Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

13 de abril de 2018

As liñas de transporte público 1, 1A, 2, 2A, 3, 3A, 4, 5, 6, 6A, 7, 11, 17, 21, 22 e 24 modificarán os seus itinerarios, e os autobuses interurbanos que chegan a Entrexardíns só poderán acceder até a praza da Palloza

O Concello despregará este domingo un dispositivo especial de tráfico pola celebración do VII Maratón Atlántica

As e os participantes sairán do Obelisco ás 08.30 horas, pero os primeiros cortes produciranse contra as 05.30 horas nos Cantóns. Os servizos municipais recomendan empregar a rolda do Real Club Deportivo como vía de entrada e saída da cidade

As rúas da cidade acollerán este domingo, 15 de abril, por sétimo ano, o Maratón Atlántica Coruña42, a proba atlética de maior distancia das organizadas pola Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento. A carreira, que comezará contra ás 08.30 horas, terá a súa saída no Obelisco e a meta na praza de María Pita. Durante 42.195 metros, nun circuíto homologado pola Real Federación Española de Atletismo, as e os atletas percorrerán o bordo litoral coruñés así como as principais rúas do casco urbano, a través dos Cantóns, a enseada do Orzán e os terreos portuarios de Oza. A proba, como é habitual, estará acompañada por unha carreira popular máis accesible para a cidadanía, dunha distancia total de 10 kilómetros. Co gallo da celebración desta cita deportiva, que se desenvolverá ao longo de toda a mañá do domingo, o Concello da Coruña despregará un dispositivo especial de tráfico para facilitar a mobilidade da veciñanza durante o transcurso da proba, que afectará desde as 05.30 horas da mañá a diversas rúas e que suporá tamén cambios na circulación das liñas de transporte público urbano e interurbano. A este respecto, os servizos municipais recomendan empregar a rolda do Real Club Deportivo como vía de entrada e saída da cidade na mañá do día 15.

O dispositivo iniciarase contra as cinco e media da mañá, momento no que se producirá o corte total ao tráfico nos Cantóns, desde Ambrosio Feijóo ata Praza de Mina, e que se prolongará até as 14.00 horas. Ademais, desde as 08.00 e até as 13.15 horas, procederase ao corte total de Juana de Vega, praza de Pontevedra, Modesta Goicouría e o Paseo Marítimo --entre a glorieta da Casa dos Peixes até a das Esclavas--, así como da rúa Manuel Murguía --desde as Esclavas até a rúa Almirante Lángara--. Como desvíos para eludir o percorrido da proba nestes puntos, a Concellería de Mobilidade Sostible habilitará o dobre sentido do túnel da praza de Pontevedra, para permitir a conexión de San Andrés con Juan Flórez e Francisco Mariño a través de Durán Loriga, poñendo dobre sentido até a rúa Hortas. O tráfico de Manuel Murguía desviarase cara ao Paseo de Ronda e avenida da Habana e o de Calvo Sotelo desviarase cara a Alfredo Vicenti e a praza de Pontevedra. Ademais, cambiarase o sentido da rúa Santa Catalina cara a San Andrés, e nos Cantóns permitirase a saída de vehículos do párking na saída do Obelisco, para virar á dereita a contramán cara a Santa Catalina. Cómpre lembrar que, en todo momento, manterase a conexión da rúa Sol coa rúa Hospital, fundamental para facilitar a mobilidade do transporte público urbano.

A celebración do maratón suporá igualmente o corte de praza de Mina, Sánchez Bregua, Linares Rivas, Primo de Rivera, a avenida do Exército --até a glorieta da rolda de Outeiro-- e a Estrada do Porto --até a glorieta de Oza-- entre as 08.00 e as 14.00 horaa. Para permitir percorridos alternativos, habilitarase especificamente un carril para cada sentido de circulación desde praza de Ourense até o viaduto de Alfonso Molina pola calzada do lado do porto --no sentido entrada á cidade--. Ademais, o tráfico de entrada procedente da avenida da Pasaxe AC-12 desviarase cara á glorieta de Casablanca, con paso polo túnel dos Castros aberto de forma exclusiva aos vehículos que van ao Porto. Do mesmo xeito, o tráfico de entrada do túnel de Eirís AC-10 desviarase tamén á glorieta de Casablanca. Para realizar estes percorridos manterase aberto un un carril, en sentido saída da cidade, desde Primo de Rivera cara a Ramón y Cajal, e outro desde rúa Fontán e Padre Feijóo cara a Alfonso Molina.

Proba popular de 10 km

Igualmente, con motivo da celebración, de forma simultánea ao maratón, da proba popular de 10 km --que sairá dos Cantóns ás 08.45 horas--, entre as 08.30 horas e as 10.15 horas procederase ao corte total do Paseo Marítimo, desde o Castelo de San Antón ata o IFP de Monte Alto --antes da glorieta da Casa dos Peixes--. O acceso ao túnel do Parrote pecharase desde o túnel da Mariña, e manterase o sentido saída da cidade desde o Castelo de San Antón. Ademais, habilitarase un carril con tráfico alternativo para acceder desde As Ánimas ao Oceanográfico. Limitarase tamén o acceso da circulación á rúa Veramar --só poderán acceder residentes e persoas usuarias dos garaxes-- e á rúa Julio Portela Ceballos. Finalmente, darase tráfico alternativo na rúa Manuel García Canzobre (Residencia Torrente Ballester) para entrada e saída de Durmideiras cara á avenida de Navarra.

Estacionamento

A Concellería de Mobilidade Sostible advirte de que, durante o desenvolvemento do Maratón Atlántica Coruña42 --08.30 a 14.00 horas-- e da proba popular 10K --08.45 a 10.15 horas--, o estacionamento quedará restrinxido en diversas zonas que se sitúen no marco do circuíto. Así, non se poderá estacionar na rúa Modesta Goicouría así como na avenida Pedro Barrié de la Maza, entre o pasadizo do Orzán e xunto ao Hotel Meliá María Pita. Tampouco estará permitido o estacionamento na rúa Manuel García Canzobre, Manuel Murguía --desde Esclavas até Almirante Lángara--, Juana de Vega e praza de Mina. Si que se poderá estacionar en Linares Rivas, ao igual que en Primo de Rivera --para dirixirse cara á Palloza--.

Na avenida do Exército, poderase aparcar e mover cara a Ramón y Cajal --do lado da Fábrica de Tabacos até a Casa do Mar-- pero non na beira oposta, de xeito que non se poderá deixar o turismo na saída da estrada do Porto ata a Palloza, nin en Ramón y Cajal até a rúa Río Monelos, nin na rotonda da rolda de Outeiro --tampouco na beira do Porto nin até a entrada de acceso ao mesmo--. Do mesmo xeito, quedará restrinxido o estacionamento na avenida do Porto, desde a avenida do Exército até rotonda de San Diego. As restricións de estacionamento estenderanse durante a mañá tamén na rúa Manuel Casas, na avenida do Porto, na contorna do edificio de Correos, e en Ambrosio Feijóo.

Transporte público

A celebración da cita deportiva causará tamén afeccións ao servizo público de transporte urbano naquelas liñas con destino ao hospital Abente y Lago ou a Monte Alto, que deberán circular até Catro Camiños para continuar por Castiñeiras, viaduto de Alfonso Molina, praza de Ourense e avenida do Porto -onde se colocará unha parada provisional en cada sentido de circulación á altura da rúa Entrexardíns-, para continuar polo túnel de María Pita até a praza das Atochas. No caso das liñas 1,1A, 2, 2A, 23 e 23A, circularán a partir deste punto pola avenida do Metrosidero, Maestranza e Abente e Lago, facendo parada na praza dás Ánimas e continuando polo túnel de O Parrote cara á avenida do Porto, praza de Ourense, Alfonso Molina e Pajaritas, para regresar a Catro Camiños, desde onde cada liña se incorporará ao seu itinerario habitual, coa excepción da liña 1, que accederá aos Castros pola avenida de Oza.

As liñas a 3, 3A, 4, 5, 6, 6A, 7, 11 e 17, desde a praza das Atochas retomarán en Orillamar o seu itinerario habitual. Ao regreso de Monte Alto, desde Campo da Leña continuarán por Baltasar Pardal, praza das Atochas, Metrosidero, Maestranza e Abente y Lago, baixando cara á praza das Ánimas para acceder ao túnel do Parrote, Estrada do Porto, praza de Ourense, Alfonso Molina, Pajaritas e Catro Camiños, desde onde a liña 17 continuará pola avenida de Oza cara aos Castros, para recuperar o seu itinerario habitual, mentres que as demais --3, 3A, 4, 5, 6, 6A, 7 e 11-- circularán por Castiñeiras, Federico Tapia e praza de Galicia para incorporarse en Juan Flórez, 10 ao seu percorrido.

Ademais, como consecuencia da carreira de 10 Km, que afecta á entrada e saída do polígono de Durmideiras, así como ao tramo do Paseo Marítimo comprendido entre o instituto Ánxel Casal e a Torre de Hércules, as liñas 3, 3A e 5 circularán desde a avenida de Navarra até a Rolda de Monte Alto. O dispositivo municipal prevé que a partires das 10.00 ou as 10.15 horas queden liberados os accesos ao barrio e poida recuperarse a circulación, así como e o itinerario habitual, das liñas 3, 3A e 5 en Adormideras.

Por outra banda, as liñas 21, 22 e 24, ao non poder acceder á praza de Pontevedra por praza de Ourense e Juana de Vega, desde Catro Camiños transitarán por Castiñeiras e Federico Tapia ata Francisco Mariño, para facer cabeceira en Juan Flórez, 10.

A zona comprendida entre San Andrés, Barrié da Maza, rúa Hospital e Matadoiro non disporá dos servizos de transporte urbano habituais, polo que a Concellería de Mobilidade, en función do lugar no que se atopen as persoas usuarias, recomenda dirixirse aos puntos máis próximos, como poden ser Juan Flórez, 10, avenida do Porto, Campo da Leña, rúa da Torre ou avenida de Hércules. Finalmente, as persoas que collan o bus 1, 14 e 17 na avenida do Exército deberán, durante a mañá do domingo, trasladarse á avenida de Oza para acceder a estas liñas.

Transporte interubano e taxi

O desenvolvemento do Maratón Atlántica Coruña42 tamén afectará ao percorrido habitual das liñas de transporte interurbano que, habitualmente, acceden a Entrexardíns, xa que se anularán tanto esta parada coma as da praza de Ourense, e Costa da Palloza, 4 --manténdose a da Costa da Palloza, 5, fronte ao Bingo-- Na mañá do domingo, os autobuses só poderán acceder até a praza da Palloza e realizarán o itinerario de saída por Palloza, Primo de Rivera e Ramón y Cajal. Ademais dos cambios nos itinerarios das liñas de bus, as probas deportivas terán incidencia no funcionamento das paradas de taxi de Modesta Goicouría, que se despraza a Rubine, e dos Cantóns, que se suprimirá ata as 14.00 horas. Pola súa banda, as paradas da Casa do Mar e o Paseo da Dársena manteranse operativas.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión