coa propietaria dun bar. A dotación constatou que este home presentaba varias contusións na cabeza e costas, así como unha lesión por arma branca no ombreiro esquerdo polo que solicitouse unha ambulancia para a súa asistencia. A muller manifestou que fora agredida polo seu marido e que só se defendera. Foi trasladada a dependencias policiais e posta a disposición xudicial por un delito de violencia doméstica con resultado de lesións.

DETIDA UNHA MULLER POR FURTO EN ESTABLECEMENTO COMERCIAL

- Ás 18.35 horas do 2 de abril, unha patrulla da Policía Local foi requirida pola Sala 092 para que se trasladase a un establecemento da zona da praza de Vigo onde se producira un furto. Unha vez no lugar, a propietaria do local explicou como, mentres estaba a atender a unha muller, unha segunda fixo un ruído noutra zona do local, momento no que a muller que estaba a ser atendida aproveitou para marchar apresuradamente do local. A outra dependenta resultoulle sospeitoso o comportamento de ambas as mulleres e retivo a unha delas á saída do local até a chegada da dotación policial que se atopaba nas inmediacións. A muller portaba un bolso e un colar valorados en 660 euros, polo que foi detida e trasladada a dependencias policiais onde se lle tramitou denuncia por un delito de furto.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión