Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

19 de xuño de 2019

Máis de medio milleiro de persoas compoñerán o dispositivo de seguridade para o San Xoán

A alcaldesa ofreceu hoxe unha rolda de prensa en que achegou datos sobre o operativo especial de seguridade posto en marcha polo concello con motivo do San Xoán 2019, festa de interese turístico internacional, e que reúne anualmente ao redor de 150.000 persoas na cidade.

A responsable municipal destacou que nesta edición "os recursos humanos que conforman este dispositivo especial superaron as 500 persoas". No bando especial do concello, que tamén lle afecta á noite de San Xoán, regúlanse as normas para esta noite, onde destaca que as sardiñadas teñen autorización desde o venres 14 ata o domingo 30 de xuño. "O noso desexo é que sexa unha noite o máis festiva e agradable posible en todos os sentidos. Procuramos un espazo seguro en que todas e todos esteamos cómodos, que a xente goce e que non se envíe lixo ao mar, algo que en calquera caso intentaremos paliar da mellor maneira", explicou.

En concreto, dentro do dispositivo especial, haberá 149 efectivos da Policía Local; 44 integrantes do servizo de Bombeiros, que inclúe o Grupo de Rescate Acuático; 44 integrantes de Protección Civil e socorristas; 20 membros de servizos de vixilancia privada que estarán, con varias quendas establecidas, nos accesos ás praias e nos aseos públicos a pé da praia, co fin de que a xente non vaia ao mar; 95 persoas destinadas á monitoraxe ambiental para garantir a sustentabilidade da festa; 20 do servizo sanitario; 40 membros do Corpo Nacional de Policía e 6 membros de Urxencias Médicas do 061, ademais de 8 efectivos no centro móbil de coordinación e videovixilancia. Desta forma, ademais das 496 persoas que integran o dispositivo de seguridade e urxencias, haberá aproximadamente 110 efectivos máis que se empregarán no servizo de limpeza de praias.

Recursos materiais e humanos

As e os integrantes da Policía Local levarán a cabo diversas actuacións os días antes e ao longo de toda a xornada co obxectivo de garantir a seguridade cidadá. Así, realizarán o control de cacharelas e grelladas, regularán o tráfico na zona de praias de Riazor e do Orzán e traballarán na seguridade en xeral de toda a cidade; terase especialmente en conta o Paseo Marítimo debido á aglomeración cidadá. Doutra banda, o servizo de Bombeiros encargarase, entre outros factores, da revisión das lumaradas e sardiñadas (o 17 de xuño xa excedían das 500 solicitudes), ademais da falla municipal e do disparo pirotécnico, onde tamén estará presente o grupo de Rescate Acuático, integrado por efectivos deste corpo de seguridade, que ademais estará presente nas praias de Riazor, O Orzán, O Matadoiro, As Amorosas e San Roque. Os servizos de Salvamento e Socorrismo dispoñerán de 8 socorristas entre as praias de Riazor, O Orzán, O Areal (As Lapas) e Oza, ademais de 2 patroas ou patróns de embarcacións, 2 embarcacións, 1 coordinador/a, 1 médica/o, 1 auxiliar de enfermería e 1 técnica/o. A este respecto, a alcaldesa destacou que "por terceiro ano consecutivo, as praias do Areal (As Lapas) e Oza contarán con este servizo tan necesario". Pola súa banda, os servizos de Protección Civil achegarán a este dispositivo un posto sanitario medicalizado no Paseo Marítimo, ademais de dous puntos sanitarios en Riazor e no Orzán e dúas ambulancias medicalizadas, por se for necesario atender algunha incidencia. Non serán os únicos dispositivos de atención médica. Os servizos do 061 encargaranse de traslados fóra da contorna da praia e contarán con dúas ambulancias medicalizadas itinerantes e outras catro situadas na base de Agrela. O Servizo de Ambulancias tamén suma ao dispositivo unha ambulancia de soporte vital avanzado, catro de soporte vital básico, un posto médico e un centro de coordinación dos incidentes médicos.

Teremos comunicación constante co centro de urxencias do 112 da comunidade para coordinar calquera tipo de eventualidade.

Horarios

O dispositivo especial de seguridade do San Xoán iniciarase ás 19.00 horas do domingo 23 de xuño e finalizará ás 6.00 h da mañá do día seguinte. A coiraza quedará pechada xa desde as 9.00 horas para a montaxe do centro de control e o Paseo Marítimo cortarase ás 19.00 horas, igual que nos anos anteriores.

A prohibición do baño iniciarase ás 22.00 horas; a preamar será ás 21.21 horas do día 23 de xuño e a baixamar ás 3.38 horas de 24 de xuño. Será unha marea tranquila pero iso non nos debe relaxar. Para gozar dunha festa segura, debemos atender os consellos de seguridade que emitan os distintos corpos da Policía, Bombeiros e Protección Civil. Calquera persoa que precise axuda debe acudir aos postos das praias; no caso de Riazor e do Orzán, tamén se pode dirixir aos postos que estarán situados no Paseo Marítimo, na parte traseira do instituto Eusebio da Guarda ou na coiraza. O repartimento da leña que fai o concello terá lugar a partir das 18.00 horas (están previstas unhas 150 toneladas de madeira), aínda que a baixada de material á praia non será posible ata as 19.30 horas. O disparo pirotécnico manterase ás 00.00 horas, aínda que, como informou a alcaldesa, os concertos previstos para a noite adiantarán o seu horario, de maneira que só o último deles se realice despois do espectáculo pirotécnico, a partir das 00.15 horas.

Consellos

Para unha noite de San Xoán segura e sen incidentes, os servizos municipais aconsellan, no caso das lumaradas, non empregar combustibles que ardan con dificultade ou que conteñan na súa composición produtos químicos que poidan descompoñerse en gases tóxicos e fume, ademais de contaminar o aire, como madeiras pintadas ou vernizadas, pneumáticos, plásticos, aceites e graxas, nin tampouco empregar acelerantes, xa que son incontrolables e poden causar queimaduras. Do mesmo xeito, chámase a non usar madeira de obra ou mobiliario, xa que pode conter cravos ou grampas e materiais sintéticos; non tirar ao lume materiais lixeiros (papeis, teas...) que fagan charamuscas e propaguen o lume a outros lugares ou provoquen queimaduras; non queimar colchóns nin sofás, que xeran fume denso e gases tóxicos nin tirar tampouco elementos susceptibles de explotar (botes, sprays, latas...) ao lume. Non se deben utilizar tampouco os colectores públicos nin os carros comerciais para transportar a madeira, xa que nas praias se repartirá de forma gratuíta madeira limpa.

En canto ás churrascadas e sardiñadas, desde os servizos de prevención lembran que é necesario poñer sempre unha cama de area sobre o asfalto ou formigón; esta area pode solicitarse nos teléfonos municipais 080 (Bombeiros), 092 (Policía Local) e no número de atención cidadá 010. As grelladas ou sardiñadas deben colocarse a un mínimo de 15 metros de coches, fachadas, mobiliario urbano ou liñas eléctricas e é necesario asegurar o paso libre para os vehículos de urxencia, así como dispor dun medio de extinción cerca, xa sexa un extintor, un caldeiro de auga, unha mangueira conectada á rede de auga etc. Á hora de apagar o lume da grella, hai que asegurarse de que o lume queda ben extinguido para evitar que poida reavivarse.

Sobre o espectáculo pirotécnico, os servizos municipais recomendan acudir con suficiente antelación e seguir as instrucións do persoal de seguridade, como é non achegarse ao lugar onde se lanzan os fogos, respectar o cordón de seguridade e prestar atención á caída de fragmentos incandescentes. Se algún resto dos fogos cae preto e sen explotar, é importante non tocalo nin empurralo co pé; o correcto será afastarse e avisar o persoal de seguridade. No caso dos petardos, as e os menores deberán contar con autorización dunha persoa adulta para usalos, sempre con precaución: afastándoos da cara e do corpo e tirándoos lonxe de persoas ou animais e en espazos exteriores (nunca na casa ou dentro dun local, nin tampouco dentro de colectores, botellas, ladrillos ou latas, nin en zonas con vexetación). Neste caso, recórdase que non deben gardarse no peto, que é máis seguro empregar os de mecha longa e que hai que os acender polo extremo.

De se producir unha queimadura, os servizos municipais recomendan aplicar auga fresca na zona afectada durante un mínimo de 2-3 minutos, non rebentar as bochas nin aplicar pomadas, cremas nin ningún tipo de desinfectante nin tampouco arrincar os restos de roupa que se puidesen adherir. Se o lume prende na roupa, o procedemento correcto é non correr, para evitar que se aviven as chamas, tirarse ao chan e rodar amodo para apagalas, tapar a cara coas mans para que o lume non chegue ao rostro nin ao corpo e que os gases non entren nos pulmóns. Se non hai máis remedio, pódese utilizar un extintor de po. Nunca se debe intentar quitar a roupa pola cabeza.

A cidadanía ten ao seu dispor os teléfonos de urxencia para calquera dúbida: Bombeiros, 080; Policía Local, 092; Policía Nacional, 091; Urxencias Médicas, 061; alerta xeral, 112.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión