Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

6 de xuño de 2018

O Concello habilitará o período entre o 15 de xuño e o 1 de xullo para que as persoas que o soliciten poidan realizar sardiñadas no espazo público “dunha forma responsable e sen risco”

O bando municipal publicado hoxe especifica, ademais, a necesidade de que a cidadanía que queira facer unha cacharela en San Xoán presente unha comunicación previa antes do día 22 mentres que, excepcionalmente, non será necesario facer unha solicitude no caso de querer realizar unha sardiñada en dita noite

O Concello da Coruña procedeu este mércores a publicar o bando municipal que regula as actividades estivais relacionadas coa festa de San Xoán, así como coa celebración de churrascadas, barbacoas e sardiñadas. A concelleira de Seguridade Cidadá, Rocío Fraga, destacou o esforzo realizado pola administración local para artellar un dispositivo que garanta que a cidadanía non estará exposta a riscos innecesarios na vía pública durante este verán. Por outro lado, a tamén responsable da área de Igualdade e Diversidade, sinalou a necesidade de que "a veciñanza se corresponsabilice para, entre todos e todas, lograr unhas festas completamente libres de violencias e delitos de odio". O bando, publicado hoxe nos principais xornais da cidade, convida aos e ás cidadás "a alertar ante calquera manifestación que vulnere a liberdade e o gozo das persoas atendendo especialmente ás violencias machistas, así como as fobias de carácter racista e xenófobo ou contra o colectivo LGTBQI".

Como norma xeral, o Concello permitirá este ano realizar sardiñadas, churrascadas ou similares en espazos de titularidade pública entre o venres 15 de xuño e o domingo 1 de xullo, ambos incluídos. Para iso, será preciso que as persoas interesadas presenten unha comunicación previa por escrito a Área de Seguridade Cidadá cunha antelación mínima de 24 horas. A veciñanza que así o desexe poderá descargar da web municipal o modelo de comunicación previa. Co obxectivo de xerar os menores prexuízos posibles, e tendo en conta que estamos a falar de espazos de titularidade pública, as churrascadas só poderán realizarse entre as 13.00 e as 16.00 horas e as 20.00 e as 00.00 horas. "Como nos últimos anos, especificamos que a distancia de grellas e barbacoas ao arborado será, cando menos, de 10 metros, do mesmo xeito que tamén haberá que gardar unha distancia de seguridade con elementos combustibles ou que poidan resultar danados, como mobiliario urbano, cristaleiras, colectores do lixo...", explicou. Os lumes que se realicen deberán ser de pequenas dimensións e as beirarrúas deberán quedar libres para permitir o tránsito peonil. Ademais, unha vez rematado, as persoas solicitantes deberán deixar limpo o espazo autorizado.

Churrascadas e cacharelas e zonas de exclusión

De forma excepcional, a noite de San Xoán poderán organizarse sardiñadas e churrascadas, neste caso, sen comunicación previa nin a área de mobilidade nin a seguridade, "sempre e cando non se ocupen calzadas nin se entorpeza a circulación de vehículos". Será necesario cumprir, ademais, o resto de especificacións do bando.

Por outro lado, no que atinxe á realización de lumeiradas na noite de San Xoán e en espazos de vía pública tamén será necesaria a presentación dunha comunicación previa, por escrito, á área de Seguridade Cidadá antes do día 22 de xuño, ás 15.00 horas. Do mesmo xeito que coas churrascadas, as persoas que o necesiten poderán descargar o formulario tipo da web municipal.

Tanto durante esta noite coma no resto do mes existirán as chamadas zonas de exclusión, nas que non se poderá prender lume de ningún tipo. O Concello tamén pode establecer limitacións noutros espazos, denominados de especiais coidados. Entre as chamadas zonas de exclusión figura a totalidade do trazado do oleoducto, o parque de Bens e o Monte de San Pedro, os xardíns de Méndez Núñez, os de San Carlos, a praza da Bárbaras e a contorna da Torre de Hércules, incluíndo o merendeiro das Lapas (que non a praia), espazo no que ademais se está a tramitar a consideración de Espazo de Especial Protección (ENIL) debido a súa riqueza natural. As zonas de arborado de Azcárraga, San Pedro de Mezonzo, Barrio das Flores, Parque de Santa Margarita, rúa Alcabaleiros (espazo fronte á estación de autobuses), Campo da Leña, Campo de Marte, praza de Monforte, e campos da contorna da Torre están comprendidas dentro das zonas de especiais coidados.

Outras condicións especiais da noite de San Xoán

Ademais da necesidade de facer unha comunicación previa no caso de querer realizar unha lumeirada nun espazo de titularidade pública na noite de San Xoán, o bando publicado este mércores tamén especifica que o horario para baixar o material das fogueiras ás praias da cidade, atendendo a táboa das mareas, será a partir das 19.30 horas do 23 de xuño. O reparto de madeira comezará media hora antes. Como vén sendo habitual, o baño nos areais quedará prohibido entre as 22.00 horas do día 23 e as 09.00 horas do 24 de xuño.

Para tal noite, habilitase un dispositivo de transporte público consistente en oito liñas especiais que comunicarán os barrios coa praza de Pontevedra, cunha frecuencia de 15 minutos entre as 00.30 horas e as 2.30 horas, e co Bus Búho entre as 03.00 horas e as 06.30 horas cada 30 minutos.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión